1 jun. 2012

Domingo da Santísima Trinidade - ciclo B


DOMINGO SANTÍSIMA TRINDADE  CICLO B


Primeira Lectura     Dt 4, 32-34. 39-40
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
O Señor é Deus no alto dos ceos e no profundo da terra, e non hai outro máis ca El

                Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
                - Pregúntalles aos tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: Houbo algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? Escoitou algún pobo a voz de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo? Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto aos teus propios ollos?
                Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro.
                Garda os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para os teus fillos despois de ti, e alongarás os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para sempre".

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 4-5. 6 e 9. 18-19. 20 e 22
R/.  (12b):  Feliz o pobo a quen Deus escolleu como herdade.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

A palabra do Señor fixo os ceos,
o alento da súa boca os astros todos,
pois El falou, e todo existiu,
El mandouno, e todo xurdiu.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


Segunda Lectura     Rm 8, 14-17
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS Recibistes o Espírito de fillos de adopción, no que clamamos: Abba, Pai

                Irmáns:
                Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ao temor. Non.
                Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas ao que podemos gritar: "Abbá": Pai!
                Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; se padecemos con el, é para sermos tamén  glorificados con el.

                               Palabra do Señor                                R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 28, 16-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEU
Bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo

                Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
                Entón acercouse Xesús e díxolles:
                ‑ Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

                               Palabra do Señor                                R/. Loámoste, Cristo



HERDEIR@S DUNHA GRAN FACENDA: A TERRA CASA DE TODOS E CHAMADA A DAR FROITOS DE DIÁLOGO E COMUNICACIÓN
Pórtico
         Como ben nos di a primeira lectura, temos que aprender a preguntarlle ao tempo por Deus. Ao tempo difícil, convulso, cargado de pesimismo e cheo de nubes baixas a punto de abrirse e soltar a auga sobre nós; ao tempo que nos invitas a construír entre todos, porque nos necesitamos e ninguén debe quedar á marxe; ao tempo no que as cousas non saen como pensabamos; ao tempo que tantas veces perdemos por non dar entendido que é tarefa nosa, libre e responsable, aproveitalo para que dea froito; ao tempo no que o froito está chamado a medrar e a estenderse, facendo da nosa casa, barrio, parroquia, traballo... momento de colaboración, entendemento, diálogo e escoita, como Ti nos aprendiches nesa relación fonda e sempre agarimosa de Pai que no seu Fillo nos deixa gozar da forza e presenza do Espírito. Neste domingo da Santísima Trindade, domingo de comuñón e relación, que aprendamos a descubrirte en canto nos leve a unir mans para facer proxectos que engloben e non exclúan.
O Perdón
*        Porque non entendemos a comuñón como un poñer as nosas mans ao servizo de quen está necesitado de amor;             SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
*        Porque nos sobran actitudes individualistas, e nos faltan feitos de traballo comunitario; CRISTO, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
*        Porque nos tira máis mirar ao pasado, que poñer alicerces de fermento de presente que nos fagan crecer cara un futuro esperanzado e vivo; SEÑOR, QUE A TÚA HERDANZA DEA FROITO EN NÓS.
Remuíño
·        Mirando atrás, a ese tempo que pasou, ímonos dando conta de tantas cousas que pensabamos secundarias, sen importancia, sen valor, sen... e que agora botamos en falta! Sempre, en todo momento, doado ou difícil, Deus estivo aí: calado e á espera, unhas veces alentando, animando e acompañando outras moitas. Pero sempre defendendo a nosa liberdade para escoller, elixir, decidir... porque somos nós, e ninguén máis, quen decide, quen quere ou non quere participar da realización dunha vida máis digna e feliz, quen está disposto a ser protagonista da súa vida e a non deixarlle ese protagonismo a outros. Se nós queremos, ninguén nos rouba o que queremos ser. Pero como nos custa en todo este camiño escoitar a voz de Deus! É verdade que escoitamos voces, pero non acabamos de identificar entre todas elas a voz de Deus, o que nos leva a dicir que está ausente, que nos esqueceu, que non nos quere, que xa non lle preocupamos. Cando a cousa non está en que El non queira, senón na nosa capacidade para distinguilo e escoitalo. Si, porque se non distinguimos a súa voz das demais, acabamos confundíndoo a El co que outros din ou pensan, e mesmo podemos atribuírlle o que outros queren que pensemos del. Se somos libres, temos que esforzarnos non en buscar respostas feitas, senón en descubrir, sen ataduras e con liberdade, que é o que quere Deus de min desde a vida que estou a vivir, desde o que me pasa, desde o camiño que eu elixín para deixarme acompañar por El. Deste xeito non é que El marque o que temos que facer ou dicir, senón o que nos acompaña para alentarnos e non deixarnos solos no noso camiñar cotián. Porque Deus o que busca e quere non é amargarnos a vida, senón axudarnos a que sexa o máis feliz posible.

·        Neste ser compañeiro na busca dunha vida realizada, chea de ilusións, esperanzas e perspectivas, vai poñendo ao noso redor a forza do Espírito para que non nos sintamos abandonados e desamparados á hora de tomar decisións. Unha presenza que vén en forma de palabras de alguén que nos quere, de mans dos que nos axudan, de sorriso dos que nos animan, de ánimo daqueles aos que lles importamos e non lle somos indiferentes. A presenza do Espírito non é algo abstracto ou inmaterial, senón que se visualiza nas persoas que conforman a nosa contorna. Aí, nelas e con elas, vaise facendo presente o Espírito que alenta, anima, enche, acompaña, agarima... con todos os seus dons a nosa vida. É entón un espírito non de escravitude, senón de liberdade; unha liberdade que nos vai facendo maduros para escoller, responsables para vivir e libres para actuar. Que mellor herdanza que esta nos podería ter deixado Deus!

·        No envío aos apóstolos, está o envío a cada un/ha de nós. Un envío que non é nin en solitario nin ao chou, senón en comunidade e guiados pola lóxica do amor, a comunicación, o diálogo, a unión e a colaboración solidaria e compartida. É verdade que non ten sido así moitas veces; e non o ten sido porque os que tiñan a misión de presidir as comunidades moitas veces esqueceron que o servizo era forza e guieiro do seu ministerio; pero tampouco os membros desas comunidades, nós, temos feito moito para que as cousas foran doutro xeito buscando tempo para formarnos, colaborar, asumir responsabilidades e romper así un cristianismo de vivencia acomodada a unhas prácticas, uns ritos ou unhas tradicións. A fe non é costume, senón vida esforzada por converter os valores nos que viviu Xesús nos valores que alenten a nosa vida. Neste camiño non estamos  nunca deixados da súa man, ao contrario: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son presenza ilusionada para cantos queiramos recoñecelos e deixarnos guiar pola súa compaña.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Diante do Deus que se nos vai facendo presente como amor que se desprega no Pai que dá vida, no Fillo que a desenvolve e no Espírito que a acompaña, dicimos xuntos:
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
*       Para que na Igrexa aprendamos a vivir desde o amor que comunica e mostra a un Deus que non se pecha nos templos, senón que se abre, no testemuño do Fillo que se encarna, e do Espírito que nos alenta na denuncia de canto escraviza, engana e explota ás persoas, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
*       Para que, como ocorre no Deus Trinitario, tamén nas nosas parroquias saibamos comunicarnos buscando pontes que nos achegan e posibilitan o diálogo, a axuda e o entendemento entre nós, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
*       Para que todos nós aprendamos do Deus amor a ser presenza sandadora para as persoas que necesiten que as escoiten, as visiten, as acompañen e as animen en momentos duros e difíciles como son os que estamos a vivir, OREMOS.
ABRÍNDONOS Á COMUÑÓN, CONSTRUÍMOS O REINO
Señor, que o amor trinitario que hoxe nos mostras, sexa o amor da comuñón e o diálogo que anime as nosas relacións de uns cos outros. P.X.N.S. Amén.
Para a reflexión
Que a graza de Deus descanse sobre ti.
Que a graza do amor descanse sobre ti.
Que a graza da casa descanse sobre ti.
Que a graza e a dignidade da túa fe descansen sobre ti.
Que a garda do Deus da vida te acompañe.
Que a garda do Cristo do amor te acompañe.
Que a garda do Espírito Santo te acompañe.
Que goces do agarimo de Deus.
Que Deus te sosteña.
Que Deus te rodee.
Os tres sobre a túa cabeza,
Os tres sobre o teu corazón,
Os tres sobre o teu corpo.
Que pases cada noite e cada día
na aperta dos tres.
Tódolos días da túa vida
e para sempre. Amén.
(Cáritas, Coresma e Pascua 2012)


 CANTOS
ö    ENTRADA
Amigos nas penas
ö      LECTURAS
Canta o sol
ö      OFERTORIO: 
Todo o mundo unha familia
ö      COMUÑÓN: 
Queda ti, Señor, connosco

POWER POINTS




No hay comentarios:

Publicar un comentario