Solemnidade do Noso Señor Xesucristo Rei do Universo - ciclo A


Primeira Lectura     Ez 34, 11-12. 15-17

LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL

Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella


            Así fala o Señor:

            ‑ Velaí, eu en persoa virei

seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.


            O mesmo que mira o pastor polos años,

o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,

así eu vou mirar polas miñas reses,

e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios

por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.


            Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,

e eu en persoa fareino acougar

‑é o meu Señor, quen fala ‑.


            Buscarei a ovella perdida,

farei volver a extraviada,

vendarei a que ten a pata partida,

fortalecerei a feble,

pero farei que perezan a gorda e a forte.


            Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

 Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor:

 ‑ Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,

 entre carneiros e castróns.



   Palabra do Señor                          R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6

R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.


O Señor é o meu pastor, nada me falta:

En pastos verdecentes faime repousar.


El lévame a beber en augas tranquilas

e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.


Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.


O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo

todos os días da miña vida.

Eu habitarei na casa do Señor

por días prolongados sen fin.


 


Segunda Lectura     1 Cor 15, 20-26. 28

LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en todo


            Irmáns:


            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.

            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.

            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.

            E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.


         Palabra do Señor                               R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA    Mc 11, 9. 10

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.


Bendito o que vén no nome do Señor!

Bendito o Reino do noso pai David que vén!


Aleluia.


 


Evanxeo     Mt 25, 31-46

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos outros


            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.


            Entón dirá o Rei aos da súa dereita:

            ‑ Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun foras­teiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.


            Entón preguntaranlle os xustos:

            ‑ Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?


            O Rei contestaralles:

            ‑ Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.


            E diralles logo aos da súa esquerda:

            ‑ Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, prepa­rado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.


            Entón tamén eles lle preguntarán:

            ‑ Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?


            El responderalles:

            ‑ Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.


            Estes irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.


         Palabra do Señor                R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares