Domingo 17 de Ordinario - ciclo B
17º
DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira
Lectura 2 Re 4, 42-44
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Comerán e
sobrará
Daquela
chegou de Baal-Xalixah un home, que lle traía ao home de Deus o pan
das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa.
Eliseo
díxolle:
"Dállos
á xente, e que coman".
O seu
servidor preguntoulle:
"Que
é isto para cen persoas?".
A iso
Eliseo respondeu:
"Dállos
á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará".
El
serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra
do Señor.
Palabra
do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 144, 10-11. 15-16. 17-18
R/. (cf.
16): Abres ti, Señor, a túa man e dásnos
fartura.
Que te loen,
Señor, as túas obras,
e te
bendigan os teus amigos.
Que pregoen
a gloria do teu reino,
e falen do
teu poder.
Os ollos de
todos están postos en ti,
e dáslles o
sustento ao seu tempo.
Abres ti a
túa man,
e dáslle
fartura a todo ser vivo.
O Señor é
xusto en todos os seus camiños,
e santo en
todas as súas obras.
O Señor
está cerca dos que o chaman,
dos que o
chaman con sinceridade.
Segunda
Lectura Ef 4, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Un corpo, un
Señor, unha fe, un bautismo
Irmáns:
Eu, preso
polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da vocación
que recibistes, con total humildade, mansedume e paciencia,
aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a
unidade do espírito no vínculo da paz.
Hai un só
corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha
única esperanza na vosa vocación.
Hai un só
Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos,
que está sobre todos, por todos e en todos.
Palabra
do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA
Lc 7, 16
Se non se
canta, pódese omitir.
Aleluia,
aleluia.
Un gran
profeta apareceu entre nós,
e Deus
visitou o seu pobo.
Aleluia.
Evanxeo
Xn 6, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Repartiu
entre os sentados canto quixeron
Naquel
tempo, foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades).
Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos
enfermos. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos.
Estaba a
chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo
vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:
Onde imos
mercar pan, para que coma esta xente? (isto dicíao para tentealo,
que el ben sabía xa o que ía facer).
Respondeulle
Filipe:
Nin medio
ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
Un dos seus
discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
Hai aquí
un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero,
que é iso para tantos?
Xesús
ordenou:
Facede
sentar a xente.
Había
moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón
colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu aos sentados canto
quixeron; fixo o mesmo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos
seus discípulos:
Recollede
os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
Entón
xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan
de cebada, que lles sobraran aos que comeron. ao veren aqueles homes
o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había
de vir ao mundo".
Entón
Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei,
retirouse outra vez ao monte el só.
Palabra
do Señor R/. Loámoste, Cristo
CANDO
DEUS SE CONVERTE EN SOLIDARIEDADE, O POUCO SEMPRE É MOITO.
SEN
EL, O MOITO QUEDA EN NADA
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
A
medida que pasan os días as dificultades son cada vez maiores e a
esperanza vai esmorecendo. O que noutro tempo era de moitas cores,
pasou logo a gris, para irse convertendo, cada vez para máis
persoas, na negrura máis absoluta. A negrura de quen non ve saída e
a quen todas as posibilidades se lle van pechando; a negrura da
decepción de quen se esforzou, buscou e non conseguiu atopar un
pequeno claro na súa vida.
En
situacións así, a fe, sen que teña solucións de tipo técnico,
convértese en pequena lumieira que vai mantendo a forza para non
virse abaixo de xeito definitivo. Unha fe que ve en Xesús a aquel
que loitou contra toda desesperanza, que confiou a pesar de que os
seus o abandonaran renegando del. Como lle ocorreu a Xesús, tamén a
fe volve a ofrecérsenos como chama que mantén viva en nós a
capacidade de non deixarnos vencer polo abatemento e a desesperación,
creando redes de solidariedade, axuda, escoita e achega, facéndonos
sentir comunidade que se quere e preocupa polo que lles pasa aos seus
membros. Que saibamos aproveitar o pouco ou o moito para, desde nós,
vivilo con quen o necesite.
O
PERDÓN
- Por non querer comprender que o pouco compartido convértese en moito solidario, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
- Por desperdiciar tempo e ocasións nas que poder ser samaritanos dos irmáns e das irmás, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
- Porque nos xuntamos para as celebracións dominicais, pero ás veces estamos moi lonxe de formar comunidades cristiás, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á ESPERANZA.
REMUÍÑO
- No noso mundo egoísta e autosuficiente, tanto ao servidor de Eliseo coma ao propio Filipe, poderíamos describilos coma persoas realistas, cos pés no chan: con tan pouco pan, non chega para tanta xente..... E claro, se funcionamos así a solución que se impón é contundente: se non hai para comezar, mellor non preocuparse!!!!. Esa é a nosa lóxica infantil e inmatura: se eu non son presidente de goberno nin teño ningunha responsabilidade política, social ou económica, que vou facer diante de temas coma a crise económica, a fame no mundo, o subdesenvolvemento, o deterioro do medio ambiente...... Botamos balóns fóra, rañamos os nosos petos cando hai unha colecta especial para os pobriños do terceiro mundo, mesmo derramamos algunha bágoa cando a televisión nos mostra a crúa realidade na que malviven...; pero, a outra cousa bolboreta!!!!: aos cinco segundos xa nos esquecemos e imos de novo ao noso.
- Porén, a lóxica de Eliseo e a de Xesús é outra ben diferente: dá o que teñas, así haberá suficiente para todos e aínda sobrará...Por que nos custa tanto razoar así, por que se nos fai tan costa arriba? Non será porque nos contaminamos nesta sociedade materialista e egoísta na que estamos acostumados ao intercambio -dou para que me dean- e non temos en conta o valor da gratuidade? Esquecemos que mentres só deamos as sobras do que temos nunca conseguiremos que chegue para todos. Mentres non nos eduquemos na austeridade e no compartir, como moito chegaremos a tranquilizar enganosamente a nosa conciencia; pero seguirá a faltar o pan para moitas persoas. E o que dicimos das cousas materiais, tamén o podemos dicir das nosas calidades, pois moitas veces parapetámonos en expresións do tipo “eu son tan pouca cousa...”, “iso ten que facelo xente preparada, non coma min”... e outras lindezas parecidas para aforrarnos o perder a tranquilidade do noso ir facendo. E así privamos aos demais da nosa achega.
- “Dádelles vós de comer”. O pobo está a pasar por unha tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis feliz, senón tamén, coma a multitude que acompañaba a Xesús, a fame e a indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios, contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
- Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón? O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Unámonos en oración a Deus,
para que El alente o noso camiño de fe desde o compartir con
humildade canto somos e temos e digamos xuntos:
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE
POS NAS NOSAS MANS
- Moitas veces, Señor, esquecemos que somos Igrexa; unha Igrexa na que Ti nos invitas a camiñar e vivir na comuñón, o respecto e non na imposición, para que sempre o teñamos presente, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE
POS NAS NOSAS MANS
- Moitas veces, Señor, esquecemos que somos comunidade; unha comunidade formada cos que temos ao noso lado: os familiares, os veciños, os compañeiros de traballo, os amigos.... Para que volvamos sentir o gozo do compartir coma un dos valores fundamentais da nosa fe, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE
POS NAS NOSAS MANS
- Moitas veces, Señor, esquecemos que os camiños da vida teñen ida e volta, e non nos damos conta de que o hoxe lle está a pasar ao veciño, irmán, amigo... mañá pode pasarnos a nós. Para que non nos sintamos superiores a ninguén, senón sempre preocupados e achegados a quen poida necesitarnos, OREMOS.
QUE NON ESTRAGUEMOS OS DONS QUE
POS NAS NOSAS MANS
Que o corazón ,Señor,
saibamos abrilo para entender e acompañar o sufrimento, as
dificultades e tamén os gozos e esperanzas dos irmáns e das irmás.
P.X.N.S. Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
Danos
o pan de cada día,
danos
folgos para traballar a terra
e
sementar e recoller e repartir e comer.
Danos
o de cada día,
non
o de mañá ou o de pasadomañá,
para
que non confiemos nas nosas seguridades,
senón
en Ti e na túa providencia.
Arrinca
de nós a ambición,
para
que non acaparemos o das outras persoas,
para
que non as despoxemos do seu,
senón
que saibamos respectar e colaborar.
Líbranos
do egoísmo.
Aparta
de nós a tentación
do
crecemento indefinido.
Non
nos deixes caer na soberbia nin na autosuficiencia,
nin
na indiferenza nin no racismo.
Concédenos
un corazón novo
para
poder chamarte cada día Pai-Nai,
para
chamar a todas as persoas irmás,
para
ser irmáns e irmás repartindo,
compartindo,
sentados
á mesma mesa neste mundo,
para
sentar contigo na mesa do teu reino. Amén.
CANTOS
- ENTRADA: Vinde axiña
- LECTURAS: O amor é o meirande
- OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
- COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vidaPOWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario