FICHA E LECTIO: Domingo 32 do Tpo. Ordinario A + Extra 31

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Sermos candeas acesas

 (8 de novembro de 2020)

            En certa ocasión recibín dun amigo un chiste de Forges. Saberedes que, aínda que o caricaturista naceu en Madrid, o seu pai era galego e apelidábase Fraguas (aínda que o fillo cambiou despois Fraguas por Forges). Na caricatura estaban representados os pais duns rapaces e mais estes. O pai lía nun xornal de gran formato, a nai manexaba os mandos da tele e os rapaces entraban con ademán decidido onda eles e dicíanlles: “Acabamos de tirar a tele e mailo ordenador ó patio. Isto é unha revolución. Esiximos que nos contedes contos... e cousas. Iso”...

            Volvendo xa ó noso. Con frecuencia se falaba antes da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento, como dunha “Historia Sagrada”. Sobre todo no Novo Testamento, como ben sabemos, Xesús fala en parábolas, en “contos” poderiamos dicir, que conteñen grandes verdades. Non só os rapaces, para poderen durmir, fecundar a súa imaxinación e saber orientarse na vida, todos precisamos que nos conten historias ben artelladas e que conteñan importantes verdades. Por iso as boas novelas teñen tantos lectores.

            Os xornais, en cambio, mais sobre todo a tele e outros medios de comunicación métennos, non poucas veces, tantas cousas na cabeza e na imaxinación que, no canto de nos serviren para orientármonos e formármonos axeitadamente, o que non poucas veces fan é manipularnos e utilizarnos para os particulares intereses políticos ou económicos dos que os dirixen.

            A “historia sagrada” ou o “conto” que Xesús nos refire hoxe é o das dez mociñas que agardan a entrar na sala de vodas cando cheguen os noivos. Unha vez máis se nos presenta o reino de Deus como un encontro festivo e un ledo xantar de parentes e amigos. O reino de Deus é descrito así como o conxunto dunha humanidade que celebra festivamente a irmandade mutua de todos en mutua unión entre si e con Deus.

            O tema da luz é tamén importante. De si mesmo dixera xa Xesús noutras ocasións: “Eu son a luz do mundo”. Mais tamén, e como consecuencia disto: “Vós sodes a luz do mundo”. Alí onde está Deus, alí hai luz e claridade. Mais tamén onde queira que esteamos deberiamos, como bos cristiáns, converternos en luz para nós mesmos e para os demais. A luz crea calor e constrúe espazos novos e abertos para podermos camiñar con seguridade e tranquilidade.

            As cinco mozas atoladas das que nos fala a parábola non se preocuparon moito de seren luz para si mesmas nin para os demais. Velaquí o seu erro.

            Lémbrome moi ben de cando eu era aínda un rapaz nunha cativa parroquia da pontevedresa Terra de Montes. Cando anoitecía, ó principio, ademais do lume da lareira había algunha candea acendida, ou un candil de aceite (semellante seguramente ós candís das virxes do evanxeo) e despois ás veces un candil de carburo. Nos anos corenta a meu pai ocorréuselle facer alá abaixo no río un cativo e familiar muíño no que tamén había unha dínamo que producía algo de corrente continua para así podermos ter luz eléctrica na nosa casa e nalgunhas casas veciñas. “Ide botar a luz”, dicíanos el. E subiamos ó piso alto da casa para erguermos pouco a pouco unha panca que por medio dun arame movía alá abaixo no río un dispositivo que daba entrada a auga para producir luz. A luz da lámpada que estaba encima da miña cabeza era primeiro de cor vermella e tornábase despois xa máis clara e branca. Eu tiña a impresión de ser o facedor da luz. Mais non. Eu só poñía os medios para que a forza da auga do río se convertese onda min en lámpada para escorrentar a escuridade.

            Si. Temos que nos esforzar en amarmos a luz e en sermos, en canto poidamos, luz tamén para cantos se atopen connosco. Mais luz, o que se di luz no seu senso máis radical e pleno, non hai en definitiva máis ca unha. Unha luz que para nós, os crentes na boa nova de Xesús, é este mesmo en canto manifestación resplandecente do Pai-Deus, que ilumina, como se nos di tamén noutro texto do Novo Testamento, “a todo home que vén a este mundo”.

            O evanxeo pode deixarnos se cadra un pouco de angustia polas cinco mozas que se durmiron e non estaban a punto cando chegou o noivo. Quizais por iso, agora que estamos aínda relativamente preto do día no que nos lembrabamos dos nosos defuntos, tráenos Paulo unhas palabras tranquilizadoras na súa carta ó Tesalonicenses. “Non queremos –dísenos alí- que esteades desinformados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron”.

            Xesús é, pois, e serao sempre, “Salvador”, como o seu mesmo nome hebreo significa. Mais para que tal “salvación” se realice en todos e cada un de nós, temos que procurar achegarnos a quen é luz e calor, con fe e confianza. O noso Salvador non perde nada da súa luz ó compartila connosco. E, pola nosa parte, tampouco nós perdemos nada da luz recibida ó compartila cos demais.

            Este poñérmonos en contacto con Deus, Luz do mundo, realizámolo dunha maneira formal e comunitaria na celebración eucarística. Mais tamén cando persoalmente nos dirixamos a Deus na nosa oración ou nos poñamos ó servizo dos demais, cumprindo así ese segundo mandamento que é, como sabemos, “semellante ó primeiro”. Así, desta dobre e unitaria maneira, amando a Deus e os nosos próximos, é como iremos recargando unha e outra vez as nosas pilas para sermos de verdade tamén nós “luz do mundo”, luz para os demais.

            Mellor é sermos nós mesmos pequenos soles. Mais tamén a lúa, aínda ser ter luz propia, pode iluminar de noite -cando o sol se retirou a durmir- os pasos dos camiñantes. Sexamos, pois, luz, dunha ou doutra maneira, para os demais.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:


Ficha Extra 31 A:


Comentarios

Publicacións populares