Ficha e Lectio: Domingo 13 de Ordinario C
DEBUXO:
LECTIO:
Deus como insospeitado porvir
(30
de xuño de 2019)
Compracíalle
ó meu querido mestre e profesor de teoloxía en Austria e despois tamén de
filosofía en Alemaña, Karl Rahner, falar de Deus dicindo que el era o “futuro
absoluto”. Aínda que isto podería soar como algo moi abstracto e subido para as
nosas modestas capacidades de comprensión, o que en resumidas contas quería el dicir
é que Deus está sempre máis alá dos nosos limitados conceptos ou das nosas máis
atrevidas previsións, por moi grandiosas que estas sexan.
Agora
ben, precisamente por ser Deus tan grande, tan infinito, atráenos el moi
poderosamente, á maneira dunha estrela descomunal que fai orbitar arredor dela,
en continuo movemento, outros corpos celestes máis pequenos ca ela. Nós
parecémonos en certo modo a estes corpos celestes.
Seguindo a
comparanza astronómica, Xesús vén sendo para nós a manifestación humana máis
perfecta deste Deus infinito que nos supera totalmente e ó mesmo tempo nos
atrae desde o máis íntimo dos nosos corazóns. Xesús é atraído infinitamente por
seu Pai Deus é, ó tempo, atráenos fortemente a todos nós, en canto que nel se
fai presente Deus mesmo dunha maneira especialísima, única, sendo el así o
Fillo benquerido de Deus, igual en divindade ó Pai.
Ser
cristiáns quere dicir deixármonos atraer por Xesús para desa maneira podermos
encontrar a Deus. Somos e queremos ser seguidores de Xesús porque el vai sempre
diante, da mesma maneira que o futuro está sempre diante do presente e do
pasado. Neste sentido un cristián ten que ser necesariamente un “progresista”,
é dicir, un que mira cara ó futuro e que avanza cara ó que espera. Porque o que
imos ser e o que estamos a construír é, falando á maneira bíblica, un “Reino de
Deus”, que está por vir, que aínda non está entre nós a non ser de maneira só
moi incipiente. Por iso a nosa fe está estreitamente unida á nosa esperanza:
dúas actitudes fundamentais de todo cristián que xunto coa caridade ou o amor
constitúen as chamadas “virtudes teologais”.
A que vén todo
isto que vos estou a comentar? Pois simplemente porque me parece que o que nos conta
hoxe Lucas vai bastante por aquí. Xesús era un home aberto e decididamente proxectado
cara ó futuro. Para entendérmonos, Xesús era un verdadeiro e auténtico
“progresista”, no sentido máis literal de ir cara a adiante, un sentido que vai
moito máis alá (claro!) dos clixés políticos ós que estamos acostumados. As
cousas vellas e tradicionais non lle ían a el nin lle servían en canto podían
constituírse en rémoras para a construción do seu Reino: un reino de xustiza,
de amor e de paz. As continuas polémicas dos seus contemporáneos, tanto
políticos como sobre todo relixiosos, contra el baseábanse nisto. Pois a
relixión do seu tempo en boa parte ficara parada, detida, inmóbil, ancorada en
normas, preceptos e sacrificios exteriores, que case non lle deixaban á xente
nin liberdade nin capacidade de poder avanzar e progresar.
Ollo!
Ben o sabemos. O progresismo humano e relixioso de Xesús non é un progresismo
barato, abstracto, aéreo, senón ben encarnado nos problemas, nas ameazas e nos
sufrimentos polos que habería de pasar. Tanto el coma quen queira ser humilde
seguidor seu.
Desde
o punto de vista desta actitude de Xesús na súa vida e como confirmación dela,
non está mal escoitar de novo o que nos comenta Lucas no evanxeo de hoxe. Xesús
–dísenos alí- “decidiu en firme ir a Xerusalén”. É dicir, decidiu avanzar, coma
quen di, cara á boca do lobo. Porque é alí, en Xerusalén, no centro da política
e da relixión do seu tempo, onde terá que dar claro testemuño da súa mensaxe.
Non
o deterá nos seus plans, camiño de Xerusalén, o feito de que os samaritanos non
o vexan a el con bos ollos nin lle vaian conceder pousada entre eles. En
calquera caso, dada a claridade de ideas que tiña desde o seu discurso
inaugural en Nazaret sobre as liñas fundamentais da súa boa nova, Xesús non se
deixará aconsellar polo violento ardor relixioso dos seus discípulos, que
desexaban que un raio partise polo medio os samaritanos. Non. Non é así, con
castigos ou vinganzas, como se constrúe o seu reino, tal como pensaban aínda en
certo modo os profetas do Antigo Testamento.
Preséntanselle
nesta camiñada posibles seguidores, candidatos que se lle ofrecen para o acompañar
na tarefa de realización do seu reino. Mais advírtelles claramente que o seu
camiño ten poucos acougos e escasas seguridades humanas. O camiño é esforzo
continuado e non suave leito para nel se deitar . “As raposas –acláralles
Xesús- teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; mais eu [‘o Fillo do Home’] non
teño onde pousar a cabeza”.
Na
construción do seu reino, do “Reino de Deus”, non se debe tampouco perder o
tempo en lamentacións sobre o pasado ou en ritos apazugantes: “Deixa que os
mortos enterren os seus mortos”. “Quen, despois de pór a man no arado, mira
para atrás non é apto para o Reino de Deus”. Como estades a ver, o pasado –coma
quen di- pasado está.
O
que decide e importa, na construción do Reino de Deus, é polo tanto ollar cara
a adiante, cara ó futuro que só se encontrará connosco tralo o esforzo persoal
e a imprescindíbel axuda do Espírito, que coma vento poderoso inchará as velas
das nosas lanchas. Tal como lles escribe Paulo ós Gálatas na segunda Lectura de
hoxe, o noso guieiro ha ser o Espírito. Ese Espírito que nos libera da “lei”
opresora e escravizadora e nos orienta cara a Cristo, que é quen
verdadeiramente nos libera de todo temor ou angustia. Velaquí o que escribe
Paulo nesta carta: “Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo... A vós
chamáronvos á liberdade”. E trátase dunha liberdade que se realiza no amor, tal
como engade el aquí mesmo. Porque a lei en Paulo era só preparación para a nova
actitude cristiá. Agora é no amor -que non se pode entender sen a liberdade- onde
desemboca e se realiza a lei. “Toda a lei –dinos Paulo- está completa neste
precepto: ‘Amarás o teu próximo coma a ti mesmo’”.
Xa
que logo, a vivencia ou a actitude cristiá ten que ser esencialmente dinámica,
aberta ó futuro, realizadora do ben e do amor. Sen ollar cara a atrás, nin para
fachendear das cousas ben feitas nin tampouco para nos angustiarmos
indefinidamente por aquelas nas que non estivemos á debida altura. A nosa
tarefa consiste en seguirmos o paso de Xesús, que vai sempre diante nosa,
aprendéndonos co seu exemplo a aturar con paciencia e amor as dificultades coas
que nos atoparemos inevitabelmente na vida. O que non resulta axeitado a tal
tarefa é ficar parados, estáticos, inoperantes ou sometidos á desesperanza,
porque a vida é sempre camiño e ilusión, aínda que estea sempre entrecruzada
pola dor e o sufrimento. Tal como foi a vida e o camiñar deste Xesús que vai
sempre diante nosa, dándonos azos, alento e esperanza.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/13-tempo-ordinario-c-lc-951-62/
Comentarios
Publicar un comentario