Ficha e Lectio - Ascensión do Señor ciclo B

FICHAS ANTERIORES:

LECTIO:

ASCENSIÓN DO SEÑOR 
(13 maio 2018)

            A festividade da Ascensión abrangue mensaxes e ideas grandes e sublimes. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse dalgunha maneira ceo e terra. Entendidos naturalmente ámbolos dous de maneira simbólica, en tanto que coa terra asociamos o imperfecto mentres que, pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo.
            Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas. Pois, por unha parte, en Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser das dúas; porque el, “o Pai omnipotente”, tal como confesamos no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E, por outra parte, no seu Fillo Xesús encarnado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes por toda a eternidade. Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por máis que sexa tamén e será para sempre o Fillo único e benquerido de Deus.
            Xesús “ascende”, pois, nesta festividade a un novo e definitivo nivel. Amósanos así cal é tamén o noso “camiño”. Xa dixera el de si mesmo que non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, polo tanto, que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito que Xesús nos promete hoxe: “Recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós”.
            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos polo tanto en solitario. Ben sabemos que unha peregrinaxe ou calquera viaxe se fan máis doadamente cando se vai con outros acompañantes que dan azos ou que fornecen axuda cando se precisa. El vai connosco. E non de calquera maneira. Vai sempre diante, facendo o meirande esforzo e abríndonos o camiño.
            En realidade todos formamos unha unidade con el. Segundo Paulo, na súa carta de hoxe ós Efesios, os cristiáns formamos con Xesús Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” deste corpo. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso, que ten Xesús como “cabeza”, dirixindo e estimulando tódolos membros do seu corpo místico, que somos todos nós.
            Mais pensemos aínda. A este Xesús Cristo que ascende ó ceo están unidos os seres humanos todos do tempo pasado, do presente e do porvir, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan. Todos están, estamos, chamados e convidados a este esforzo común con el cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Pois quen non quere vivir?, quen non busca a verdade?, quen non quere acertar co camiño que leva á felicidade?
            Pois ben, quen queira que teña estes desexos (e témolos todos dunha ou doutra maneira, en maior ou menor grao) debería saber que Xesús está con el, que el está con Xesús. Non podemos converter Xesús en alguén que está só reservado para certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos concretos. Xesús está aí para todos, para toda a humanidade. Pois el non é nin máis nin menos que a imaxe fiel e perfecta para todos do Deus Pai de todos.
            Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas”. Por iso a Igrexa non pode deixar de se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.
            Isto pode relacionarse tamén co mandado que, a teor do evanxeo de hoxe, lles fai Xesús ós seus apóstolos: “Ide polo  mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación”. A anunciar tal Boa Nova, esa noticia tan grande, estamos chamados todos e cada un dos cristiáns na súa vida familiar, comunitaria e social, dando así testemuño da nosa fe e sobre todo do noso amor a todos. Así o entendeu, por exemplo, o fundador dos chamados Misioneiros e Misioneiras Identes, un Instituto Relixioso fundado polo madrileño Fernando Rielo, que finou hai poucos anos (no 2004), ó lles pór o nome de “Identes” (non “Videntes”) ós membros do seu Instituto. “Identes” procede deste mandado de Xesús: “Ide polo mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación...”.
            Decatádevos ademais de que aquí se fala de toda a “creación” e non só da “humanidade”. A Boa Nova de Xesús ten que se estender a toda a natureza: animais, árbores, plantas, paisaxe, etc. Temos que respectar e coidar da fermosura desta “creación” de Deus, que con frecuencia convertemos case en lixo polos intereses sen límites das industrias ou polo noso individual desleixo. Unha tarefa importante sobre todo para nós os galegos, que recibimos de Deus unha terra tan fermosa que tantos de fóra nos envexan. Porque a terra, o mar e o aire son tamén a terra, o mar e o aire de Xesús, que viviu connosco e que seguirá a ser para sempre un de nós. Se os desfiguramos ou estragamos, enturbamos ó tempo a imaxe e a mensaxe de Xesús.
            Rematando xa. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos todos chamados tamén a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus plans sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.
            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
            Tendo en conta que toda Eucaristía é agradecemento, hoxe debería selo de maneira especial á vista destes grandes plans que ten Deus sobre nós en Xesús Cristo.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos no Xesús que ascende ós cos o camiño que a través da nosa vida nos leva cara a Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma nun ascenso continuo cara arriba, cara a un comportamento individual e social cada vez máis humano e cristián. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, as persoas e países do mundo enteiro para que poidan superar a súa indixencia humana, social e espiritual. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/ascension-do-senor-b-marcos-1615-20-2/

 

FICHAS ADAPTADAS DE:




Comentarios

Publicacións populares