Xornada Mundial dos Pobres 2020 - Mensaxe do Papa Francisco
Tende a túa man aos pobres (cf 7,32)
A antiga sabedoría ten formulado estas palabras
coma un código sagrado a seguir na vida. Hoxe resoan con todo o seu significado
para axudarnos tamén a nós a ollar o esencial e a superarmos os atrancos da
indiferenza. A pobreza sempre asume rostros diferentes, que demandan unha
atención especial en cada situación particular; en cada unha delas podemos
atopar a Xesús, o Señor, que se nos revelou presente nos nosos irmáns mais
febles (cf Mt 25, 40).
1.
Tomemos nas nosas mans o Eclesiático, tamén coñecido como Sirácida, un
dos libros do Antigo Testamento. Aquí atopamos as palabras dun sabio mestre que
viviu uns douscentos anos antes de Cristo. El procuraba a sabedoría que fai aos
homes mellores e capaces de escrutar con fondura os acontecementos da vida.
Fixo esta procura nun momento de dura proba para o pobo de Israel, un tempo de
dor, de loito e miseria causado polo dominio das potencias estranxeiras. Sendo
un home de gran fe, arraigado nas tradicións dos seus devanceiros, o seu
primeiro pensamento foi dirixirse a Deus para pedirlle o don da sabedoría. E o
Señor axudouno.
Dende as primeiras páxinas do libro, o Sirácida expón os seus consellos sobre moitas situacións concretas da vida, e a pobreza é unha de elas. Insiste no feito de que na angustia hai que confiar en Deus: «Ergue o corazón, mantente firme e non te angusties no tempo da adversidade. Pégate a el e non te separes, e no remate serás enaltecido.Todo o que te veña, acéptao e sé paciente nas adversidades e na humillación. Porque é no lume onde se proba o ouro, e os que agardan ao Señor no forno da humillación. Nas enfermidades e na pobreza pon a túa confianza nel. Confía nel e hate axudar, endereita os teus camiños e agarda nel. Os que temedes ao Señor, agardade a súa misericordia e non vos desviedes, non vaia ser que caiades» (2,2-7).
2.
Páxina tras páxina, descubrimos un precioso compendio de propostas sobre
como actuar á luz dunha relación íntima con Deus, creador e amante da creación,
xusto e próvido cos todos os seus fillos. Porén, a constante referencia a Deus
non impide ollar ao home concreto; pola contra, as dúas cousas están
estreitamente relacionadas.
Demóstrao con claridade a pasaxe da que toma o título esta Mensaxe (cf 7, 29-36). A oración a Deus e a solidariedade cos pobres e os que sofren son inseparables. Para celebrar un culto que sexa grato ao Señor, compre recoñecer que toda persoa, mesmo a mais indixente e desprezada, leva impresa de seu a marca de Deus. De este recoñecemento deriva o don da bendición de Deus, que ven a nós pola xenerosidade que se practica co pobre. Emporiso, o tempo dedicado á oración nunca poderá servir de coartada para descoidar ao próximo necesitado; pola contra: a bendición do Señor descende sobre nós e a oración acada o seu propósito cando vai da man do servizo aos pobres.
3. Que
actual esa ensinanza, tamén para nós! Efectivamente, a Palabra de Deus apunta
alén do espazo, do tempo, das relixións e das culturas. A xenerosidade que
sostén ao feble, consola ao aflixido, alivia os sufrimentos, volve a dignidade
aos privados dela, é unha condición para unha vida plenamente humana. A opción
por dedicarse aos pobres e ter conta das súas moitas e variadas necesidades non
pode estar condicionada pola disposición de tempo ou por intereses privados,
nin por proxectos pastorais ou sociais descarnados. O poder da graza de Deus
non pode ser abafado pola tendencia narcisista a poñerse un mesmo sempre en
primeiro lugar.
Manter a mirada cara o pobre é difícil, pero moi necesario para dar á nosa vida persoal e social a dirección correcta. Non se trata de empregar moitas palabras, senón de comprometer concretamente a vida, movidos pola caridade divina. Cada ano, coa Xornada Mundial dos Pobres, volvo sobre esta realidade fundamental para a vida da Igrexa, porque os pobres están e estarán sempre connosco (cf. Xn12,8) para axudarnos a acoller a compaña de Cristo na nosa vida cotiá.
4. O
encontro con unha persoa en condición de pobreza sempre nos provoca e
interroga. Como podemos axudar a eliminar ou cando menos aliviar a súa
marxinación e sufrimento? Como podemos axudala na súa pobreza? A
comunidade cristiá está chamada a involucrarse nesta experiencia de compartir,
coa conciencia de que non lle está permitido delegala noutros.
E para apoiar aos pobres é fundamental vivir a pobreza evanxélica en primeira persoa. Non podemos sentirnos “ben” cando se marxina un membro da familia humana e convértese apenas nunha sombra. O berro silencioso de tantos pobres debe atopar ao pobo de Deus en primeira liña, sempre e en todas partes, para darlles voz, defendelos e solidarizarse con eles ante tanta hipocrisía e tantas promesas incumpridas, e convidalos a participar na vida da comunidade.
É certo que a Igrexa non ten solucións globais que propoñer, pero ofrece, coa graza de Cristo, o seu testemuño e o seus xestos de compartir. Séntese, asemade, na obriga de presentar as esixencias dos que non teñen o necesario para vivir. Para o pobo cristián lembrar a todos o gran valor do ben común é un compromiso de vida que se realiza no intento de non esquecer a ningún dos que viven coa súa humanidade violada nas necesidades fundamentais.
5.
Tender a man descubre a quen o fai, en primeiro lugar, que de nós existe
a capacidade de realizar xestos que dan sentido á vida. Cantas mans tendidas se
ven cada día! Lamentablemente, cada vez mais sucede que a presa arrástranos
nunha vertixe de indiferenza, ata o punto que nos incapacita para recoñecer
todo o ben que cada día se realiza no silencio e con gran xenerosidade. Así
sucede que , só cando ocorren feitos que alteran o curso da nosa vida, os nosos
ollos vólvense quen de enxergar a bondade dos santos “da porta do lado”, «dos
que viven cerca de nós e son un reflexo da presenza de Deus» (Exhort.Ap,
Gaudete et exultate,7), pero dos que non fala ninguén. As malas noticias son
tan abundantes nas páxinas dos periódicos, nos sitios da internet e nas
pantallas de televisión, que acabamos crendo que o mal reina soberano. Non é
así. É certo que maldade e violencia, abuso e corrupción, están sempre
presentes, mais a vida está tecida de actos de respecto e xenerosidade que non
só compensan o mal, senón que nos empurran a irmos mais alá e a ateigarnos de
esperanza.
6.
Tender a man é un signo: un signo que lembra inmediatamente a
proximidade, a solidariedade, o amor. Nestes meses, nos que o mundo enteiro ten
estado como atafegado por un virus que trouxo dor e desconcerto, cantas mans
tendidas temos visto! A man tendida doa médico a que se preocupa por cada
paciente tratando de atopar o remedio axeitado. A man tendida dos enfermeiros
que , moito mais alá das súas horas de traballo,permanecen para coidar aos
enfermos. A man tendida de quen traballa na administración e apronta os medios
para salvar ao meirande número de vidas. A man tendida dos farmacéuticos,
expostos a tantas peticións nun contacto arriscado coa xente. A man tendida do
sacerdote que bendí co corazón desgarrado. A man tendida dos voluntarios que socorren
aos que viven na rúa e aos que malia ter un teito,non teñen comida. A man
tendida de homes e mulleres que traballan para proporcionar servizos esenciais
e seguridade. E outras mans tendidas que poderiamos describir ata compoñer unha
ladaíña de boas obras. Todas esas mans teñen desafiado o contaxio e o medo para
dar apoio e consolo.
7. Esta pandemia chegou de repente e colleunos desprevidos, deixando unha gran sensación de desorientación e impotencia. Nembargante a man tendida ao pobre non chegou de repente . Ela, mais ben, ofrece o testemuño de como nos temos aprontado para recoñecer ao pobre para sostelo no tempo da necesidade. Un non improvisa instrumentos de misericordia, Compre un adestramento cotiá, que proceda da conciencia do moito que precisamos, nós os primeiros, dunha man tendida cara nós.
A experiencia que estamos a vivir puxo en crise moitas certezas. Sentímonos mais pobres e febles porque temos experimentado o sentido do límite e a restrición da liberdade. A perda do traballo, dos afectos mais queridos e a falla das relacións entre as persoas habituais abriron de golpe horizontes que xa non estabamos acostumados a observar. As nosas riquezas espirituais e materiais foron postas en tela de xuízo e descubrimos que temos medo. Pechados no silencio dos nosos fogares, redescubrimos a importancia da sinxeleza e de manter a mirada fixa no esencial. Temos madurado a esixencia dunha nova fraternidade, capaz de axuda recíproca e estima mutua. Este é un tempo favorábel para «volver a sentir que nos necesitamos uns a outros, que temos unha responsabilidade polos demais e polo mundo […]. Xa tivemos moito tempo de degradación moral, burlándonos da ética, da bondade, da fe, da honestidade […]. Esa destrución de todo fundamento da vida social remata por enfrontármonos uns cos outros para preservar os propios intereses, provoca o xurdimento de novas formas de violencia e crueldade e impide o desenvolvemento dunha verdadeira cultura do coidado do ambiente» (Carta enc. Laudato Si´, 229). No remate as graves crises económicas, financeiras e políticas non rematarán mentres permitamos que a responsabilidade que cadaquén debe sentir polo próximo e por cada persoa, permaneza adurmiñada.
8. “Tende a man ao pobre” é, porén, un convite á responsabilidade e a un compromiso directo de todos os que se senten parte do mesmo destino. É unha chamada a levar as cargas dos mais febles, como lembra san Paulo: «mediante o amor, poñédevos ao servizo uns dos outros. Porque toda a Lei atopa a súa plenitude nun só precepto: Amarás ao teu próximo como a ti mesmo. […] Levade as cargas uns dos outros» (Ga 5,13-14; 6,2). O Apóstolo ensina que a liberdade que se nos deu coa morte e resurrección de Xesucristo é para cadaquén unha responsabilidade para poñérmonos ao servizo dos demais, especialmente dos mais febles. Non se trata dunha exhortación opcional, senón que condiciona a autenticidade da fe que profesamos.
O libro do Eclesiástico ven doutra volta na nosa axuda: suxire accións concretas para soster aos mais febles e tamén utiliza algunhas imaxes evocadoras. Nun primeiro momento toma en consideración a febleza dos que están tristeiros: «non refugues aos que choran» (7,34). O período da pandemia obrigounos a un illamento forzoso, mesmo impedindo que puideramos consolar e permanecer cerca de amigos e coñecidos aflixidos pola perda dos seus seres queridos. E segue dicindo o autor sagrado: «non deixes de visitar ao doente» (7,35).Temos experimentado a imposibilidade de estra cerca dos que sofren e, ao tempo, temos tomado conciencia da fraxilidade da nosa existencia. En resume, a Palabra de Deus nunca nos deixa tranquilos e continúa estimulándonos ao ben.
9. “Tende a man ao pobre” destaca, por contraste, a actitude dos que teñen as mans nos petos e non se deixan conmover pola pobreza, da que con frecuencia son tamén cómplices. A indiferenza e o cinismo son o seu alimento cotiá. Que diferenza a respecto das xenerosas mans que temos descrito! De feito hai mans tendidas para rozar rapidamente o teclado do computador e mover sumas de diñeiro dunha parte do mundo a outra, decretando a riqueza de estreitas oligarquías e a miseria de multitudes ou o fracaso de nacións enteiras. Hai mans tendidas para amorear diñeiro coa venda de armas que outras mans, mesmo de cativos, usarán para sementar morte e pobreza. Hai mans tendidas que ás agochadas intercambian doses de morte para enriquecerse e vivir no luxo e no desenfreo efémero. Hai mans tendidas que intercambian pola porta de atrás favores ilegais por ganancias doadas e corruptas. E tamén mans tendidas que, nun puritanismo hipócrita, establecen leis que eles mesmos non observan.
Neste panorama, «os excluídos seguen agardando. Para poder soster un estilo de vida que exclúe a outros, ou para poder entusiasmarse con ese ideal egoísta, tense desenvolvido unha globalización da indiferenza. Case que sen decatármonos, volvémonos incapaces de compadecernos ante os clamores dos outros, xa non choramos ante o drama dos demais nin nos interesa coidalos, como se todo fora unha responsabilidade que non nos portén» (Exhort. Ap. Evangelii gaudium, 54). Non podemos ser felices ata que esas mans que sementan a morte se transformen en instrumentos de xustiza e de paz para o mundo enteiro.
10. «En todas as túas accións, ten
presente o teu final» (Si 7, 36). Esta é a expresión coa que o Sirácide remata
a súa reflexión. O texto préstase a unha dobre interpretación. A primeira fai
evidente que sempre debemos ter presente o remate da nosa existencia. Lembrarse
do noso destino común pode axudarnos a levar unha vida mais atenta a quen é
mais pobre ou non tivo as mesmas posibilidades que nós. Existe tamén unha outra
interpretación, que evidencia mais ben o propósito, o obxectivo cara o que cada
un tende. É a finalidade da nosa vida que require un proxecto a realizar e un
camiño a recorrer sen cansar.. E claro, a finalidade de cada unha das nosas
accións non pode ser outra que o amor. Este é o obxectivo cara o que nos
diriximos e nada debe distraernos del. Este amor é compartir, é dedicación e
servizo, pero comeza co descubrimento de que nós somos os primeiros amados e
movidos ao amor. Este fin aparece no momento no que o neno atopa o sorriso da
nai e séntese amado polo mesmo feito de existir. Mesmo un sorriso que
compartimos co pobre é unha fonte de amor e permítenos vivir na alegría. A man
tendida, daquela, sempre pode enriquecerse co sorriso de quen non fai gravosa a
súa presenza e a axuda que ofrece, senón que só se alegra de vivir segundo o
estilo dos discípulos de Cristo.
Neste camiño de encontro cotiá cos pobres, acompáñanos a Nai de Deus que, de xeito particular, é a Nai dos pobres. A Virxe María coñece de preto os atrancos e sufrimentos dos marxinados, porque ela mesma atopouse dando a luz ao Fillo de Deus nun cortello. Pola ameaza de Herodes, co seu esposo Xosé e o pequeno Xesús fuxiu a outro país, e a condición de refuxiados marcou á sagrada familia durante algúns anos. Que a oración da Nai dos pobres poida reunir aos seus fillos escolleitos e a cantos os serven no nome de Cristo. E que esa mesma oración transforme a man tendida nun abrazo de comuñón e de renovada fraternidade.
Roma, en San Xoán de
Letrán, 13 de xuño de 2020, memoria litúrxica de san Antonio de Padua
Comentarios
Publicar un comentario