Ficha e Lectio - Domingo 6 de Pascua B
FICHAS ANTERIORES:
TOMADO DE
DOMINGO VI DE PASCUA
(Ano B: 6 maio 2018)
Xoán,
no evanxeo de hoxe, mais tamén na súa Primeira Carta (a da segunda Lectura),
amósasenos coma un autor denso, fondo, que vai á cerna dos problemas. Alén da
descrición dos acontecementos ocorridos en relación con Xesús, a el gústalle
profundar, reflexionar e sintetizar. Poderiamos dicir que procede xa en certo
modo como un teólogo sistemático de tempos posteriores. Por iso Xoán é
simbolizado tradicionalmente en forma de aguia, pois á aguia gústalle voar a
gran altura e ten ademais visión aguda e penetrante.
Disto
dános el boa proba cando nos fala hoxe do amor: da súa centralidade na mensaxe
cristiá. Empregamos tantas veces a palabra amor que ás veces pode ela converterse
en moeda gastada. E non debería ser así. Porque en realidade sen amor non pode
vivir un nin poden tampouco os demais. Mais cal é a orixe do amor para Xoán?
Nesta
primeira carta súa respóndenos Xoán que “o amor vén de Deus”; aínda máis, que
“Deus é amor”. Isto tanto para Xoán como para calquera cristián é algo moi
claro, porque ben sabemos que a única maneira de saber como é Deus é vendo como
se comporta o seu fillo unixénito Xesús. Xesús dixera de si mesmo: “Quen me ve
a min, ve ó Pai”, é dicir, ve a Deus. Pois ben, a experiencia que van tendo os
apóstolos e discípulos de Xesús con el é a de alguén que os estima e quere de
verdade, que os desculpa, que os perdoa, que dá a súa vida por eles e por todos
e que resucita para lles dar e garantir a eles e a todos vida e resurrección.
Os
discípulos de Xesús van aprendendo así a ver a Deus como alguén que, sobre
todo, ama sen límites. De cando en cando lémbrovos, para que non o deades a
esquecemento, que Deus é trindade de persoas que se aman: Deus-Pai, Deus-Fillo
e Deus-Espírito. Pero isto non pode converterse en algo abstracto, nunha
especie de invento ou entretemento de teólogos que non tivesen nada que facer.
Non. A Trindade de Deus é a conclusión á que xa chega a primeira reflexión
cristiá, cando os seguidores de Xesús se van dando conta de que el fala de si
mesmo como Fillo, como o Fillo único e infinitamente querido de Deus-Pai. Pola
súa parte, Xesús enténdese a si mesmo como a imaxe perfecta do Pai, como
manifestación divina do mesmo Pai. De modo que en Deus hai polo menos, para
dicilo dalgunha maneira, unha dualidade de persoas: o Pai e o Fillo. E esta
dualidade converterase en trindade cando Xesús nos fale despois de que el e
mailo Pai nos van mandar aínda un terceiro, que nos encherá de consolación e
que estará sempre connosco, alegrándonos e amándonos como presenza viva en nós
do Pai e do Fillo. É a persoa divina que chamamos Espírito Santo.
Deus
vén sendo así como un círculo de amor e nese ámbito de amor quere que entremos
tamén nós, aínda que Deus se bastaría plenamente a si mesmo sen que nós entrásemos
nel. Mais des que Deus decidiu irmandarse coa humanidade toda no seu Fillo
Xesús, pertencemos todos a esta atmosfera de amor da Trindade de Deus, que vén
sendo algo así como o aire que respiramos. Se nos fallase ese aire non
poderiamos seguir vivindo. Por iso cando unha persoa sente que non é querida,
que non é amada, deixa case automaticamente de querer seguir vivindo.
Volvendo
ó texto de Xoán e tendo en conta que nos discípulos de Xesús estamos presentes
en certo modo todos nós, póñense en boca de Xesús estas palabras: “Como me amou
o Pai, así vos amei eu”. O comportamento de Xesús connosco non fai senón
prolongar ou repetir o amor que Deus-Pai lle ten a el. Deste modo, en Xesús e
con Xesús somos todos queridos infinitamente por Deus-Pai. Isto é algo que
supera a nosa comprensión, porque en principio semella imposíbel que Deus nos
poida querer tanto.
Velaquí
vedes por que ten tanta importancia o de amármonos mutuamente. Ata tal punto
que se converte no verdadeiro e único mandamento que nos dá Xesús: “Este é o
meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. E repítese aínda
o mesmo pouco despois: “Mándovos isto: que vos amedes uns a outros”.
Polo
tanto, se queremos ser verdadeiros discípulos de Xesús e “cristiáns” de
verdade, non nos vale en modo algún presumir de cousas como estas: eu sonche
moi relixioso, moi amante de Deus, rezo moitísimo, eu cumpro con tódalas
normas, eu son moi obediente, etc., etc. Todo isto está moi ben, mais mentres
non poidamos anotar, sen mentir, no currículo da nosa vida: “eu quero ben a
todos, eu amo a todos, eu son amigo de todos”, se non podo dicir isto con
verdade, entón nada do anterior nos será de proveito para podermos aprobar o
curso, refírome ó curso longo ou curto da nosa vida. Pois xa sabedes ben aquilo
que escribía o santo carmelita de Ávila Xoán da Cruz: “ó atardecer da vida
examinarante do amor”. Examinaranme, polo tanto, sobre se arredor de min fun
creando erroneamente na vida un círculo de “servos”, aduladores e dependentes,
e non en cambio –como debería ser- un
círculo de “amigos” de verdade, libres e independentes, tal e como fixo Xesús
cos seus apóstolos e discípulos ós que lles dicía: “Xa non vos chamo servos...
A vós trateivos de amigos”.
Non
se entende moi ben como se nos fai tan custosa e complicada unha cousa que en
principio semellaría fermosa e doada. Porque quen ama recibe normalmente tamén
amor e séntese polo tanto querido e feliz. Por iso, cando nos fala aquí Xesús
deste “mandamento” seu de amármonos uns a outros, engádese aínda: “Díxenvos
estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa
plena”.
Non
o dubidemos. Quen ama fai felices os que ama e é feliz tamén el mesmo. Nun
fermoso libriño de “Conversas” co P. Seixas (que tantas veces presidiu nesta
igrexa a eucaristía) preguntáballe o entrevistador por que todos lle querían ben. E el contestaba: “É
certo que teño moitos amigos e moita xente marabillosa que demostra terme
estima... O ter capacidade de amar os demais, incluso sensiblemente...
repercute nunhas boas relacións... Eu sempre procuro tratar ben a xente, con
agarimo e, polo xeral, son ben correspondido. Esta é unha faceta da miña vida
da que estou plenamente satisfeito, sempre tiven moitos e moi bos amigos”.
Que
bo sería se puidésemos dicir algo semellante sobre nós mesmos!
Como,
por outra parte, entre nós e tamén nalgúns outros países se celebra no primeiro
domingo de maio (e dicir, hoxe) o Día da Nai, queremos tamén nós unirnos a esta
celebración, desexándolles ás nais un feliz día na súa entrega amorosa ós
fillos, levando así elas xenerosamente á práctica o amor do que o evanxeo nos
fala.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Deus Pai as nosas peticións,
dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a verte a ti en comuñón de amor
co Fillo e co Espírito Santo.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que todos e cada
un de nós valoremos o mandamento do amor como a principal tarefa da nosa vida.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dálles, Deus Pai-Nai,
agarimosas e xenerosas nais ós nenos do mundo para que poidan así medrar eles
con confianza e esperanza nas súas vidas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo Noso Señor. AMEN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-6-pascua-b-xoan-159-17/
FICHAS ADAPTADAS DE:
Comentarios
Publicar un comentario