24 ene. 2017

Ficha e lectio: Domingo 4 ORD A







LECTIO: 

DOMINGO IV T. O. 
(29. I. 2017)

            Como limiar e preparación para a grande ensinanza de Xesús do evanxeo sobre as oito benaventuranzas ou, mellor sería dicir, sobre as “oito felicidades”, as lecturas convídannos xa dalgún modo a elas: “Buscade o Señor –dinos o profeta Sofonías- tódolos pobres do país..., buscade a xustiza, buscade a humildade”. E Paulo vai nesta mesma liña, cando describe así os cristiáns de Corinto na súa: “Entre vós non hai moitos sabios, poderosos ou nobres... Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os poderosos; o plebeo e mailo desprezado, o que non é, iso foi escoller Deus para anular ó que é”.
            Paulo intentara xa antes anunciarlles a Boa Nova, a “feliz” noticia do Evanxeo, ós “sabios” de Atenas. Pero estes, moi satisfeitos de si mesmos e do seu saber e poder, a pouco de empezar a escoitalo, e sobre todo ó oírlle falar da resurrección dos mortos, despedírono en ton burlón dicíndolle (tal como se nos conta nos Feitos dos Apóstolos: 17, 32): “Ben, home, ben. Diso xa te escoitaremos noutra ocasión”. Dalgunha maneira se pode dicir que foron os “sabios” atenienses os que lle aprenderon a Paulo que os que se senten cheos de si mesmos non poden xa ter sitio en si para a boa ou “feliz” nova do Xesús das “oito felicidades”.
            Si. Non pensemos que Xesús, ese gran misterio de Deus que se agacha no Xesús de Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose así, hai tempo que tería desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois foi Deus mesmo quen nos creou, quen nos fixo, precisamente con desexos e anceios infindos de felicidade. Só Deus pode darnos tales desexos e só el pode tamén satisfacelos totalmente. O que pasa é que os camiños que nos levan á felicidade, á unha felicidade fonda e perdurábel, non son os que á primeira vista o parecen ou os que certa propaganda ou determinados intereses políticos ou comerciais nos propoñen.
            Os occidentais, quero dicir, os países tecnoloxicamente máis avanzados, pensamos con frecuencia que a felicidade das xentes dun país concreto está directamente relacionada co seu PIB, co seu “Produto Interior Bruto”. Nisto, como tamén seguramente noutras cousas, estamos equivocados. Xa no ano 1972 o rei de Bután (un pequeno país montañoso entre a India e China) propuxera que o benestar dun país habería que medilo non polo PIB senón polo FIB, é dicir, pola “Felicidade Interior Bruta”. Este FIB apoiaríase sobre catro piares: promoción dun desenvolvemento sostible e igualitario; preservación e promoción dos valores culturais propios; conservación de medio ambiente e, finalmente, estabelecemento dun bo goberno no país. Posibelmente, o rei de Bután levaba razón coa súa proposta. Sabemos, por exemplo, concretamente que algúns dos países máis ricos do mundo, como Suecia, Noruega ou Finlandia, teñen as cotas máis altas de suicidios do mundo. Como adoitamos dicir, máis vale ser que ter. Ou, como escribía o filósofo francés Roger Garaudy, “no sur mórrese por falta de medios, mentres que no norte por falta de fins”.
            Por iso non debería considerarse tampouco absurdo ou pura e simple utopía, aínda que poida ser xulgado “politicamente incorrecto”, o camiño, proclamado por Xesús hai vinte séculos, que nos levaría á felicidade e á verdadeira plenitude humana.
            É verdade que de tantas veces oídas, as oito “felicidades” ou benaventuranzas do chamado “Sermón do monte”, poden xa esvararnos nos oídos ou soarnos –como adoitamos dicir- a música celestial. Pois ben, Xesús fálanos das oito “felicidades” como algo que procede tamén da súa propia experiencia como ser humano entre seres humanos, os homes e as mulleres do seu tempo cos que convivía. As oito felicidades veñen ser así en realidade un espello que reflicte a persoa e o modo de se comportar o propio Xesús e quen queira seguilo consecuentemente na súa vida. Xesús, efectivamente, é “pobre no espírito” (é dicir, pobre de verdade e por propia querenza e decisión), Xesús “chora (lembrádevos, por exemplo, da escena previa á resurrección do seu amigo Lázaro), Xesús é “sufrido”, Xesús é “famento e sedento de xustiza”, Xesús é “misericordioso”, Xesús é “de corazón limpo”, Xesús “traballa pola paz”, Xesús é, finalmente, “perseguido por causa da xustiza”. Foi xustamente esta última “felicidade”, a de ser “perseguido por causa da xustiza, o que o levou á morte e, seguidamente, á felicidade plena da resurrección.
            Si, as “oito felicidades” proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba no cumio dun monte, veñen ser como o abrente ou a alborada dun novo sol (lembrade o que comentabamos no último domingo sobre Xesús como “luz do mundo”). Un novo sol, que espalla os seus raios de luz sobre o val e a terra para facer xurdir un novo día, unha nova época. Un novo “Reino dos Ceos” (como nos di o apóstolo Mateo), que se fará realidade se todos nós colaboramos á súa chegada, sendo -coma o Mestre- pobres no espírito, sufridos, famentos e sedentos de xustiza, misericordiosos, de corazón limpo, traballadores pola paz e perseguidos por causa da xustiza.
            Non nos deixemos levar pola incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa realidade dos acontecementos que ocorren ó noso arredor ou polo mundo adiante. Xesús chama ditosos, felices, a cantos proceden así, é dicir, ós que están atentos e decididos á levar á práctica a súa ensinanza das “oito felicidades”. Felicidade que empeza xa neste mundo, pero que chegará á súa plenitude no vindeiro, coa resurrección na que cremos e esperamos.
            Porque a palabra de Xesús garante, ós que viven e practican estes xeitos de se comportar, que “serán consolados”, que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos” ou se encherán de plenitude, que “serán tratados con misericordia”, que “serán chamados fillos de Deus”, que “verán a Deus”.
            Que máis podemos querer ou pedir?

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Preguémoslle a Deus Pai que nos dea entendemento e adhesión ó espírito e á práctica das benaventuranzas nas nosas vidas, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Dános, Pai, fe e graza para crer e practicar as benaventuranzas proclamadas polo teu fillo Xesús. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédenos, Pai, espírito de pobreza e mais fame e sede de xustiza. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Troca, Pai, o noso corazón nun corazón limpo, pacífico e misericordioso. 
Todos: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso. AMÉN.

                                                                                          
    Manuel Cabada Castro

VER MÁIS:


No hay comentarios:

Publicar un comentario