FICHA E LECTIO: Cristo Rei ciclo A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Rei
diferente, non de aquí
(22
de novembro de 2020)
Con
esta celebración de Xesús Cristo Rei do Universo estamos a finalizar o ano
litúrxico. Xa no próximo domingo comeza, co tempo do Advento, unha nova
andaina, o novo ano litúrxico.
E
remata este tempo eclesial cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei
do universo. É dicir: rei de toda a creación, da que nós formamos parte. Un
universo que se estende, quizais infinitamente, cara a arriba e cara a abaixo.
No grande, máis alá das galaxias das que ata agora temos noticia. No pequeno,
máis abaixo das incríbeis pequenas estruturas que nos van descubrindo os
investigadores.
Deus
é infinito ou super-infinito a tódolos niveis, non ten limite algún na súa
grandeza, no seu poder, na súa bondade. Resulta lóxico por iso que o universo
participe tamén dalgunha maneira da grandeza do seu Creador. Sobre todo tendo
en conta que Deus Pai tiña desde sempre o proxecto de que o seu Fillo único se
encarnaría ou faría home nun momento concreto da evolución do universo e da
historia humana. Podemos dicir que o país, o “reino” do que Xesús ía ser rei
non podía ser cousa cativiña e modesta. Tiña que ter unha certa proporción coa
grandeza de Deus.
Xesús
non nega -a pesar da súa sinxeleza, humildade e proximidade a todos- que el
sexa rei. Todo o contrario. En momentos cruciais da súa vida, preto por exemplo
da súa morte inxusta e violenta, afirmará a súa realeza ante o mandatario
romano Pilato que lle preguntaba expresamente por ela. “Eu son Rei”,
responderalle. Por iso o título de “rei” figurará no letreiro sobre a cruz na
que foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei dos xudeus”. Un título que se vai
converter de feito coa súa morte e resurrección en título universal: Xesús rei,
non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Mais,
como sabemos, a súa realeza é moi distinta das realezas humanas. Por iso non
lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o consideraran rei ou o trataran
como tal. Xesús fuxía de calquera pretensión dos seus seguidores de o proclamaren
rei.
Anuncia,
en troques, unha mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder
(tal como adoitan proceder os reis da terra), senón no servizo. Cómpre
lembrarmos aquelas súas palabras, que ben farían en levar colgadas do peito cantos
recibiron o encargo de administrar os bens públicos: “Sabedes –dinos el- que os
que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa
autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira
facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo
de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para
servir e dar a súa vida en rescate por todos”.
Por
iso, e de maneira moi xusta e axeitada, a liturxia deste día pon diante nosa,
para a consideración de todos, a coñecida pasaxe de Mateo sobre o xuízo final,
sobre a que poderiamos dicir que se precisarían moitas vidas para chegarmos a
comprendela en toda a súa importancia e radicalidade. Dísenos alí que a regra
ou a lei sobre a que se vai basear o xuízo definitivo sobre a nosa relación con
Deus, é dicir, sobre a nosa relixiosidade, non vai ser propiamente esa nosa
suposta “relixiosidade” en canto tal, senón máis ben a nosa humanidade, o noso
espírito e a nosa práctica de “servizo” ós demais.
Deus
vai só xulgarnos sobre o noso parecido co seu modo de ser e de se comportar. E
el é o Deus que se converte nun de nós, que se fai humano, que se fai próximo a
todos e de maneira especial ós que máis precisan de proximidade e comprensión. No
seu reino non hai lugar para os que non comunguen con ese modo de ser e de se
comportar.
Mais
non se trata só diso: de facérmonos semellantes a el no seu modo de proceder.
Non se trata só de cumprirmos cun mandato xeral ou abstracto, senón de que el,
polo feito mesmo de se ter encarnado, veu identificarse en certo modo con tódolos
seres humanos, sexan estes os que sexan. Ó se identificar así con todos,
resulta que fomos todos en certo modo divinizados, convertidos pola graza de
Deus en fillos tamén de Deus. De aquí a incríbel e inmensa dignidade que temos
todos e cada un de nós, por máis que as aparencias externas poidan levarnos a
engano.
Un
pobre, un emigrante, un enfermo, un preso, etc., todos e cada un deles teñen a
mesma, se non meirande, dignidade cós que non se atopan nesa situación. Porque
son xustamente eles, e non outros, os que máis precisan da nosa atención, do
noso aprecio, dos nosos coidados.
Só
se temos isto en conta, comprenderemos por que Xesús considera sen máis a estas
persoas como explicitamente identificadas con el mesmo: “tiven fame e déstesme
de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme;
estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme
ver”.
É
ben posíbel que haxa persoas que realicen estas obras de amor e misericordia
sen saberen elas mesmas -por considerárense por exemplo como non crentes- que o
propio Xesús está presente nos presos, nos marxinados, etc. Mais pouco importa
este tipo de descrenza se tales persoas se deixan levar polo que lles pide ou
suxire o seu corazón, a súa conciencia. A eles responderalles tamén el coas
palabras do texto de Mateo: “Canto fixestes cun destes irmáns meus máis
pequenos, fixéstelo comigo”.
E
non nos esquezamos. Hai necesidades físicas de moita xente (sobre todo nos
tempos que corren), mais hainas tamén morais e afectivas. No evanxeo de
hoxe fálasenos de ámbalas dúas. Xesús
practicou este tipo de consolo moral e afectivo ata o último intre da súa vida.
Cando, por exemplo, na cruz un dos seus compañeiros de tormento lle di
“Lémbrate de min cando chegues ó teu reino” apresurarase el a lle contestar
agarimosamente: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.
Tendo
á nosa beira compañeiros ou amigos coma el, ata o propio morte pode converterse
en cousa doada.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/xesus-cristo-rei-do-universo-a-mateu-2531-46/
Comentarios
Publicar un comentario