LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 17 Tpo.Ordinario (24/07/11)
DOMINGO XVII ORDINARIO CICLO A
Primeira Lectura 1 Re 3, 5. 7-12
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Pediches sabedoría para ti
‑ "Pídeme o que queiras".
Salomón respondeulle:
Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar.
Concédelle, pois, ao teu servo un corazón sabio, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
Ó Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.
E díxolle:
‑"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, como non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130
R/. (97a): Canto amo, Señor, a túa Lei!
A miña sorte é o Señor:
eu propoño observar a túa palabra.
A lei da túa boca é para min máis prezada
cós milleiros en moedas de ouro e prata.
Que a túa misericordia me console,
conforme o prometiches ao teu servo.
Que a túa compaixón veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.
Admirable é a túa revelación,
por iso a observa a miña alma.
A túa palabra ao revelarse ilumina,
fai sabios aos ignorantes.
Segunda Lectura Rm 8, 28-30
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo
Irmáns:
Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escollidos segundo os seus designios.
Pois aos que primeiro coñeceu, predestinounos a reproducir a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
E aos que predestinou, a eses chamou; e aos que chamou, a eses xustificou; e aos que xustificou, a eses glorificou.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se no se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 13, 44-52 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vendeu todo canto tiña e comprou o agro aquel
Naquel tempo, díxolle Xesús á multitude:
‑ O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.
Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
Do mesmo xeito, o Reino dos Ceos é semellante a unha rede varredoiro largada no mar, que recolleu peixes de todas as clases. Unha vez chea, tiraron por ela para a ribeira e, sentados, xuntaron os bos nas patelas, e tiraron os malos fóra.
Así será na fin do mundo: Sairán os anxos, e do medio dos xustos arredarán os malos para botalos no forno do lume: Alí haberá pranto e renxer de dentes.
Entendestes todo isto?
Eles responderon:
‑ Entendemos.
El concluíu:
‑ Por iso, todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese a un pai de familia que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________
Ou: 44-46 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, díxolle Xesús á multitude:
‑ O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.
Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
TESOURO AGOCHADO
Señor Xesús,
quen nos dese bater coma ti
co tesouro agachado da vida feliz coa xente en Deus!
Quen nos dese esa sabedoría fonda
que nos leve ás fontes da alegría,
ás fontes de toda acción sa e liberadora!
Señor Xesús,
sendo como somos tratantes da felicidade propia e allea,
quen nos dese bater coa pedriña preciosa
onde aniña o celme da paz e da dita!
Señor Xesús,
por todas partes se nos fan ofertas,
énchennos a casa, as ideas,
o corazón de promesas, de cousas, de soños
e seguimos cada día un pouco orfos.
Nos cartos hai felicidade,
pero sempre cun límite grande;
nos encontros comunitarios hai felicidade,
pero sempre saben a pouco.
Nos avances da xustiza hai felicidade,
pero que vagaroso é o seu paso.
Na fraternidade hai unha gran felicidade,
pero case sempre é un desexo insatisfeito.
Onde, Xesús,
onde batiches ti co tesouro agachado do Reino?
Na ollada do neno que se fía do pai?
Na man do imán que se estende cara ao imán?
No corazón que ama aínda a quen o odia?
Na decisión do que quebranta a lei por valerlle a unha persoa?
Onde, Xesús, onde está a pedriña preciosa do Reino?
ATOPAR O TESOURO DA FE... ISO NON TEN PREZO!!!!!!!!
PÓRTICO
Probablemente unha das maiores desgrazas do noso tempo sexa que a escala de valores que rexe na nosa sociedade e á que se agarran moitas persoas, non serve para facernos felices nin para realizarnos, senón que nos domina e nos manipula, quitándonos a paz. Cal é senón, a orixe da profunda crise económica que estamos a vivir?, por que a xente nova busca o éxito rápido e fácil, desterrando do seu vocabulario palabras como esforzo, renuncia e compromiso?, cal é o porqué de tanta violencia e tanta corrupción? Si, podemos dicir sen medo a equivocarnos que os tesouros nos que poñemos o noso corazón non liberan, senón que escravizan máis e máis.
Hoxe, de novo, a Palabra que proclamaremos pon diante de nós a realidade de que non todo dá o mesmo; pois a fe dinos que hai valores e VALORES, tesouros e TESOUROS. Oxalá sempre saibamos ver no Señor, que nos convoca nesta mañá de domingo, o TESOURO e así dediquemos a nosa vida á súa causa, sabedores de que nos dará a verdadeira felicidade.
O PERDÓN
■ Por non ter descuberto e valorado a fe coma un tesouro, senón coma unha obriga, unha rutina ou un mero cumprimento, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
■ Por non saber agradecer tantos tesouros de amor e agarimo que Ti pos ao noso lado: familia, amigos, saúde, educación, liberdade para elixir e decidir...CRISTO, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
■ Por non estarmos dispostos a escavar nos campos da indiferenza, da preguiza ou do egoísmo para desenterrar o tesouro da fe que alenta a nosa vida, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
REMUÍÑO
● O rei Salomón pídelle ao Señor un corazón quente, capaz de discernir o mal do ben, capaz de sentir tenrura, capaz de escoitar, de pararse, de confiar e de traballar a prol do seu pobo.... E iso mesmo que Salomón pide para si é o que se nos pide a cada un e cada unha de nós, que nos chamamos cristiáns e cristiás. Si, porque fronte ao que moitas persoas, mesmo dentro da nosa Igrexa, poidan pensar, aí está o cerne da mensaxe cristiá, aquilo do que seremos examinados ao final da nosa vida: canto amaches?. E claro que iso vai supoñernos esforzo, renuncia, sacrificio e mesmo adestramento para poder conseguir uns bos resultados no seguimento de Xesús. Moitas veces meteremos a pata, caeremos e mesmo trabucaremos o camiño; pero se sabemos poñer nel as nosas esperanzas, ilusións e felicidade, ao final triunfaremos nesta maratón da vida.
● Pois, de certo, ter fe é un tesouro, aínda que nós moitas veces non o valoramos e o consideramos como tal. Lonxe de Salomón, para nós son tesouros as cousas materiais, e non damos creto a pensar que pode ser considerado como tal algo que non dá cartos. Somos tan necios que confundimos valor e prezo, sen decatarnos de que o que realmente nos fai felices, o que nos fai mellores persoas é querer e ser queridos e de que as cousas máis importantes da vida, os TESOUROS, non teñen prezo nin se poden mercar con cartos: familia, amigos, saúde, amor, liberdade.... As riquezas, o poder, o boato... son só bixutería barata fronte á perla valiosa da fe.
● Porque a fe dinos que Deus puxo no noso corazón aquilo que lle pedía Salomón: o seu proxecto de amor e salvación. Nas nosas mans está facer medrar ese proxecto que nos dará a felicidade ou deixalo afogar. Estamos chamados a escavar para que a terra estea aireada e preparada, para que a semente poida dar froito. E ás veces, é duro. É duro cando non hai descubrimento nin sorpresa, entón a fe custa. Sobre todo cando esixe renuncias, e esíxeas moitas veces. É duro cando non achamos o tesouro, senón que nos impuxeron un deber. É duro cando non é un VALOR, senón un costume. É duro cando non é unha liberación, senón unha canga. É duro cando non é vida, senón mera rutina. É duro cando non é de convicións, senón só cumprimento.
● Pero... cando descubrimos en Xesús o mellor tesouro, toda a nosa vida, os nosos esforzos, as nosas renuncias atopan sentido Nel e desde El.... e desexaremos contaxiarlle aos demais co noso descubrimento. A que esperamos para poñernos a escavar?
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Agradecid@s por ter posto no noso corazón o tesouro da fe, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicímosche xunt@s:
GRAZAS POLO MELLOR TESOURO
● Señor,dámosche grazas pola Igrexa, que formamos tod@s nós. Para que sempre saiba ter un corazón quente, capaz de compadecerse das tristuras e de comprender as inquedanzas dos homes e mulleres do noso tempo, OREMOS.
GRAZAS POLO MELLOR TESOURO
● Señor, dámosche grazas polas nosas comunidades. Para que sempre vivamos unha fe coherente e comprometida que nos leve a escoitar a quen se sente mal, a acompañar a quen está so, a ilusionar a quen non ten esperanza, a aledar a quen está triste, OREMOS.
GRAZAS POLO MELLOR TESOURO
● Señor, dámosche grazas pola vida que regalan os teus dedos. Para que, coa rede da fe, saibamos enchela de proxectos e propostas ilusionantes, xustas e solidarias, OREMOS.
GRAZAS POLO MELLOR TESOURO
Grazas, Señor, porque te nos mostras como o verdadeiro e o mellor tesouro, e por facelo sempre desde a sinxeleza e a cercanía. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Ditosa a persoa que tropeza contigo.
Ditosa aquela que te atopa e te descubre,
en calquera camiño,
en calquera encrucillada,
nos lugares máis insospeitados.
Ditosa a persoa que non se acomoda
e todos os días, a calquera hora,
é quen de verte e recoñecerte,
sentindo o mesmo sobresalto da primeira vez.
Porque...
a maior ganancia es Ti,
a perla máis preciosa es Ti,
o tesouro máis desexado es Ti.
Todo o que buscamos, lévalo Ti:
verdade, xustiza, amor, paz,
alegría, fraternidade, festa,
solidariedade, vida nova,
nova sociedade, nova humanidade.
Todo ten o teu rostro,
a túa voz,
o teu nome.
CANTOS
● ENTRADA: Temos unha festa
● LECTURAS: Benaventurados
● OFERTORIO: No colo da miña nai
● COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos
Comentarios
Publicar un comentario