Homilía do Papa na entrega da Cruz para a XMM de Lisboa 2023
Homilía
do Papa Francisco
con ocasión da entrega da Cruz
para a Xornada Mundial da Mocidade
de Lisboa 2023
22 de novembro de 2020
FOTO TOMADA DE: https://www.vaticannews.va/pt/papa/news/2020-11/jmj-2023-portugal-cruz-peregrina-entrega-papa-francisco.html
O que vimos de escoitar é a derradeira páxina de Mateo previa á Paixón: Xesús, antes de entregarnos o seu amor na cruz, déixanos a súa última vontade. Dinos que o ben que fagamos a un dos nosos irmáns mais pequenos -famentos, sedentos, estranxeiros, pobres, doentes, encarcerados- facémosllo a El (cf. Mt 25, 37-40). Así nos ofrece o Señor a lista don agasallos que quere para as vodas eternas con nós no Ceo. Son as obras de misericordia, que transforman a nosa vida en eternidade. Cadaquén pode preguntarse: póñoas en práctica? Fago algo por quen o precisa? Ou fago o ben só aos meus seres queridos e aos meus amigos? Axudo a quen non me pode corresponder? Son amigo dun pobre? E así, tantas preguntas que podemos facernos. “Eu estou aí” estache a dicir Xesús, “agardo por ti aí, onde non imaxinas e onde mesmo nin queres mirar, aí nos pobres”. Eu estou ai, onde o pensamento dominante - conforme ao que todo vai ben se a min me vai ben - non amosa interese. Eu estou aí, di Xesús tamén a ti, mozo que buscas realizar os soños da vida.
Eu estou aí, díxolle Xesús a un mozo soldado fai algúns séculos. Tiña dezaoito anos e aínda non estaba bautizado. Un día viu a un pobre que pedía axuda á xente, pero non a recibía porque “todos pasaban de largo”. E aquel mozo “comprendeu que , se os demais non lle tiñan compaixón, era porque o pobre estáballe reservado a el”, para el. Pero non tiña nada consigo, só a súa capa militar. Daquela, rachouna ao medio e deulle unha metade ao pobre, sufrindo as burlas de algúns que estaban canda eles. Á seguinte noite tivo un soño: viu a Xesús , vestido co anaco da capa coa que cubrira ao pobre. E escoitoulle dicir: “Martiño cubriume con esta roupa” (cf Sulpicio Severo, Vida de san Martiño de Tours,III). San Martiño era un mozo que tivo aquel soño porque o tiña vivido, aínda sen sabelo, como os xustos do Evanxeo de hoxe.
Queridos mozos e mozas, queridos irmáns e irmás: Non renunciemos aos soños grandes. Non nos contentemos co que é debido. O Señor non quere que recortemos os horizontes, non nos quedemos aparcados nas marxes da vida, senón en movemento cara metas mais altas, con alegría e audacia. Non estamos feitos para soñar coas vacacións ou no fin de semana, senón ara realizar os soños de Deus neste mundo. El fíxonos quen de soñar para abrazar a beleza da vida. E as obras de misericordia son as obras mais fermosas da vida. As obras de misericordia van precisamente ao centro dos nosos soños grandes. Se tes soños de gloria auténtica, non da gloria do mundo, que vai e ven, senón da gloria de Deus, este é o camiño. Le a pasaxe do Evanxeo de hoxe, e pensa nelo. Porque as obras de misericordia dan gloria a Deus mais que calquera outra cousa. Escoita ben isto: as obras de misericordia dan gloria a Deus mais que calquera outra cousa. No remate imos ser xulgados sobre as obras de misericordia.
Pero, de onde partir para realizar soños grandes? Das grandes decisións. O Evanxeo de hoxe tamén fala disto. De feito, no momento do xuízo final o Señor decide polas decisións que tomamos. Semella mesmo que non xulga: xebra as ovellas das cabras, pero ser bos ou malos depende de nós. El só deduce as consecuencias das nosas decisións, ponas á vista e as respecta. Daquela a vida é o tempo das decisións firmes, fundamentais, eternas. Eleccións banais levan a unha vida banal, eleccións grandes fan grande a vida. De certo convertémonos no que eliximos, para ben e para mal. Se eliximos roubar tornamos ladróns, se eliximos pensar en nós mesmos tornamos egoístas, se eliximos odiar tornamos furibundos, se eliximos pasar horas ante o móbil tornamos dependentes. Pero se optamos por Deus tornamos cada día mais amados e se eliximos amar tornamos felices. Isto é así porque a beleza das decisións depende do amor, non o esquezades. Xesús sabe que, se vivimos pechados e indiferentes quedamos paralizados, pero se nos gastamos polos demais facémonos libres. O Señor da vida quérenos cheos de vida e danos o segredo da vida: esta só se posúe entregándoa. E esta é unha regra de vida: a vida posúese, agora e eternamente, unicamente dándoa.
Certo que hai atrancos que viran difíciles as eleccións: moitas veces o medo, a inseguridade, os porqués sen resposta, tantos porqués. Porén, o amor pide de nós que vaiamos mais alá, que non quedemos prendidos dos porqués da vida, agardando que chegue unha resposta do Ceo. A resposta xa chegou, é a ollada do Pai que nos ama e nos enviou ao Fillo. Non, o amor impúlsanos a pasar dos porqués ao para quen, do por que vivo ao para quen vivo, do porque é que me pasa isto ao para quen podo facer o ben. Para quen? Non só para min mesmo: a vida xa está chea de decisións que tomamos mirando o nosos beneficio, para termos un título académico, amigos, unha casa, para satisfacer os propios intereses, os propios pasatempos. Pero corremos o risco de que pasen os anos pensando en nos mesmos sen comezar a amar. Manzoni danos un fermoso consello: “deberiamos pensar mais en facer o ben que en estar ben; así acabariamos estando mellor” (Os noivos, cap XXXVIII).
Pero non só as dúbidas e os porqués son os que debilitan
as grandes decisións xenerosas, hai moitos mais
atrancos, todos os días. Está a febre do consumo, que narcotiza o corazón con cousas
superfluas. Atópase a obsesión pola diversión, que semella o único xeito de
evadir os problemas, cando o que pasa é que quedan adiados. Hai unha fixación
na reclamación dos propios dereitos, esquecendo o deber de axudar. E
mesmo está a gran ilusión sobre o amor, que semella algo para vivir a forza de
emocións, cando amar é sobre todo: don, elección e sacrificio. Elixir,
especialmente no noso tempo, é non deixarse domesticar pola homoxeneización, é
non deixarse anestesiar polos mecanismos de consumo que desactivan a
orixinalidade, é saber renunciar ás aparencias e a exhibirse. Elixir a vida é loitar contra a
mentalidade do usar e tirar
e do todo e rápido, para conducir a existencia cara a meta do
Ceo, cara os soños de Deus. Elixir a vida é vivir, e nos temos
nacido para vivir, non para ir tirando. Son palabras dun mozo coma vós [o beato Pier Giorgio
Frassati]: “eu quero vivir, non ir tirando”.
Moitas eleccións xorden cada día no corazón. Quixera darvos un último consello para que vos adestredes en elixir ben. Se miramos dentro de nos, vemos nacer no nosos interior dúas preguntas distintas. Unha é: que me apetece facer? É unha pregunta que con frecuencia engana, porque insinúa que o importante é pensar nun mesmo e seguir os desexos e prontos que un ten. Porén, a pregunta que o Espírito Santo suxire ao corazón é outra: non que me apetece facer?, senón que é o que me fai ben? Velaí a elección de cada día: que quero facer ou que me fai ben? De esta procura interior poden nacer eleccións banais ou eleccións de vida, depende de nós. Miremos a Xesús, pidámoslle a coraxe de elixir o que nos fai ben, para seguir as súas pegadas no camiño do amor, e atopar coa alegría. Para vivir, non para ir tirando.
Comentarios
Publicar un comentario