Domingo 11 Ordinario - ciclo B
DOMINGO 11º DO TEMPO ORDINARIO - B
Primeira Lectura
Ez 17, 22-24
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Enxalzou a árbore humilde
Así fala o meu Señor:
‑ Eu collerei das
ramas do cedro a máis alta e fixareina;
dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,
e plantareino nun monte alto e elevado,
no monte elevado de Israel plantareino;
botará gromos e dará froitos
e volverase un cedro magnífico;
aniñarán debaixo del todos os paxariños,
todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.
Entón todas as árbores
do monte
caerán na conta de que eu, o Señor,
derreo a árbore ergueita
e levanto a árbore derreada;
seco a árbore verde
e fago florecer a árbore seca.
Eu, o Señor, díxeno e
fareino.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16
R/. (cf. 2a): É bo honrar o teu nome, Señor.
É bo celebrar o Señor,
e cantar ao teu nome, oh Altísimo,
pregoar de mañá a túa misericordia,
e de noite a túa fidelidade.
Os xustos florecerán coma palmeiras,
ergueranse coma cedros do Líbano.
Plantados na casa do Señor,
florecerán nos adros do noso Deus.
Aínda na vellez seguirán dando froito,
estarán cheos de zume e de vigor,
para pregoaren que o Señor é recto,
a miña rocha, en quen non hai iniquidade.
Segunda Lectura
2 Cor 5, 6-10
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN
PAULO AOS CORINTIOS
Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del,
arelamos agradarlle ao Señor
Irmáns:
Temos sempre bo ánimo,
sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe do Señor, guiados
pola fe, non polo que se ve.
E con este ánimo,
preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso, ora
continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.
Porque todos teremos
que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un
recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Mc 4,
26-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
A máis pequena das sementes faise o máis grande dos
arbustos
Naquel tempo, dicía
Xesús á multitude:
‑ Así é o Reino de
Deus, como un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa
de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A
terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último
o gran ben abundante na espiga. E cando o froito xa está en sazón, de seguida
se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía:
‑ Con que compararemos
o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a
máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a
maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas ponlas tan grandes que na
súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
E así, con moitas
comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen
entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus
discípulos.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
EN TEMPOS DE SECA DE HUMANIDADE, NECESITAMOS SEMENTE QUE DEA FROITO
DE ESPERANZA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Non están os tempos
para despilfarros e gasto innecesario. A cousa non pinta ben, e agora tócanos
pagar o que ata non hai moito nos parecía do máis normal: gasto en obras
faraónicas, reivindicacións para que levaran todo ata a porta da casa,
subvencións para facer, ou non facer, cousas que noutro tempo eran froito da
colaboración e a gratuidade dos veciños. E tanto foi o cántaro á fonte, que
acabou por romper. Por iso, neste momento de tanta dificultade, necesitamos
resituarnos, pararnos e pensar, con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós
mesmos, sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Que queremos,
que buscamos, que é o que nos pode axudar a ser mellores persoa e máis felices?
Só a partir de aquí poderemos comezar a endereitar a situación. Porque, é verdade,
os que nos mandan teñen unha parte grande de culpa, pero tamén nós temos algo
que dicir, ou non? Non vaia ser que, por botarlle a culpa aos demais,
esquezamos que nós somos cidadáns, e coma tal, podemos escoller e votar aos
nosos representantes. Será que temos a situación que merecemos? Empecemos por
nós mesmos a sementar humanidade e realismo, para deste xeito poder recoller a
esperanza coma o mellor dos froitos.
Perdón
Señor,
que non esquezamos que todos temos responsabilidade de moitas das cousas que
estamos a vivir, SEÑOR, PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
Cristo,
que aprendamos a recoñecer que pasar dos problemas non é actitude de quen quere
ser seguidor teu, CRISTO, PERDÓN POR
TERNOS DESENTENDIDO.
Señor,
que non caiamos na tentación de botarlle a culpa aos demais dos problemas e
dificultades que hoxe estamos a vivir, SEÑOR,
PERDÓN POR TERNOS DESENTENDIDO.
REMUÍÑO
*
Confianza
e sinxeleza son as dúas actitudes desde as que hoxe a Palabra de Deus nos
invita a ver a vida. E son estas dúas actitudes que neste momento non cotizan á
alza. E non o fan porque, por unha banda, as nosas actitudes, diante do
inestable mundo laboral e económico polo que estamos a pasar, xeran moita
desconfianza e inseguridade, en nós mesmos e nas persoas que toman decisións
que logo repercuten sobre nós. E como sabemos, cando unha situación coma esta
se alonga no tempo, as consecuencias de fracaso, frustración, desacougo... van
agromando día a día e producindo a sensación de ser monicreques nas mans dos
que deciden. Porén, o texto do profeta Ezequiel quere romper con esta dinámica,
e chámanos, unha vez máis a poñer a nosa confianza en Deus. Só El pode darmos
os gromos dos que saian novos froitos. Cando imos apartando a Deus da nosa
vida, e buscamos substituílo por poder, diñeiro, prestixio, posesións, chega un
momento que nada nos enche e todo nos baleira. Fronte disto, só nos queda a
confianza e a sinxeleza, actitudes que constantemente nos vai poñendo diante
nosa a Palabra para que encaremos a vida e, desde elas, busquemos os gromos que
dan froitos non só para hoxe, senón para sempre. Os gromos que nos achegan,
pouco a pouco pero sen pausa, a Deus. Nesta esperanza camiñamos e facemos da
nosa vida semente de diálogo e participación. A soberbia, a superioridade, o
engano, a falta de respecto cara os pobres e necesitados, non son máis que
escenarios inseguros que cando menos se pensa veñen abaixo con todos os actores
enriba. Pero Deus, na sinxeleza e confianza, sabe erguer a árbore derreada e
facer florecer a árbore seca.
*
Para
que medren os xustos e se ergan os enganados e asoballados. Dicir Deus para un
crente é dicilo todo, pero é un todo que non está alleo a canto lle pasa ao irmán
que sofre, non ten traballo, foi enganado, non se sente con ánimo para volver
intentalo outra vez logo de moitos fracasos. É chamada e tarefa para non tomalo
en van, xogar con El ou buscar sacarlle rendibilidade material. Deus é presenza
constante nas persoas; unha presenza que temos que saber descubrir e alentar. Cando
o que se busca é aproveitarse dos demais, inda que digamos que se fai non nome
de Deus, iso non é outra cousa máis que tomalo en van e manipulalo ao noso
favor, pero El non se deixa manipular, pon a cadaquén no sei sitio, e chámanos
a saber velo en cada man que tendamos aos demais e deixamos que outros tamén
nola tendan a nós. Non están os tempos, logo de tanto engano e abuso como se
teñen dado na nosa sociedade, como para volver confiar, pero ás veces
esquecemos que Deus sempre estivo aí,
que fomos nós os que nos iamos afastando e prescindindo del. Abandonemos entón o
pragmatismo de recorrer a El so nos momentos nos que estamos mal –Sta. Bárbara
cando trona- e comecemos a sentilo coma forza, alento, ánimo e presenza que non
nos deixa caer polo terraplén da desesperación e a desconfianza. Reino,
salvación, amor, resurrección, vida, son palabras que non poden sonar a oco nas
nosas vidas, senón a tarefa comunitaria e constante de busca da proposta de
Deus para nós.
*
No
pouco a pouco, sen cansar, desta tarefa, irmos descubrindo a súa presenza, que
como a semente que se bota á terra, vai medrando paseniñamente ata que acada o
froito. A fe, cando somos capaces de poñela en Deus e no seu proxecto de amor e
salvación, vai tamén crecendo en nós, case coma se non nos deramos conta, ata
ir abranguendo a nosa vida, ofrecéndonos valores, actitudes e capacidade de ver
o mundo desde outra perspectiva distinta á que nos poden ofrecer os medios de
comunicación, as revistas do corazón ou os que teñen moito poder e pensan que o
saben todo. Si, a fe, non busca medallas que a publiciten, senón sinxeleza e
verdade. E estas só se poden atopar no corazón de quen se esforza e quere, pero
sen buscar o interese que a tantas persoas ten levado á tristura e
desesperación, ir medrando para dar o mellor dos froitos: o sentido da vida e o
camiño por onde ilo conseguindo. Esta é a mensaxe que hoxe nos quere transmitir
a Palabra de Deus: que deixemos que a semente que plantou en nós o día do noso
bautismo vaia dando froitos día a día. Froitos que nos fagan máis felices,
mellores persoas, e auténticos discípulos.
Oración da comunidade
Diante
do Deus que vai plantando a semente na nosa vida, compartimos a oración
comunitaria que nos dá a forza para dar froitos de boas obras, e dicimos:
QUE A FE
NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
- Pola
Igrexa,
para que sexa testemuño de fidelidade á semente de Xesús, e dea o froito
das boas obras manifestadas no servizo, a colaboración, o diálogo e a igualdade
no medio da sociedade, Oremos.
QUE A FE
NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
- Para que nas nosas comunidades, aprendamos que
os froitos son posibles con actitudes de servizo, axuda, proximidade e
constancia ao lado das persoas que poden necesitarnos por estar soas,
enfermas, paradas, enganadas, manipuladas e sempre necesitadas dunha man
amiga e da voz que saiba transmitirlle que a semente da fe é presenza
humana e solidaria, Oremos.
QUE A FE
NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
- Para
que nós,
coma o gran de mostaza, vaiamos crecendo e madurando nunha maneira de
vivir a fe que nos leva a ir dando froitos de alegría, honestidade,
interese e preocupación polos problemas e urxencias dos nosos barrios, as
nosas parroquias, na nosa familia e no noso centro de traballo, Oremos.
QUEA FE
NOS FAGA MEDRAR EN BOS FROITOS
Señor,
hoxe quixeches que espertaramos a canto está a vivir a sociedade da que
formamos parte para que, colaborando, vaiamos entre todos, traballando para que
estas dificultades e problemas non nos convertan en persoas amargadas e
desilusionadas. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
NOS
CINCUENTA ANOS DO VATICANO II
Os
leigos/as teñen coma vocación propia buscar o reino de Deus ocupándose das
realidades temporais e ordenándoas segundo Deus.
Inda
que na Igrexa algúns foron constituídos para os demais como doutores, administradores
dos misterios e pastores, porén existe unha verdadeira igualdade entre todos en
canto a dignidade e actividade común a todos os fieis na edificación do corpo
de Cristo.
Que
o mundo se impregne do espírito de Cristo e acade máis eficazmente a súa fin na
xustiza o amor e a paz. Na realización universal desta tarefa os leigos/as
ocupan o posto principal.
Os
leigos/as teñen dereito, e algunhas veces a obriga, de manifestar o seu parecer
sobre o que se refire ao ben da Igrexa. Os sagrados pastores, pola súa parte...
encárguenlles con confianza tarefas ao servizo da Igrexa, e déixenlles liberdade e espazo para actuar,
e mesmo anímenos para que espontaneamente tomen iniciativas.
(L.G.
31.32.36.37)
CANTOS
- ENTRADA: Amigos nas penas
- LECTURAS:
Con tódalas criaturas
- OFERTORIO:
Na nosa terra
- COMUÑÓN:
Pan do ceo
Comentarios
Publicar un comentario