LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 18 Ordinario (31/07/11)
DOMINGO XVIII ORDINARIO CICLO A
Primeira Lectura Is 55, 1-3
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Comprade comida e comede
Así fala Señor:
¡Oh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 8-9. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti a túa man, Señor, e dásnos fartura.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.
O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.
Segunda Lectura Rm 8, 35. 37-39
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ningunha criatura nos poderá separar do amor de Deus, que se dá en Cristo
Irmáns:
¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?: a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 4, 4b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
Aleluia.
Evanxeo Mt 14, 13-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Comeron todos e saciáronse
Naquel tempo, cando soubo Xesús da morte do Bautista, retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
‑ O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
‑ Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
Eles responderon:
‑ Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
‑ Pois traédemos aquí.
E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
COMPARTIR
Aínda que naquela ocasión
o panciño veu do ceo,
non contemos con comer
de moca o panciño a reo.
Non esperemos o pan
sen facer a sementeira,
sen a sega e o traballo
que leva os monllos á eira.
sen a sega e o traballo
que leva os monllos á eira.
Os cinco bolos de pan
e aquel cestiño de peixes
falan de compartir:
falan de compartir:
que do teu aos outros deixes.
Que o pouco, aínda que pouco, chega,
cando a xente o fai chegar:
repartindo coma irmáns
cando a xente o fai chegar:
repartindo coma irmáns
os bens que a todos Deus dá.
Así, non e de razón
que neste mundo vivamos
algúns con cartos e pan
algúns con cartos e pan
e outros sen pan nin cartos.
Postos a compartir
e a facer fraternidade,
todos terían traballo
e pan, sen virlles de balde.
Pero quen ten vida a feixes
cobiza ter aínda máis,
cobiza ter aínda máis,
e esquécese de compensar
a miseria dos demais.
a miseria dos demais.
Nós, coma bos discípulos
de Xesús, o noso mestre,
debemos facer que o pan
nas mans a todos lles medre,
debemos facer que o pan
nas mans a todos lles medre,
E non chegan caridades,
axudiñas ou esmolas;
para facer que isto cambie,
cómpre facer leis novas.
axudiñas ou esmolas;
para facer que isto cambie,
cómpre facer leis novas.
O POUCO CON DEUS E MOITO: SABER COMPARTIR
18 Domingo TOA - 2011
PORTICO
Coma crentes maduros, responsables e coherentes, estamos chamad@s a escoita da Palabra e a deixar que ela guíe a nosa vida, os nosos actos. Hoxe, esta Palabra fálanos de solidariedade, de compartir o que somos e o que temos , pouco ou moito, cos demais, especial mente cos máis necesitados.
Que esta celebración nos axude a caer na conta de que o pouco compartido chega a moito.
PERDÓN
Por deixarnos levar da tentación de valorar só o que e grande e importante, desprezando o sinxelo e pequeno. SEÑOR, TEN PIEDADE DE NÓS.
Porque non compartimos cos demais o pan do noso tempo, da nosa escoita, da nosa compaña.
CRISTO, TEN PIEDADE DE NÓS.
Por deixarnos levar da tentación e non ser capaces de dedicar tempo a escoitar e acompañar os sinxelos e pequenos que están ao noso lado cada día. SEÑOR TEN PIEDADE DE NÓS.
REMUIÑO
A sinxeleza do pan e para nós os crentes o signo dunha presenza grande e marabillosa: Deus está connosco. Non e alguén afastado, non e "o totalmente Outro", alleo aos nosos problemas e dificultades, senón o Deus que está no cotián e pequeno de cada día que somos capaces de
compartir cos que están connosco. Un pan que se fai tamén axuda, visita e palabra de ánimo para os que a necesitan. Segue dándonos, Señor, deste pan!
compartir cos que están connosco. Un pan que se fai tamén axuda, visita e palabra de ánimo para os que a necesitan. Segue dándonos, Señor, deste pan!
Porque o pan está entre nós, non temos que buscalo nas cousas fastosas e faraónicas, senón que debemos descubrilo no cotián que cada un de nós vive. Pan e saber, e non esquecer, que o Reino de Deus supón superar as ansias de vinganza, ou gardar rancor a quen non se ten portado coma irmán con nós ou pretender que a soberbia e a superioridade sexan actitudes que levan a Deus. Son estas actitudes as que nos irán separando do amor de Cristo. Estas e non tradicións que hai que ir superando ou comportamentos que son para unha época pero non para sempre, as que nos irán separando do amor de Cristo.
E desde a vivencia da gratuidade do amor de Deus cara a nós, estamos chamados á solidariedade cos demais. "Dádelles vós de comer", di o Señor no Evanxeo. Estas palabras deben espertar en nós a responsabilidade e a necesidade de compartir cos demais o que somos e o que temos, pouco ou moito. E cando falamos de compartir non nos referimos só a cartos, a medios materiais. Moitas veces iso é o máis doado: damos unha esmola e tranquilizamos a nosa conciencia, sentímonos ben.
Con todo, cando falamos de compartir referímonos a sementar ilusión naqueles que cansan no camiño, a perder (ou mellor gañar) o noso tempo escoitando os que están tristes, sós ou enfermos; a compartir o noso sorriso cos desalentados. En definitiva, de tomarmos conciencia de que as sementes que Deus pousou no noso corazón deben dar froito e abrirse aos demais, pois non son só para nós.
ORACION DA COMUNIDADE
Ensínanos, Señor, unha vez máis a valorar o sinxelo e pequeno das cousas da vida. Grazas por recordárnolo, porque a nosa memoria moitas veces e fráxil e incerta, por iso dicímosche:
Axúdanos a facer do mundo unha mesa compartida.
Grazas pola Igrexa, porque é a comunidade que comparte a túa Palabra e reparte o teu pan. Oremos.
Axúdanos a facer do mundo unha mesa compartida.
Grazas porque, a pesar das ocasións nas nosas comunidades entran en competencias inútiles, as máis das veces sabemos poñer ao servizo dos irmáns os dons que Ti pousas en todos. Oremos.
Axúdanos a facer do mundo unha mesa compartida.
Grazas porque, mesmo cando cansamos no camiño e non nos sentimos con ganas e ilusión, alentas a nosa vida para que traballemos arreo polo teu Reino. Oremos.
Axúdanos a facer do mundo unha mesa compartida.
REFLEXION
Fas do mundo unha mesa compartida
Vives na copa redonda de viño.
Vives na copa redonda de viño.
Banquete de pobres. Botín de mendigos.
Compañeiro fiel, amigo entre amigos.
Vestido de ventos e sol de domingo,
Moreno de viñas, e fermoso de trigos.
Morto polos homes e nos homes vivo.
Cando nos xuntamos abrímosche camiños
E vés e pasas alegre e activo.
Compañeiro fiel, amigo entre amigos.
Vestido de ventos e sol de domingo,
Moreno de viñas, e fermoso de trigos.
Morto polos homes e nos homes vivo.
Cando nos xuntamos abrímosche camiños
E vés e pasas alegre e activo.
Polas todas as cousas por todos os sitios.
Catamos a túa morte: o definitivo triunfo da vida
Por mundos e séculos.
Catamos a túa morte: o definitivo triunfo da vida
Por mundos e séculos.
Cantamos a morte fatal do destino.
Cantamos a festa final do sentido.
Vives no pan roto e compartido.
Vives na copa redonda de viño.
Cantamos a festa final do sentido.
Vives no pan roto e compartido.
Vives na copa redonda de viño.
(V.M. Arbeloa, "Vives en el pan”.Cantos de fiesta cristiana )
CANTOS
Entrada: Pedras vivas
Lecturas: Pan do ceo
Comuñón: O pouco que Deus nos dá
Comentarios
Publicar un comentario