Domingo 13 do Tpo.Ordinario C


PRIMEIRA 1 Re 19, 16b. 19-21
Levantándose Eliseo saíu e seguíu a Elias
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

Dille o Señor a Elias:
unxe a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah, por profeta, teu sucesor. 19Elías marchou
de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que araba con doce xuntas, levando el a
derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto.

20Eliseo deixou os bois e foi correndo atrás de Elías. E díxolle: -"Déixame despedirme de
meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo". El respondeulle: -"Vai, pero volve logo,
pois xa ve-lo que fixen contigo". 21O da-la volta, Eliseo colleu a xunta de bois e
ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de arar coceu a carne e deulle á xente de comer.
Despois foise con Elías e quedou ó seu servicio.



SALMO RESPONSORIAL Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/ (cf 5a): Ti es, Señor, a miña herdade

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
2Eu dígolle ó Señor: -"Ti e-lo meu dono,
5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,
ti coidas do meu porvir.

 7Bendigo ó Señor que me guía
e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.
8Teño ó Señor sempre diante;
con El á dereita non caerei.

9Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo está seguro.
10Ti non abandonarás á morte a miña vida,
nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

11Mostrarasme o camiño da vida:
a túa presencia éncheme de alegría;
a túa dereita, de gozo eterno.



SEGUNDA Gal 5, 1. 13-18
Fostes chamados á liberdade
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

5 1Cristo liberounos para que vivamos en liberdade. ¡Estádeme, logo, ben firmes nel! ¡Que
non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!

13Irmáns, a vós chamáronvos á liberdade. ¡Pero coidadiño con servir ós baixos instintos co
gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor. 14Porque
toda a Lei está completa neste precepto: Amara-lo teu próximo coma a ti mesmo. 15Pero,
se vos adentellades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.

16Pois quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e, que non lles deades polo pé ós
proídos do instinto. 17Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito
contra os baixos instintos: contraríanse entre eles tanto, que non facéde-lo que de verdade
queredes. 18Mais, se vos guiades polo Espírito, xa non estaredes máis baixo a Lei.



ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c:
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna


EVANXEO Lc 9, 51-62
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

51Cando se ía cumpri-lo tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme
ir a Xerusalén. 52Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de
samaritanos, para lle prepararen pousada,

53non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. 54O veren isto, os
discípulos Santiago e Xoán dixeron:
-Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?

55Pero el volveuse e rifoulles. 56E foron para outra aldea.

57Polo camiño, díxolle un:
-Seguireite, vaias onde vaias.

58Respondeulle Xesús:
-As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde
pousa-la cabeza.

59Díxolle a outro:
-Sígueme.

Pero el contestoulle:
-Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.

60Respondeulle:
-Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anuncia-lo Reino de Deus.

61Outro díxolle tamén:
-Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.

62Contestoulle:
-Quen despois de pó-la man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.



Comentarios

Publicacións populares