Por fin, novas do Codex


Onte deiteime con alivio e esperanza cando escoitei que había novidades do Codex Calixtinus, despois de un ano sen saber nada máis, hoxe por fin detiveron a alguén e temos de novo o sono de ver outra vez o libro perdido. Inda non se recuperou pero polo menos sabemos que continúan as pesquisas e que hai fío de onde tirar. Inda que todo indica unha vinganza persoal, recemos porque o libro apareza enteiro e sen danos.
Por se inda non líchedes nada disto, déixovos a ligazón do que me pareceu a noticia máis completa: 
http://cultura.elpais.com/cultura/2012/07/03/actualidad/1341352234_270679.html

____________________________________________

... E falando de libros teño que compartir con vós o descubrimento que fixen a semana pasada buscando novidades por internet. Destas noticias hai xa tempo pero como eu non sabía nada delas imaxino que tampouco moitos de vós. Estaba vendo imaxes da Biblia cando atopei unhas con figuras de lego e de playmobil, parecéronme creativas e divertidas así que profundicei nelas e, para a miña sorpresa, as dúas teñen problemas nos tribunais de xusticia bastantes sorprendentes. 


     A primeira da que souben foi a de Lego, parece ser que xa levaban moitos anos de traballo e de conflictos, desde o 2009; o "reverendo" Brendan Powell, -non reverendo real senón un catequista ó que se lle ocurriu a idea-, reproduciu en Lego unhas 3.600 escenas da Biblia versículo a versículo, pero foron censuradas nos EEUU por conter escenas de sexo e violencia (xa sabedes o brutais que son algunhas partes do Antigo Testamento). Fíxome moita gracia porque nós moitas veces lle chamábamos "o ladrillo" á biblia polo tamaño e a forma e xusto así lle chamou el ó seu libro http://thebrickbible.com/, moitos contidos aparecen bloqueados e eu preferiría que non aparecesen comentarios nas escenas, pero é unha curiosidade digna de mención. Atopei unha páxina con imaxes por se vos pica a curiosidade: http://www.friki.net/fotos/41542-la-biblia-en-lego.html

     Tamén atopei a biblia en playmobil, que ten unha historia non menos curiosa. O pastor evanxélico Markus Bomhard, alemán para máis señas, difundiu a biblia con imaxes para nenos utilizando estas figuras, todo estaba ben e fora moi aclamado entre os seus seguidores e incluso foi felicitado polo propio Benedicto XVI pola súa función evanxelizadora, ata que fixo a escena de crucifixión. A empresa demandouno tamén no 2009 e obrigoulle a pechar a súa páxina web www.playmo-bible.de, porque decidiu deformar os brazos da figura de Xesús na cruz (xa sabedes que só se poden mover os brazos dos cliks adiante e atrás) ou pintar algúns dos seus monecos (por exemplo, para facer as figuras de Adán e Eva, xa que non hai figuriñas orixinais que aparezan núas); tamén tivo que pechar a segunda páxina web www.klicy-bible.de, polas deformacións que causa nas figuras orixinais desta empresa. Parece que poderían chegar a un acordo se toma o compromiso de evitar as deformacións e modificacións nas figuras orixinais (non diredes que chama a atención cando a través de recursos dixitais hoxe se pode facer de todo a nivel de imaxe..). Segundo a empresa queren evitar que os nenos fagan o mesmo e poidan mancarse (tivo que deformar a figura con calor)... eso si, despois diso comezaron a vender os beléns de playmobil que seguramente veredes tódolos anos polo nadal nas tendas.


Persoalmente gústanme máis estas últimas, será porque con estas si que xoguei de pequena... ¿que vos parece? 


Comentarios

Publicacións populares