Ascensión do Señor
A ASCENSIÓN DO SEÑOR – B
Primeira Lectura Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
O primeiro libro
fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata
o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo
aos apóstolos que escollera.
Ós mesmos que tamén se
lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles
durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
E comendo con eles,
encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa
do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós
bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que estaban
reunidos preguntábanlle:
-
Señor, é
agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
El respondeulles:
-
Non vos
acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio
poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes
as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da
terra.
-
En dicindo isto,
elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles
fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos
brancos, que dixeron:
‑ Galileos, que
facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo,
ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 46,
2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
Irmáns:
O Deus do noso Señor
Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de
revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa
alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da
gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu
poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da
súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á
súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude
e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro.
Someteullo todo baixo
os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo,
a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 16, 15-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Foi elevado ao ceo e senta á dereita de Deus
Naquel tempo,
aparecéuselles Xesús aos Once e díxolles:
‑ Ide polo mundo
enteiro, e anunciade a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e reciba o
bautismo, será salvo; e quen non crea, ha ser condenado.
Os que crean, irán
acompañados destes sinais: No meu nome han botar os demos fóra e falarán
linguas novas; collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non
lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos, e estes curarán.
E o Señor Xesús,
despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.
Eles saíron a predicar
por todas as partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que
os acompañaban.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
UNHA FE NON PARA
GARDAR, SENÓN PARA ESPALLAR: IDE E ANUNCIADE
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Mirar os acontecementos da nosa historia só cara arriba é
propio da maxia. Miralos cara atrás é propio da superstición. Porén nós, coma
cristiáns, temos unha mirada propia: cara arriba, confiando en Deus; cara ós
lados, buscando aos irmáns; e cara adiante, construíndo futuro con optimismo,
coa ledicia de sabérmonos acompañados.
Mais sempre temos a tentación da mirada máxica ou
supersticiosa. A Pascua é tempo de espertar, de renunciar a estas tentacións,
de rachar cadeas que escravizan. Busquemos coa mirada a Cristo, miremos ao
irmán e á irmá comecemos esta celebración recoñecendo neles a imaxe do
Resucitado.
O PERDÓN
●
Por non acabar de recoñecer que nos falta alegría para anunciar a Xesús, SEÑOR,
QUE NON CANSEMOS NA TAREFA.
●
Por non ser capaces de deixar atrás canto non serve para expresar coa nosa
vida a grandeza da túa mensaxe, CRISTO, QUE NON CANSEMOS NA TAREFA.
●
Por non querer entender que o mandato de ir e anunciar ten que facer da
nosa vida unha experiencia de solidariedade e xustiza, SEÑOR, QUE NON
CANSEMOS NA TAREFA.
REMUÍÑO
Cantas veces a comodidade, o deixar andar, a vulgaridade,
o pesimismo, a desilusión... se instalan na nosa vida e todo nos dá igual!. A
festa que celebramos hoxe, a Ascensión do Señor, quere ser unha posta de largo,
unha toma de conciencia do noso quefacer coma cristiáns, unha chamada a asumir
responsabilidades. Porque a relixión entendida só de xeito vertical fixo e fai
que moitos cristiáns quedaramos e quedemos mirando cara ao ceo, inmóbiles, cos
brazos cruzados, sen preocupármonos das mal chamadas “cousas mundanas”, senón
só das “celestiais”. Así, ao contemplarmos a Ascensión de Xesús sentimos ganas
de fuxir con el, de abandonar o telexornal da crise, da prima de risco, dos
recortes, do paro, da inxustiza, da desigualdade, da incultura... retirándonos
á vida privada, ao individualismo, ao illamento, á salvación da alma...
desencantándonos do mundo e afastándonos del. Deste xeito, cantas oportunidades
perdemos de ser felices, de sentirnos útiles, de realizarnos como persoas
botando unha man sen pedir nada a cambio, facendo un rato de compaña a quen se
sente só ou a quen está triste ou visitando a quen está enfermo. Por que non
daremos descuberto que a fe ten que levarnos xustamente a iso: a andar pola
vida doutro xeito, con outro talante, con máis esperanza?.
Que facedes aí plantados mirando ao ceo?; que facedes con
esa dobre moral hipócrita á que tan afeitos estamos?; que facedes crispando e
sen mover nin un só dedo para que o mundo mude?; que facedes calando diante da
que está caendo?; que facedes aí, refuxiados nos cuarteis de inverno de
sancristías e templos, sen saír a dar razón da vosa esperanza?. Estas son as
preguntas que hoxe se nos chama a responder. A Ascensión constitúe unha
invitación a descender, a volver á vila, a deixar as alturas e as nubes, a non
empreñar do aire. Hai que poñer os pés no chan, aterrar, mirar ao noso redor e
poñernos mans á obra. Porque Deus quere e espera de nós que sexamos cristiáns
adultos, en marcha, mirando cara adiante e construíndo sociedade. Porque hoxe
tamén hai realidades que cambiar, rostros tristes que aledar, bágoas que
enxugar, cadeas que romper. Porque hoxe tamén é tempo de denuncia... pero, do
mesmo xeito, tamén é tempo de salvación.
E o escenario onde se desenvolve a nosa tarefa non pode
ser outro máis que aquel onde vivimos: o mundo. O noso compromiso cristián ten
que levarnos a transformalo desde abaixo e desde dentro, como fixo Xesús.
Estamos chamados a mergullarnos na sociedade, a politizarnos, a “mundanizarnos”,
dando a nosa man a todos aqueles que, coma nós, traballen por construír a
civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa. Non somos mellores
ca ninguén, non somos perseguidos (pero tampouco perseguidores), non temos a
posesión da verdade, non queremos impoñer... Queremos traballar xuntos e
ilusionados, dando testemuño da nosa fe coas nosas actitudes, coas nosas obras
e coas nosas palabras. E cada un alí onde desenvolve o seu quefacer cotián: na
súa casa, coa súa familia, cos compañeiros de traballo, nas asociacións de
veciños, de pais e nais, nas nosas comunidades parroquiais... conscientes e
responsables de que así construímos o Reino de Deus. Velaí que queremos ser
unha Igrexa en movemento, a que esperamos para empezar a camiñar?.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Señor, queremos unirnos
agora na oración comunitaria, sabendo que canto somos capaces de rezar e
agradecer xuntos ten moito máis forza diante de Ti. Por iso queremos dicirche:
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
●
Para que na Igrexa xurdan cada vez máis voces que, desde o amor e o
respecto, non queden caladas diante do esquecemento de que Deus é amor e pide
verdade, honestidade, transparencia, e non corrupción, crispación e fundamentalismo,
OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
●
Para que aprendamos a sentir a túa presenza e a túa forza no medio das
nosas comunidades cristiás espalladas por todo o mundo, para que solidarios no
actuar, convertamos o mundo en casa de verdadeira acollida, OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
●
Para que tomemos en serio o teu “ide e anunciade“, e o convertamos na forza
transformadora que nos fai perder o medo e nos leva a manifestar que estás con
nós cando aledamos á xente da parroquia, acompañamos a quen está só, escoitamos
a quen sente a necesidade de que o escoiten ou somos a voz de quen non atopa
palabras para defenderse. OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
●
Para que non teñamos medo en manifestar a nosa convición de fe, non tanto
coa palabra, canto coas actitudes que nos levan a expresar que o noso amar,
servir, acompañar ou defender a quen o necesite, está asentado en Xesús e na
súa mensaxe, OREMOS.
QUE O TEU ENVÍO NOS FAGA SEMENTADORES DE FRATERNIDADE
Grazas, Señor, por
invitarnos a compartir a oración na que poñemos ao teu carón canto nos preocupa
e canto nos alenta a facer da nosa vida unha manchea de esperanza. P.X.N.S.
Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Puxeches nas nosas mans,
Señor,
a construción do mundo
e a edificación da
Igrexa, a túa comunidade.
Confiáchesnos o anuncio
do teu evanxeo
e espérasnos sempre nos
pobres,
nos que sofren, en todos
os irmáns.
Diante de nós ábrense
moitos camiños,
entre eles está a túa
chamada,
que non lle quita nada á
nosa liberdade.
Queremos reservarnos a
ledicia
e a responsabilidade da
resposta!.
Non permitas que
persoas, ideas ou acontecementos
impidan ou
instrumentalicen as nosas opcións e decisións.
Fai maior a nosa
responsabilidade
e libera a nosa liberdade,
para que cadaquén de
nós, no seu lugar,
queira darse totalmente,
con amor, ata a fin.
(Paulo VI
Cáritas Coresma e Pascua 2012)
CANTOS
● ENTRADA: Vinde axiña
● LECTURAS: Deixade esta terra
● OFERTORIO: Non vou so
● COMUÑÓN: Ide e pregoade
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario