9 ene. 2017

Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo - Is 42, 1-4. 6-7

Bautismo do Señor - ciclo A


SON DOS TEUS, SEÑOR? 

Dinme que fun bautizado,
pero non sei moi ben, Señor,
ata que punto son dos teus,
do teu grupo, da túa familia, das túas ideas,
dos que defenden, sen fisuras,
a túa Palabra sen risco de ser descafeinada.

Din que, o Espírito, queima
e síntome un tanto frío
Advírtenme que, o Bautismo,
é un punto de saída
e frecuentemente instálome nos meus intereses...
Lémbranme que, ser dos teus,
é optar pola túa Palabra, pola túa vida,
pola túa mensaxe, pola túa cruz,
polos teus camiños e polas túas contradicións.

E, cantas veces, Señor, déixome guiar exclusivamente
polo vocerío do mundo,
amañar polas sensacións do simple escaparate,
seducir con fogos artificiais,
asustar polo sufrimento ou estrañar e buscar atallos
sen que me digan que son dos teus.

SON DOS TEUS, SEÑOR?
Axúdame, Señor, a converterme, para estar preto de Ti,
a liberarme, para dedicarme a Ti
a encherme do teu Espírito,
para ofrecerme ao pregón do teu Reino.
Que o teu Bautismo, Señor,
sexa para min, causa de crecemento,
chamada á sinceridade e á valentía,
á xenerosidade e ao testemuño,
á verdade e á firme resposta. Amén

Javier Leoz




No hay comentarios:

Publicar un comentario