17 ene. 2017

Ficha e Lectio: Domingo 3 de Ord A







LECTIO:

DOMINGO III T. O. 
(Ano A: 22. I. 2017)

            As lecturas deste domingo fálannos sobre todo de Xesús Cristo como “luz” e como “centro” do seu reino, é dicir, dos que nos chamamos cristiáns e de tódalas persoas de boa vontade; en definitiva, de cantos no seu interior intentan ser fieis á súa conciencia. Xesús mesmo proclamárao xa nalgún momento, tal como se nos conta no Evanxeo de Xoán (8, 12) ó dicir de si mesmo: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida”.
            O profeta Isaías anunciara tamén esta luz dalgunha maneira, tal como escoitamos na 1ª Lectura, cando falaba de que “o pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz”. No Salmo responsorial, despois da lectura de Isaías, así o acabamos de proclamar pola nosa parte ó dicirmos: “O Señor é a miña luz e salvación”. Nos Evanxeos é moi frecuente, sobre todo no de Lucas, a alusión a Xesús como “luz”: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc 2, 32), etc.
            Se Xesús é luz, entón é el quen aluma e orienta na escuridade. Sabemos ben que sen luz andamos desnortados e non sabemos cara a onde camiñamos. Por iso de noite quedámonos normalmente na casa ata que volva raiar o sol pola mañá, a non ser que fagamos uso de algo que se parece un chisco ó sol, como a luz eléctrica ou unha boa lanterna. Cando eu era cativo e aínda non había luz eléctrica na miña pequena localidade natal, lémbrome ben do que ocorría cando era de noite. Se algún veciño da aldea nos visitaba entre lusco e fusco e se marchaba entrada xa a noite despois de parolarmos xuntos á calor do lume da lareira, comportábase el así: collía unha acha do lume da lareira e levábaa na man movéndoa alternativamente dun lado para outro. A acha ardente facía as veces de sol pola noite. Dese modo non tropezaba no camiño ata deixar de novo na lareira da súa casa a acha que lle servira de axuda na escuridade.
            Ben sabemos da importancia que ten o sol como fonte de luz, de calor e de vida para todo canto existe nesta terra nosa. Os faros do mar (ese pequenos soles nocturnos) para iso están: para orientar os mareantes e advertilos da presenza de calquera perigo para a embarcación. Agora ben, ser luz é ser tamén centro de atracción e de conxunción. Como as bolboretas se amorean de noite arredor da luz, así a Xesús deberiámolo sentir como foco de atracción e centro das nosas vidas. Por iso non lle gustaba a Paulo, na súa carta ós Corintios, que aqueles que recibiran a gran nova de Xesús deixasen logo de considerar Xesús como o seu verdadeiro e único centro ó diciren uns e outros: “Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, etc.”.
            Un verdadeiro cristián, é dicir, un seguidor e amigo de Cristo, terá que ser sempre, máis alá das comprensibles e inevitábeis diferenzas, un construtor de unidade, de amor e de paz (non de divisións) entre cantos son (e sómolo todos) irmáns seus. Porque Cristo, tal como di Paulo, tampouco “está dividido”. El é xustamente quen nos uniu a todos consigo e co Pai, na forza e no poder do Espírito Santo, formando entre todos un mesmo corpo, como tantas veces repite Paulo. Por iso lles pide Paulo ós de Corinto que “se axeiten todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento”.
            A luz atrae, crea unidade e amizade. Así deberon percibir a Xesús aqueles catro pescadores da ribeira do mar de Galilea (entre eles o noso Santiago), cando decidiron seguir Xesús, que os chamaba e convidaba a seren “pescadores de homes”, deixando barca, redes e pai. E iso que o de ser pescador, de mar ou de río, é cousa que para quen practica ese oficio vén sendo case como unha verdadeira vocación. O famoso Frei Martiño Sarmiento, que no século XVIII foi un gran defensor da cultura e da lingua galega desde a súa cela do mosteiro de Madrid (aínda que nacera nas pontevedresas terras de Cerdedo), dicía nunha das súas cartas: “Vivindo en Asturias no ano 1721 ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo que me dediquei a el”.
            Ben. Na tarefa de pescar faise exercicio de esperanza, de paciencia e de ilusión. Iso non deixa de ser fermoso e atractivo. De tódalas maneiras, os novos apóstolos (Pedro, Andrés, Santiago e Xoán) continuarán a practicar agora, unha vez convertidos en “pescadores de homes”, as mesmas virtudes que dalgún modo xa antes practicaran.
            Agora ben, o importante aquí é decatármonos de que é sempre Xesús quen chama e atrae. Coma o sol. Xesús é, en cuanto luz, o que ilumina e abre así o camiño para a nova vida daqueles pescadores que agora van ser reciclados en apóstolos da Boa Nova. A luz é sempre o primeiro: a que abre novas realidades ós que son iluminados por ela. A luz, é dicir, Xesús é quen leva sempre a iniciativa, quen convida e dá azos.
            Todos nós (e non só os apóstolos) estamos chamados, convidados, ó seguimento de Xesús, é dicir, a anunciarmos a boa nova do amor de Deus a tódolos fillos seus, irmáns nosos, e a traballarmos para que a irmandade entre as persoas non sexa só unha fermosa idea, unha fermosa utopía, senón realidade e vida concreta onde queira que esteamos.
            Deste xeito poderemos ser nós tamén luz nun mundo, o de hoxe, que precisa de persoas que saiban comunicar a grandeza e a alegría que Deus nos trae a todos no seu Fillo Xesús. É o que o papa Francisco nos vén dicir na súa Exhortación “A alegría do evanxeo” con frases coma estas: “Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría”. “Un evanxelizador non debería ter permanentemente cara de funeral” e outras frases semellantes. É a mesma alegría da que xa falaba Isaías na primeira Lectura: “Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia. Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura, o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín”.
            Sería bo, pois, que seguísemos o consello que dá Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9): “Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade como fillos da luz (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade)”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Presentémoslle ó noso Pai Deus as nosas oracións, pedíndolle fe para podermos crer no seu fillo Xesús como Luz do mundo e para que saibamos esforzarnos en ser luz para os demais, dicindo: Pedímoscho, Pai. 
TODOS: Pedímoscho, Pai.

- Dános, Pai, fe fonda e agradecida no teu Fillo Xesús como luz do mundo.                     
Todos: Pedímoscho, Pai.
- Apréndenos, Pai, a seguirmos os camiños lúcidos da verdade e do ben e a                                 abandonar os vieiros escuros e tebrosos do mal. 
Todos: Pedímoscho, Pai.
- Dános, Pai, alegría e entusiasmo cordial no anuncio e práctica do evanxeo, como nolo pide o papa Francisco. 
Todos: Pedímoscho, Pai.

Pedímoscho de corazón, Pai, por medio de Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, en unión co Espírito Santo. TODOS: AMÉN.

                                                                                   

          Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:





No hay comentarios:

Publicar un comentario