Ficha e Lectio - Domingo Pentecoste C
LECTIO:
Lume
ardente no peito
(9 xuño
2019)
Pentecoste
é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai
referencia ós “cincuenta” días posteriores á Resurrección do Señor. Un número
de días que, tamén aquí, non se ha entender literalmente senón de maneira
simbólica. Un día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda
nós, para se facer presente en cada un de nós: mulleres e homes do mundo
enteiro de hoxe, mais tamén de épocas anteriores ou vindeiras.
Esta
festividade está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa
da Ascensión do Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas
a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección.
Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a
ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.
Hoxe,
nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”,
unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo.
Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova
situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de
Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de
Deus veu onda nós, está connosco e estarao sempre mentres haxa mundo. A súa
vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade
que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non hai Ascensión do Espírito Santo. El
está no corazón mesmo de cada un de nós e de toda a humanidade e connosco quere
estar como en casa propia.
Deste
xeito, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós
máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús estivo connosco. Precisamente
por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús
e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa
“Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do
mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo vén
sendo pola súa parte a presenza invisíbel, pero viva e actuante no mundo
enteiro deica a fin dos tempos, do Xesús ascendido ós ceos.
Nos
Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda
nós, como o “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas
de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre así unha
transformación fonda nos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos como “cheos
do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de se daren a entender por
tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente,
coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os
escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.
Tanto
nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de
mañá o que nos fai falla ós cristiáns é ese sentírmonos “enchidos do Espírito
Santo”, tal como ocorreu cos apóstolos na primeira Pentecoste. Un sentirmos en
nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio
da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se
realiza coas palabras, aínda que cos feitos mellor, porque, no fin de contas,
as palabras sen os feitos non son máis que algo oco ou baleiro.
De
que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do
Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de
Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a
si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o
poder transformador do Espírito Santo.
Por
iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, individual e
comunitariamente, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Vén,
Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina
luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
Teriamos
que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que
está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento
impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a
liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e
cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos.
Porque a súa “grandeza” (aquela da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é
unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma
un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e
alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no evanxeo de Xoán se nos
di que, despois de lles dar a paz ós seus discípulos, o Xesús resucitado
“alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.
Un
“alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos” e medos para
anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois,
forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza das persoas, culturas
e linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e
uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide tamén hoxe
en día o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ó
coñecemento das grandezas de Deus.
Sobre
esta festa de Pentecoste lin hai pouco o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco
devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito somos os cristiáns
capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como
cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de
Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
Pois
ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste
Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza
agarimosa en nós e en cantos nos arrodean, pidámoslle a el mesmo que nos mande
a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día: “Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.
Manuel
Cabada Castro
https://www.gruposdejesus.com/pentecoste-c-xn-2019-23/
Comentarios
Publicar un comentario