11 ene. 2017

Ficha e Lectio: Domingo 2 de Ord A

FICHAS:





LECTIO:
Domingo II T. O. 
(Ano A: 15. I. 2017)

            Seguen a resoar no evanxeo de hoxe temas temas e experiencias de lecturas de días anteriores, do tempo de Nadal.
            Así, despois da Segunda Lectura, dise ou cántase: “Aleluia, aleluia. A Palabra fíxose carne e habitou entre nós; a cantos a recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus. Aleluia”.  De novo a gran nova de que se “recibimos” a Palabra de Deus “feita carne”, somos por esa recepción, por esa fe na Encarnación de Deus, nada máis e nada menos que “fillos de Deus”. Con todo o que iso leva consigo: dignidade “divina” de cada un de nós e de tódalas persoas e mais destino de tódolos seres humanos a un vivir,  máis alá da nosa morte individual, en familiaridade eterna con Deus e con toda a humanidade glorificada. Conforme a esa nosa dignidade de sermos “fillos de Deus” e pertencentes polo tanto á familia de Deus como inmerecido don de Deus mesmo.
            Volve tamén Xoán Bautista a estar connosco no Evanxeo, dando testemuño dese Xesús misterioso que, en compaña de pecadores e xentes sinxelas e abertas á misericordia e ó perdón, se achegan a seren bautizadas por Xoán. O testemuño de Xoán acerca de Xesús segue a ser importante para nós e para o noso tempo. Xoán, con ser el grande (“o meirande dos nados de muller”, tal como dicía del o mesmo Xesús), dá testemuño da superior grandeza de Xesús cando Xoán nos di sobre o fillo de Xosé e de María: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.
            A grandeza do “home” Xesús é para Xoán moito maior do que se podería pensar, pois o propio Xesús preséntase no Xordán coma un pecador máis que vén para ser bautizado e congraciado con Deus por medio do Bautista. Por iso Xoán proclama de maneira solemne: “Eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus”. Non un fillo máis de Deus, como podemos ser e somos de feito todos nós en canto fillos tamén de Deus pola súa graza. Non. Xesús é proclamado por Xoán como “o Fillo”, o Fillo único do Pai Deus, igual có Pai en eternidade, en poder ou en bondade.
            Mais Xoán experimenta, ve e proclama tamén o “home” Xesús como asociado non só co Pai (en canto “Fillo” del), senón tamén co “Espírito”, co “Espírito Santo, esa segunda persoa da Santísima Trindade coa que sería ben bo que falásemos de xeito familiar e frecuente nas nosas oracións. Pois o Espírito Santo –se é que podemos expresarnos deste modo- vén ser algo así como o corazón mesmo dese noso Deus trinitario, que é Pai, Fillo e Espírito.
            Xoán dános claro testemuño desta asociación, desta unión de Xesús non só co Pai, senón tamén co Espírito Santo: “Eu vin o Espírito –dinos o Bautista- baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del”.
            Dáse aquí tamén outra asociación máis e moi importante para nós, aínda que poida quedar un pouco agachada no relato do evanxeo. Na escena que aparece directamente ante nós, o Pai, o Fillo e o Espírito amósanse conxuntamente, en unión, en comuñón. Mais cómpre non esquecer que Xesús está en compaña doutros, as demais persoas que escoitan a Xoán e desexan ser bautizados por el. Xesús aparece como “un de tantos”. Tal como o proclamaba Paulo, na carta ós Filipenses, cando lles dicía ós destinatarios da súa carta que “Xesús se despoxou do seu rango e tomou a condición de escravo, pasando por un de tantos”. Resulta, pois, deste xeito que a Santísima Trindade en pleno, o Deus trino e un, o Deus Pai, Fillo e Espírito, está unido a todos nós, a toda a humanidade, grazas á humanidade de Xesús.
            E podemos aínda engadir algo máis. Resulta tamén que o Deus único, que é Pai, Fillo e Espírito, aparece aquí unido, asociado, con toda a creación, simbolizada e presente nas augas do Xordán, onde se mergulla Xesús polo bautismo de inmersión que practicaba Xoán.
            Este Xoán, o Bautista, ten aínda unha indicación máis, e preciosa, sobre quen é Xesús. De si mesmo dicía o Bautista que el bautizaba “con auga”, mergullando os que se achegaban a el na auga do Xordán. Eu bautizo con auga”, dinos Xoán. Pero dirá, en cambio, sobre Xesús: “El é o que bautiza con Espírito Santo”.
            O que quere dicir: Xesús é quen nos “mergulla” no “Espírito Santo”, é dicir, no Deus como bondade, tenrura e forza que o pode todo e que está máis alá de calquera rito formal concreto. De modo que estamos así, grazas a Xesús, verdadeiramente “mergullados” en Deus, que é a nosa casa, a nosa felicidade, o noso poder. Ceibes polo tanto de calquera medo, anguria ou poder que nos poida ameazar.
            Unha vez máis, teremos que agradecer na nosa Eucaristía (que significa “acción de grazas”) ó noso Deus a súa grandeza e a súa bondade: El está sempre connosco, en Xesús, El é o “Emmanuel”, o “Deus connosco”.
            Vivamos, pois, e axudémonos uns a outros a vivir conforme a esta realidade misteriosa na que cremos: a de sermos fillos dun mesmo Pai, irmáns entre todos e en íntima unión co Espírito Santo, no que todos por graza de Deus estamos mergullados.
            Para rematar. Non podemos deixar de facer alusión á “Xornada Mundial das Migracións”, da que hoxe fai lembranza a Igrexa en todo o mundo. As migracións, os inmigrantes ou emigrantes dun país a outro, dunha cultura ou lingua a outras diferentes son feitos que están aí diante de nós. A situación política e social de Galicia desde o comezo da época moderna fixo da nosa terra durante séculos un país de emigrantes. Incluso agora, dada a persistente e difícil situación económica, volve de novo entre nós a emigración. Como cristiáns temos que estar atentos a estas situacións. Ós que veñen onda nós e é ós que teñen que irse. Debemos acompañalos coa clara conciencia de que son irmáns nosos debido á nosa común irmandade con Xesús, Fillo de Deus. Todos eles teñen unha dignidade que nós non lles podemos arrebatar en modo algún. Temos que facer que os seus dereitos humanos, culturais, sociais ou económicos sexan respectados, porque a súa dignidade vén de Deus, non de nós. E se Deus quere e respecta esa dignidade súa, non podemos nós comportarnos doutra maneira. Ben atentos así a aquilo que se nos conta nos Feitos dos Apóstolos sobre a sorpresa do apóstolo Pedro ó se decatar de que, tal como alí se nos di, “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa”.

CREDO         

ORACIÓN DOS FIEIS
            Deus Pai de todos, presentámosche as nosas oracións, por medio de Xesús, irmán noso, en unión co Espírito Santo que nos convida a presentarchas, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: Escóitanos, Pai.
-          Fortalece a nosa fe en Ti, Pai, no teu Fillo Xesús, e no Espírito Santo. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
-          Fai que todos nos sintamos unidos coa creación enteira e a saibamos respectar e amar. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
-          Dános un corazón aberto e misericordioso cos inmigrantes, aprendendo a velos como irmáns nosos e fillos teus. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

                                                                            

      Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:

No hay comentarios:

Publicar un comentario