Domingo 16 de Ordinario - ciclo B


 16º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B


Primeira Lectura    Xer 23, 1-6
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei o resto do meu rabaño e suscitarei pastores para eles

            Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño
e que o espantan do meu pasteiro! ‑ é o Señor quen fala ‑.
            Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,
ós pastores que apacentan o meu pobo:
            ‑ Vós espantades as miñas ovellas,
escorrentádelas e non coidades delas;
ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos
‑ é o Señor quen fala ‑.
            Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,
traéndoos de todos os países a onde as esparexín,
e fareinas volver aos seus pasteiros,
onde criarán e se multiplicarán.
            Para elas constituirei pastores que as apacenten,
de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,
nin se perda ningunha ‑ é o Señor quen fala ‑.
            Ollade que chegan os días ‑ é o Señor quen fala ‑
en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
será rei de verdade e comportarase con prudencia,
administrará o dereito e a xustiza no país.
            Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,
e Israel vivirá en paz.
            O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 2, 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
El é a nosa paz, quen dos dous fixo un

            Irmáns:
            Os que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira ‑ a inimizade ‑, e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade.
            El veu e anunciou a paz: paz para vós ‑ os de lonxe ‑, e paz para os que estaban cerca: porque por el temos uns e outros acceso ao Pai, nun mesmo Espírito.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 30-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Eran coma ovellas sen pastor

            Naquel tempo, os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran.
            El díxolles: "Vinde, vós sós, á parte, a un lugar arredado, e descansade un pouco"; porque eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca, á parte, a un lugar arredado.
            Pero víronos marchar e déronse conta moitos, e desde todas as aldeas foron andando para alí, e chegaron primeiro ca eles.
            Cando desembarcou, Xesús atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



NUN MUNDO DE LOBOS, NECESITAMOS PASTORES QUE ACOLLAN, ESCOITEN E AGARIMEN, NON QUE ESCORRENTEN
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
O domingo é para nós os seguidores de Xesús o Día do Señor; o día no que nos reunimos ao redor do altar para compartir a fe, alentarnos mutuamente, rezar xuntos agradecendo a graza de ter ao noso carón persoas que coma nós, sen sentirse nin superiores nin mellores que os demais, compartimos o mesmo reto de ir facendo da nosa vida, de canto dicimos e facemos, experiencia de presenza e imaxe de Deus. Non é logo a nosa unha reunión movida por un simple ritual que se repite de xeito cansiño cada oito días. Tampouco é a reunión dun grupo que se considera excluído, perseguido ou incomprendido, e desde o complexo de ser vítima, convértese en gueto que escapa do mundo. Non, o noso encontro do Domingo quere ser sempre experiencia compartida de fe, agradecemento comunitario de solidariedade e presenza viva de Deus no medio dunha comunidade que se reúne para celebrar e gozar de que o amor de Deus é esperanza, alegría e participación. E para iso, hoxe máis ca nunca, necesitamos pastores alegres, solidarios, achegados, creativos e capaces de ilusionar e ilusionarse servindo á comunidade e á sociedade desde o seu ministerio.
O PERDÓN
ð Por faltarnos moitas veces ilusión, e sobrarnos crítica, SEÑOR, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
ð Por deixarnos levar polo cómodo e fácil, facendo da nosa vida desilusión e aburrimento, CRISTO, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
ð Por deixar que as nosas actitudes e comportamentos se afasten do ideal ao que Ti nos invitas e propós como sentido e camiño de vida, SEÑOR, QUE NOS REUNAMOS CON GOZO NO TEU NOME.
REMUÍÑO
*     Moito temos falado e escoitado sobre os curas. Que se son deste xeito, que se son daquel outro, que se non escoitan, que se non deixan participar, que non fan máis ca propoñer cousas e non nos deixan tranquilos, que si berra e é malencarado, que si é afable e dialogante ... Dun xeito ou doutro, sempre os curas acaban sendo motivo de comentario, positivo ou negativo, en moitas ocasións. Cando falamos deste xeito esquecemos algo fundamental que non deberiamos ter esquecido: os curas serán o que nós, membros das comunidades, queremos que sexan. Si a nós o único que nos preocupa é ter misas polos defuntos, funerais e novenas, o cura acabará entrando nesa dinámica e facendo o que lle pidamos. Claro que, se despois nos di que iso ten un prezo e que as cousas da fe tamén se pagan, entón pagaremos, pero atoparemos aí a xustificación de volver a comezar coa cantarela de que son deste ou daquel xeito; se porén, o que queremos son pastores que nos alenten, nos animen, saiban estar preto nos momentos difíciles para acompañar, alentarnos, animarnos... a maneira de vivir a fe será tamén distinta, xa que non pasará polos cartos, senón polas actitudes das que nos fala a palabra de Deus que imos proclamando nas celebracións e nas que hoxe nos ten insistido de novo: pastores que apacenten non desde o medo, senón na confianza, a axuda, a acollida, o agarimo, a alegría, a esperanza, o testemuño gozoso dunha fe e dun ministerio que está para servir e non para vivir del. Pastores, nunha palabra, xustos, que desde Xesús, gocen coas súas comunidades e se deixen acoller na colaboración compartida e o traballo participativo, que se preocupa dos “gozos e das esperanzas, das tristuras e  das angustias” das persoas ás que serven.
*     Non é logo a misión dos pastores escorrentar, senón todo o contrario, achegar, escoitar, ter actitudes de dispoñibilidade para cos demais, de xeito que o seu ministerio sexa un esforzo constante por facer presenza de Cristo e do seu Evanxeo. E para isto non poden estar solos: as comunidades nas que están e serven, han ser a man colaboradora que camiñe xunto con eles para entre todos ir avanzando no desenvolvemento de comunidades adultas, vivas, responsables e dispostas a participar, para que a Igrexa non se converta nun ordeno e mando de quen as preside. Porque presidir non é o mesmo que monopolizar e mandar impoñendo criterios e voz, e non permitindo que afloren outras voces que enriquezan e axuden a madurar a vida das comunidades e dos seus membros. A referencia deste actuar non pode nunca ser outra, inda que, tamén debemos dicilo, non o ten sido moitas das veces, que Xesús. El non só é o pastor, é tamén mestre, guieiro e referencia do actuar e comprometerse xusto e pacífico. El é o que nos achega, o que vai derrubando muros que tantas veces imos construíndo e que non fan máis que separarnos e afastarnos uns dos outros. Porque nos achega, non é a súa unha propostas de normas e imposicións, senón de entendemento, confianza e responsabilidade. El créanos libres, e invítanos a crecer e madurar. Non nos fai servos nin submisos, por iso, inda que nos equivoquemos vai dándonos continuas oportunidades. E se El nolas da, por que a nós nos custa tanto dárllelas aos demais?. Sería bo que desde esta palabra que hoxe temos proclamado aquí, vaiamos facendo reflexión sobre o percorrido da nosa vida, para ir deixando atrás canto non serve, e potenciando e valorando todo canto nos ten axudado a ser mellores persoas. Esta é a nova humanidade que El nos viu traer.

*     Xesús vivíao todo desde a compaixón. Era o seu xeito de ser, a súa primeira reacción diante das persoas. Nunca lle estorbaba ninguén. Non sabía mirar con indiferenza, que é a peor das miradas. Non soportaba ver ás persoas sufrir, era algo superior ás súas forzas. Pero a Xesús non o conmoven só as persoas concretas que atopa no seu camiño (enfermos que o buscan, indesexables que se lle achegan, nenos a quen ninguén abraza...), senón que tamén sente compaixón pola multitude de xente que vive desorientada e non ten quen a guíe e alimente. Un día teremos que revisar diante del como miramos e tratamos a esa multitude de xente que marcha silenciosamente da igrexa; ás persoas sinxelas e boas que estamos decepcionando porque non atopan en nós a compaixón de Xesús; crentes que non saben a quen acudir nin que camiño seguir para atoparse cun Deus máis humano; cristiáns e cristiás que calan porque están convencidos de que a súa palabra non será tida en conta por ninguén “importante” na Igrexa.... Pero se nós nos empeñamos, un día o rostro desta Igrexa mudará: aprenderá a actuar con máis compaixón, esquecerase dos seus discursos e poñerase a escoitar o sufrimento da xente. Xesús ten forza para transformar os nosos corazóns e para renovar as nosas comunidades. Só fai falla que nolo creamos e volvamos a El.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
O altar é mesa de encontro e comuñón.A mesma comuñón desde a que agora compartimos as nosas angueiras e esperanzas dicindo:
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
*     Para que na Igrexa atopemos sempre lugares e momentos nos que poder compartir espazos de solidariedade e axuda cos excluídos e esquecidos da nosa sociedade, Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
*     Para que nas nosas parroquias saibamos acompañar e estar sempre atentos á situación das persoas que viven na tristura, están enfermas ou necesitan da nosa solidariedade. Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
*     Para que nós, no día a día da vida, non deixemos que xermolen actitudes de indiferenza, superioridade ou exclusión cara quen non pensa, vive ou actúa coma nós, Oremos.
PASTOR BO, ENSÍNANOS A AGRADECER
Baixo o teu amparo, Señor, poñemos hoxe esta nosa oración que temos compartido. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Xesús está na nosa vida. Non o atoparemos nas nubes. Seguilo significa vivir o que temos como El quere que o vivamos. Isto esixe moito máis que coller aquí e alí un punto do Evanxeo, porque eses anacos non terán forza transformadora se non chegamos a un encontro que nos levante e nos endereite, sempre dispostos a vivir, sempre, con El. Podemos dicir que temos atopado a Xesús cando lle abramos a nosa vida sen reservar ningún recuncho. (Andrè Sève )

CANTOS
*    ENTRADA: Todos xuntos
*    LECTURAS: O señor é o meu pastor
*    OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
*    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

  POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares