PRESENTACIÓN DA VIRXE MARÍA
NAI DA IGREXA
O día 4 de decembro de 1963, na alocución coa que clausuraba a segunda sesión do Concilio, o papa Paulo VI xa manifestaba o seu desexo de venerar un día a María co título de “Nai da Igrexa, para gloria súa e consolo noso”.
Pois
ben, na súa audiencia do 18 de novembro de 1964, o Papa expuxo aos fieis un
resumo da constitución sobre a Igrexa e subliñou a importancia que o Concilio
estaba dando ao pobo de Deus e á vocación universal á santidade.
Con
iso, exaltábase á humanidade, que atopa o seu vértice en María. Sendo membro da
Igrexa, ela pode chamarse nai de todos os crentes e redimidos, é dicir, a Nai
da Igrexa, a Nai dos fieis.
De
feito, ese día anunciou que, ao pechar a terceira sesión do Concilio,
recoñecería á Virxe María co título de Nai da Igrexa. Ese título axudaría a
celebrala como raíña do mundo, centro materno da unidade e piadosa esperanza da
nosa salvación.
O
día 21 de novembro, a festa da Presentación da Virxe María no templo,
clausurábase a terceira sesión do Concilio. Na súa alocución o Papa explicou
que a doutrina sobre o episcopado e a colexialidade en nada se opoñía á mellor
tradición da Igrexa.
Pero
na segunda parte dirixiu a súa atención á Virxe María e afirmou que por
primeira vez un Concilio Ecuménico presentaba unha reflexión tan ampla sobre o
posto que María ocupa no misterio de Cristo e da Igrexa. Ela é “a parte maior,
a parte mellor, a parte principal e máis selecta” da Igrexa, como xa escribía
Ruperto de Deutz no século XII. E nese espírito proclamaba solemnemente:
“Para
gloria da Virxe e consolo noso, proclamamos a María Santísima Nai da Igrexa, é
dicir, Nai de todo o pobo de Deus, tanto dos fieis como dos pastores que a
chaman Nai amorosa. E queremos que de agora en diante sexa honrada e invocada
por todo o pobo cristián con este gratísimo título”.
A
continuación, Paulo VI explicaba que ese título non era novo para a piedade dos
cristiáns, pois “con este nome de Nai, e con preferencia a calquera outro, os
fieis e a Igrexa enteira adoitan dirixirse a María”.
Esperaba
o Papa que “coa promulgación da Constitución sobre a Igrexa, selada pola
proclamación de María como Nai da Igrexa, é dicir, de todos os fieis e
pastores, o pobo cristián ía dirixirse con maior confianza e ardor á Virxe
Santísima e ha tributarlle o culto e honor que a ela lle compete”.
A ela dedicaba finalmente unha fermosa oración que merece ser recordada. Nela
incluía unha súplica por todos os fieis: “Lémbrate de todos os teus fillos;
avala as súas preces ante Deus; conserva sólida a súa fe; fortifica a súa
esperanza; aumenta a súa caridade”.
José-Román Flecha Andrés
Comentarios
Publicar un comentario