Domingo 14 de Ordinario - ciclo B
14º DOMINGO TEMPO ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura Ez 2, 2-5
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no medio
deles.
Naqueles días, mentres
me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o
que estaba a falar.
Díxome:
‑ Fillo de Adán, eu
voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se
reviraron contra min ‑eles e mailos seus pais ‑, que pecaron contra min ata o
mesmo día de hoxe.
Estes fillos, que
duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles
dicir: "Así fala o Señor".
Deste xeito, eles ‑escóitente
ou rexéitente, pois son casa rebelde ‑ han saber de certo que hai un profeta no
medio deles.
Palabra
do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 122,
1-2a. 2bcd. 3-4
R/. (2cd): Os nosos ollos están postos no Señor ata
que El se apiade de nós.
Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
Coma os ollos do servo
fitan as mans do seu señor.
Coma os ollos da serva
fitan as mans da súa señora,
así os nosos ollos están postos
no Señor noso Deus,
ata que El se apiade de nós.
Apiádate de nós, Señor, apiádate de nós,
pois estamos fartos de desprezo;
farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.
Segunda Lectura 2 Cor 12,
7-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Gloriareime na miña febleza para que habite en min a forza de Cristo
Irmáns:
Debido á grandeza das
revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na
carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo.
Por tres veces
pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: "Chégache coa
miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza".
Daquela presumirei con
gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo.
E por iso gózome nas
fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro
por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume evanxelizar os pobres.
Aleluia.
Evanxeo Mc 6, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra
Naquel tempo, saíndo
Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus discípulos.
Cando chegou o sábado,
empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía
abraiada:
‑ De onde lle veñen a
este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode
facer tantos milagres pola súa man? Non é este o carpinteiro, fillo de María e
irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí
connosco?
Estaban realmente
escandalizados. Pero Xesús díxolles:
‑ Non hai profeta máis
desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
E non puido realizar
alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo as mans. Estaba
sorprendido por aquela incredulidade.
E dedicouse a andar
polas aldeas dos arredores, ensinando.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Cando o
escándalo agocha a envexa…
só sabemos
desprezar
Pórtico
Moitas veces manifestamos a
nosa desconformidade diante de diversas situacións que pasan no ámbito no que
nos movemos. Nunha grande maioría de veces esta desconformidade non vai
acompañada dunha proposta alternativa, senón que é un fundir o que hai pero sen
presentar outro xeito de facer as cousas ou algunha idea nova. Isto pasa no
mundo da política, na cultura, no ensino…tamén nas nosas parroquias. E o que
esta actitude case sempre agocha non é máis que envexa e ganas de que todo veña
abaixo, para logo poder dicir que non se fai nada, que todo é o mesmo, que isto
morre, que o mellor é deixalo que rebente. Canta hipocrisía se esconde tras
desta maneira de facer as cousas!.
Pois ben, Xesús, diante desta actitude, volve hoxe darnos
unha nova lección e fálanos de que no pequeno, no que aparentemente non é
importante -non é fillo do carpinteiro?- está presente a man de Deus e toda a
capacidade de unir e remar na dirección do que humaniza por parte do ser humano.
E así, diante desta actitude de desprezo e de non valoración das moitas cousas
que en tantos sitios se están a facer, xurde nalgunhas persoas un compromiso
que pon de manifesto que a pesares do derrotismo hai esperanza e futuro. Que
nós non caiamos nesta rede que tenta confundir chamando desprezo ao que
simplemente é envexa.
Perdón
- Porque non acabamos de entender que somos febles e limitados e
precisamos dos demais, SEÑOR, QUE A
ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.
- Por non saber distinguir que non todo vale e que non
todo dá o mesmo, CRISTO, QUE A
ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.
- Porque en ocasións non é o amor, senón o desprezo ao
que fan os outros, o que medra no noso corazón, SEÑOR,QUE A ENVEXA NON ANIÑE NOS NOSOS CORAZÓNS.
Remuíño
- Aparentemente, se miramos ao noso redor non vemos
profetas no mundo de hoxe. Digo aparentemente porque a pouco que
profundemos cos nosos ollos seguro que imos descubrinos moitas persoas,
máis dunha ou de dúas, que profetizan no noso mundo. Profetizan loitando por
reivindicacións xustas e humanizadoras; profetizan axudando, con
paradigmas actuais –xeitos de explicar e entender a realidade– a mensaxe
de Xesús, facéndoo sen medo a condenas ou imposición de silencios;
profetizan sendo capaces de mostrar actitudes de austeridade e
desprendemento nun mundo cada vez más dilapidador e egoísta; profetizan
sendo a voz, a man, o corazón… dos sen voz e necesitados do noso tempo. Só
nos fai falla que abramos ben os ollos, e non nos deixemos levar polos
ventos reinterpretadores do conservadurismo tan de moda neste momento
dentro e fóra da Igrexa. Por que somos tan obstinados de corazón para non
velos?.
- O profeta de hoxe sabe estar no mundo con actitudes
de sinxeleza, con capacidade de aprender dos demais, buscando sempre o que
une, e non deixándose levar de arroutos que separan e crispan. Ser profeta
hoxe supón asumir, como nos di Paulo, a nosa debilidade, e coñecer que nin
o sabemos nin o podemos todo; que non podemos estar no mundo pretendo ser
gardiáns da ortodoxia no canto de ser promotores de salvación e
liberación. Porque só sendo conscientes de que necesitamos uns dos outros,
venceremos a tentación da soberbia e o pecado de crernos únicos, mellores
e superiores aos demais. Nunha palabra: redentores de patrias e xeradores de
polémicas. Non estaría de máis que tod@s, eclesiásticos incluídos, miremos
un pouquiño para o noso interior e nos comprometamos a deixar atrás esta
tentación de que sen nós acabase o mundo, para ver a presenza da forza de
Cristo na nosa fraqueza.
- Porque son moitos os fill@s de carpinteir@s aos que
por selo se lle nega palabra, presenza e recoñecemento do seu labor
entregado, calado e constante. Como ocorría con Xesús. E nesta negación
estase negando tamén a capacidade de recoñecer neles moitos dos profetas
do noso tempo. Que os hai, só necesitamos abrir os ollos, ensanchar o
corazón e superar a tentación de crer que por ter un determinado apelido,
vestir dun xeito concreto ou ser nomeado non sei que cousas xa nos somos
iguais aos demais. Canto camiño nos queda aínda por percorrer!. Por iso
hai tanta envexa agochada nas actitudes de desprezo.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Dispostos
a superar prexuízos, e sabedores de que nos invitas á sinxeleza de corazón,
dicímosche:
QUE O DESPREZO
NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
- Que
na Igrexa se saiba valorar o
esforzo de tantas persoas que, sen necesidade de crerse importantes, ter
títulos de moitas universidades ou acumular cargos de notorieade; entregan
a súa vida á causa da felicidade e da xustiza dos demais, Oremos.
QUE O DESPREZO
NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
- Que
nas nosas parroquias controlemos o que dicimos sobre os demais, porque
moitas veces falamos sen coñecer e ferimos querendo, Oremos.
QUE O DESPREZO
NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
- Por
nós, para que non agochemos endexamais detrás dunha crítica a outra
persoa envexa pola que ela fai, e
incapacidade do que nós nos queremos, sabemos ou podemos facer.Oremos.
QUE O DESPREZO
NO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Reflexión
Xesús, mestre bo, queremos seguir os teus pasos.
Dános o teu Espírito, para aprender a vivir coma
discípulos.
Danos paciencia,
respecto polos tempos dos outros,
amor que saiba esperar e acompañar.
Ensínanos, Señor,
Ensínanos, Señor,
a poñernos no lugar do outro,
a ser tolerantes,
a vivir na apertura de corazón e de mentalidade.
Acende en nós a luz do entendemento,
Acende en nós a luz do entendemento,
acrecenta a nosa empatía polos demais,
ensínanos a camiñar xunto cos outros.
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na comprensión.
Axúdanos a ser simples, a pasar facendo o ben.
Queremos ser sinxelos, abertos, amables, dispostos.
Danos forzas para pensar nos demais,
para preocuparnos e ocuparnos dos outros.
Para pensar primeiro nos irmáns,
para ofrecer e dar con alegría e xenerosidade
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na bondade.
CANTOS
- ENTRADA: Camiñarei / Vinde axiña
- LECTURAS: Onda ti corremos os teus fillos
- OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
- COMUÑÓN: O amor é o meirande
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario