PENTECOSTE Domingo 8 de Pascua - Ciclo B



DOMINGO DE PENTECOSTE


Primeira Lectura     Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar

            Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.

            Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

            Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:

            "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34

R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.

Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.

Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.

Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor


Segunda Lectura      1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo

            Irmáns:
            Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.

            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SECUENCIA            

Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.

Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.

Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.

Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.

Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.


Evanxeo       Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

-         Paz convosco.

            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:

            ‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

            ‑ Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

                        Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo


 A IGREXA: UNHA MESMA PARTITURA CON INSTRUMENTOS DIFERENTES
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Pentecoste, cincuenta días despois da Pascua, quere ser unha chamada aos cristiáns a non esquecer que presenza de Deus e a súa relación persoal con cada un/ha de nós, non é exclusiva dun grupo ou dunhas cantas persoas unicamente, senón unha chamada a todos sen exclusión, porque a forza do Espírito non distingue entre uns, os bos, e outros, os malos, senón que El alenta, anima e acompaña a todos. Por iso podemos dicir que a festa de hoxe é unha gran partitura para que sexan moitos os instrumentos que a interpreten; e estes, sendo tan diferentes e diversos, acaban formando unha melodía chea de harmonía e sentido. A harmonía e o sentido que nos ofrece a Palabra de Deus e as boas obras de tantas persoas que, co seu actuar, responderon na súa vida ao don do Espírito Santo que nos fai ser fortes nas dificultades e solidarios no compartir.

O PERDÓN
*      Para que deixemos atrás unha fe que ten como partitura o egoísmo, o aproveitamento e a envexa, SEÑOR, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.
*      Para que saibamos poñer os nosos dons ao servizo da comunidade e non do noso propio interese, CRISTO, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.
*      Para que os nosos medos, as nosas tristuras e os nosos desacougos non nos encerren en nós mesmos, impedíndonos vivir e compartir a fe comunitariamente, SEÑOR, QUE A NOSA MÚSICA SEXA O AMOR.



REMUÍÑO
O medo nunca é bo compañeiro de viaxe, e a primeira lectura de hoxe claramente nolo di: os Apóstolos, porque tiñan medo, pecháranse na casa. Non saían, non se relacionaban cos demais, non abandonaban a actitude derrotista que lles supuxera canto lle ocorrera a Xesús. O seu medo freaba a misión, da que falabamos o domingo pasado, que lles encomendara Xesús: “Ide e anunciade”. Estando nestas, algo lle ocorre porque comezan a cambiar, e onde había retraemento, vergoña, complexo de inferioridade... comeza a agromar forza, ilusión, alento, gañas de saír e atoparse con xente, necesidade de dicir, compartir, explicar, testemuñar todo o que foran sentindo e descubrido no seu contacto con Xesús. Tomaron conciencia de que xa era hora de deixar atrás o tempo do dó, que había que comezar a poñer as cousas en claro, que o que estaban a facer non respondía ao que sentiran, experimentaran e gozaran con Xesús, que laiarse podía valer por un tempo, pero non levaba a nada se este tempo se ía facendo cada vez máis longo, xa que acababa facendo as súas vidas totalmente estériles. Por iso senten a necesidade de romper con esta actitude e recomezar. Verdade que isto nos resulta familiar? Cantas veces a nós nos ocorre algo parecido? Cantas veces nos deixamos ir e alongamos no tempo estas actitudes fatalistas ás que parece non queremos poñer fin? Eles foron capaces de darlle outro rumbo á vida porque confiaron no que lles dixera Xesús, por iso foron percibindo que algo estaba a cambiar. A presenza do Espírito Santo foise deixando sentir neles, foinos invadindo pouco a pouco. Deste xeito non só as súas actitudes, senón a percepción que tiñan da vida e das cousas foi cambiando. Entenderon ao fin, que a partitura xa estaba escrita, que agora había que interpretala, e os mellores músicos para facelo eran eles. Tamén hoxe segue escrita a partitura, e somos nós, os cristiáns do século XXI os músicos que temos que interpretala.


E ha ser esta unha interpretación na que imos ter o mellor de tódolos directores: o Espírito Santo. El sabe moito de música, ten moita experiencia dirixindo, sabe que corresponde interpretar a cada un, pero de nós vai depender que se produza a mellor das harmonías entre o director e os seus músicos. Unha harmonía que nos chama a que cada un/ha de nós, con instrumentos distintos, colaboremos para que a partitura teña a mellor das interpretacións. Poñamos da nosa parte tódalas calidades, e deixemos que o director, o Espírito Santo, leve a batuta para facer de nós verdadeiros artistas da música de Xesús, cuxas notas resoan no mundo de hoxe. Un mundo apertado, e moitas veces abafado, na desesperación que produce a crise co paro, os recortes, a perda de dereitos sociais ou a ameaza de que o que hoxe están a pasar outros, mañá nos pode ocorre a nós.

Por iso é tan importante sentir a presenza do Espírito Santo nas nosa vidas, para que El, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos alente, anime, estimule e mova a non deixarnos caer nin levar da sensación de fracaso e impotencia. Sen ser redentores de nada, a forza da fe ten que levarnos a evitar deixarnos levar da sensación de angustia e derrotismo. Deus é amor, e o seu amor temos que vivilo e transmitilo uns para cos outros. Só sabendo interpretar esta partitura entre todos, conseguiremos entender a razón e o porqué da nosa fe, no hoxe e agora da vida de cada un/ha.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Reunidos no seu nome, dirixidos pola presenza do Espírito Santo, sentímonos comunidade e dicimos xuntos:
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
*      Que na Igrexa saibamos gozar da pluralidade de formas, xeitos, maneiras e modos de manifestar a fe que ten a Xesús como sentido e forza, e ao Espírito Santo como o que anima, alenta e dirixe a forza de Deus no medio das comunidades, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
*      Que nas nosas comunidades fagamos todos o esforzo de deixar de criticarnos, para comezar a esforzarnos por descubrir canto de bo pode aportar cada un, buscando a forza da unión, e non a debilidade do enfrontamento, Oremos.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
*      Que cantos hoxe nos achegamos ao templo para participar da celebración poñamos esforzo por atender, escoitar e descubrir a presenza do Espírito Santo en nós; non para pecharlle as portas, senón para interpretar a partitura que dirixe desde a pluralidade, o respecto e a coherencia de vida, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A VIVIR E EXPRESAR A FE NA DIVERSIDADE QUE NOS UNE
Grazas, Señor, por agasallarnos coa presenza do Espírito Santo na nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Bendicímoste, Pai, polo don do Espírito
que, polo teu Fillo, lle fas ao mundo.
Bendicímoste porque puxeches o teu Espírito
en homes e mulleres, en nenos e en adultos
e polo agasallo que nos fas
sempre na historia humana:
espírito de forza nos xuíces e gobernantes,
espírito reitor en líderes fieis,
espírito creador nos sabios investigadores,
espírito soñador nos artistas e poetas,
espírito solidario nos pobres pobres,
espírito de vida sempre no pobo.

Que o Espírito nos dea forza para loitar
pola verdade, a xustiza e o amor,
luz para comprender a todas as persoas,
axuda para servir,
xenerosidade para amar,
solidariedade para vivir,
paciencia para esperar.

Que o descubramos na ciencia,
na cultura, no traballo, na técnica,
en todo aquilo que o ser humano e o Espírito
preparan conxuntamente
no parto dos novos ceos e da nova terra.

Por Xesucristo, o teu Fillo resucitado,
o noso irmán. Amén.


CANTOS
  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Manda o teu Espírito
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Non vou so


Comentarios

Publicacións populares