FICHA E LECTIO: Domingo 33 do Tpo. Ordinario A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Pobres
que están aí
(15
de novembro de 2020)
A
parábola dos talentos apréndenos a nos comportar como axentes activos na
creación. Non deberiamos esquecer que Deus, cando crea, cando fai xurdir o
mundo e a nós nel, realiza esa tarefa facendo reflectir nela o que el mesmo é.
Agora ben, o Deus cristián é plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e
Espírito. Plenitude de actividade. Por iso, cando el crea a realidade, fainos
tamén a nós activos e vitais. Unha materia, unha vida ou unha humanidade
inertes e pasivas non terían senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría
a si mesmo ó se expresar no mundo e mais en nós.
É
algo así como cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Eles, á
maneira de Deus, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación dun
mundo humano, vivo e activo. Pois ¿que son os fillos, por pequerrechos que
sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada
vez máis? Son os propios pais os primeiros sorprendidos pola incríbel
vitalidade dos seus fillos.
As
cousas do mundo, incluídos nós mesmos, son así e todo moi diferentes, malia todo
ter unha mesma orixe divina. En realidade é unha diferenza que reflicte tamén
dalgunha maneira a diferenza entre as tres persoas divinas do único Deus.
Neste
sentido, a parábola dos diferentes talentos de que dispoñemos as persoas hai
que situala no contexto destas diferenzas. Cada un de nós recibe de Deus, a
través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons distintos.
Mais
o que verdadeiramente importa é que cada un de nós poña ó servizo dos demais os
dons que Deus lle deu. Porque, como ben sabemos, Deus non precisa dos nosos
servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Si os precisan, en
cambio, cantos máis preto ou máis lonxe de nós teñen algunha relación connosco.
Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso suposto
amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.
Para
nós non debería existir meirande alegría cá de podermos ter ocasión de
traballar polo ben dos demais, pois eles son os nosos irmáns. Na parábola non
quedan ben os preguiceiros, os que non se preocupan por se converteren en axuda
e apoio dos que están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito mellor
se cada un pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira
actividade que se nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos
foron dados para os facer frutificar e aumentar poñéndoos ó servizo dos demais.
Escribíame
hai xa algún tempo un bo amigo tras publicar o seu primeiro libriño nos comezos
da súa actividade docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de autor e todo
o que recade irá parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica a proxectos
de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en América Latina,
África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país... A partir de agora, tódolos
meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte)
dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Cada día fago o esforzo consciente de
seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da
ensinanza’, senón unha persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha
universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso”.
Isto
vén sendo -engado eu agora- unha das moitas maneiras de cumprirmos nos nosos
tempos o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos máis
necesitados. É o mesmo que facía aquela “muller forte” dos tempos antigos, ben
loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola
súa xenerosidade cos necesitados: “Bota as mans á roca e os seus dedos manexan
o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo”.
Mais
non quero rematar este cativo comentario das lecturas sen facer lembranza –como
xa fixen en anos anteriores por estas datas- de algo ocorrido tal día como mañá
(día 16 de novembro de 1989) hai agora trinta e un anos. Pois coido que está en
liña co que acabo de comentar. Nese día, en Centroamérica, foron asasinados
pola represión militar, podemos dicir martirizados -tendo en conta que a
palabra de orixe grega “mártir” significa ser “testemuña”- dous bos amigos meus
xesuítas. En total foron martirizados no abrente dese día seis xesuítas e mais
dúas mulleres que traballaban con eles. Os que eu coñecía de ter convivido con
eles durante os nosos estudos de teoloxía no Tirol austríaco eran Ignacio
Ellacuría e Segundo Montes, o primeiro orixinario do País Vasco e o segundo de
Valladolid. Tanto Ignacio como Segundo puxeron, como se nos pide no evanxeo, os
seus “talentos” ó servizo da construción do reino de Xesús. Non agacharon eses seus
dons nun burato, senón que os puxeron ó servizo da igualdade e da fraternidade.
Con Ignacio Ellacuría convivín durante case dous anos desde o mes de outono de
1960 ata o verán de 1962. Eramos compañeiros de piso con porta de entrada ás
nosas respectivas habitacións fronte a fronte. El estivera xa antes en
Centroamérica. Serio e ó tempo amábel, teimoso en levar a cabo canto emprendía.
Cando volveu para alá ó final dos seus estudos, o seu propósito era empregar os
seus talentos ó servizo das que el chamaba “maiorías populares”, para que
acadasen unha vida digna, non sometida ó capricho e á violencia dos poderosos.
Pouco antes de ser eliminado, puiden aínda saudalo ó seu paso por Madrid de
volta ó lugar do martirio.
Con
Segundo Montes convivira xa antes de volver vernos en Innsbruck. Alí cursamos
xuntos tres anos de teoloxía e recibimos tamén a ordenación sacerdotal no mesmo
día. Debido a isto, foi moita a relación de amizade que tiven con el. Cando foi
asasinado xunto cos seus compañeiros era el o superior ou responsábel daquela
pequena comunidade xesuítica.
Así
pois, se os exemplos valen máis cás palabras que o vento leva, que esta curta
lembranzas nos sirva hoxe pra animarnos pola nosa parte a poñermos os nosos
diversos talentos ó servizo da boa nova, é dicir, da fraternidade e igualdade
entre todos.
Finalmente,
como por outra parte estamos a celebrar neste domingo a “Xornada Mundial dos
Pobres”, que o papa Francisco botou a andar hai só tres anos e sabemos ben que
moitos son pobres xustamente por non dispoñeren de posibilidades de traballo (e
pensemos tamén que estas se reduciron coa pandemia que estamos a aturar),
teñámolos especialmente presentes hoxe na nosa oración e no noso interese por
eles, lembrando aquilo que nalgún momento comentou o noso papa Francisco: “Cómo
me gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!”.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario