TESTEMUÑOS CRISTIÁNS DOS NOSOS DÍAS
SHAHBAZ BHATTI, ministro paquistaní para as minorías, asasinado.
Este católico foi asasinado o 1 de marzo de 2011 a golpes de pistola nunha emboscada na cidade de Islamabad, na súa batalla por axudar os necesitados, os pobres, os cristiáns perseguidos de Paquistán.
Como ministro dedicouse en primeira persoa a fomentar a paridade de dignidade de todas as comunidades do país. Ultimamente intervira no asunto de Asia Bibi, pronunciándose con decisión a favor dunha revisión da lei sobre a blasfemia. Quizais precisamente esta última batalla súa moveu os seus asasinos.
Velaquí algunhas das súas declaracións:
“Eu quero servir a Xesús
Propuxéronme altos cargos no goberno e pedíronme que abandonase a miña batalla, pero sempre o rexeitei, mesmo a risco da miña propia vida. A miña resposta era a mesma: «Non, quero servir a Xesús como un home común».
Esta devoción faime feliz. Non quero popularidade, non quero posicións de poder. Só quero un lugar aos pés de Xesús, quero que a miña vida, o meu carácter, as miñas accións falen por min e digan que estou a seguir a Xesucristo. Este desexo é tan forte en min que me consideraría privilexiado se -neste esforzo meu e nesta batalla por axudar os necesitados, os pobres, os cristiáns perseguidos de Paquistán - Xesús quixese aceptar o sacrificio da miña vida. Quero vivir para Cristo e quero morrer por el. Non teño ningún medo neste país.
Moitas veces os extremistas buscaron matarme e encarcerarme, ameazáronme, perseguíronme e aterrorizaron a miña familia. Os extremistas, hai uns anos, mesmo pediron a meus irmáns, a meus pais, a miña nai e a meu pai, que me disuadisen de continuar a miña misión en axuda aos cristiáns e aos necesitados, ou pola contra perderíanme. Pero o meu pai sempre me animou. Eu respondo que mentres teña vida, ata o último alento, continuarei servindo a Xesús e a esta pobre e sufrinte humanidade, os cristiáns, os necesitados e os pobres.
Quero dicirvos que atopo moita inspiración na Sagrada Biblia e na vida de Xesucristo. Canto máis leo o Novo e o Antigo Testamento, os versículos da Biblia e da palabra do Señor, máis se robustecen a miña forza e a miña determinación.
Cando reflexiono sobre o feito de que Xesucristo sacrificou todo, de que Deus enviou ao seu propio Fillo para a nosa redención e salvación, pregúntome como podo seguir o camiño do Calvario. O noso Señor dixo: «Ven comigo, toma a túa cruz e sígueme». As pasaxes que máis me gustan da Biblia din: «tiven fame e déstesme para comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e hospedástesme, espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, no cárcere e viñestes verme». E así, cando vexo a xente pobre e necesitada, penso que baixo as súas descricións é Xesús quen vén ao meu encontro.
Así que sempre trato de ser útil, xunto cos meus compañeiros, para dar asistencia aos necesitados, aos famentos, aos sedentos”.
Comentarios
Publicar un comentario