LECTURAS DA MISA EN GALEGO - 16 ordinario (17/07/11)
DOMINGO XVI ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Sab 12, 13. 16-19
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Impós penitencia sobre os pecados
Non hai, fóra de ti, un Deus que coide de todas as cousas, a quen teñas que xustificar que non xulgas inxustamente. Xa que o teu poder é a fonte da xustiza, e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder, confundindo a audacia dos que o coñecen; así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio gobernándonos con toda consideración, pois na man tes o poderío cando queres.
Con feitos semellantes ensinaches ao teu pobo que ao xusto lle cómpre ser humano; e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 85, 5-6. 9-10. 15-16a
R/. (5a): Ti, Señor, es agarimoso e indulxente.
Ti, Señor, es agarimoso e indulxente,
cheo de misericordia para os que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.
Os pobos todos que ti creaches
virán, Señor, adorarte,
virán honrar o teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti es o único Deus.
Pero ti, Señor, Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, cheo de misericordia e leal,
mira por min, apiádate.
Segunda Lectura Rm 8, 26-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras
Irmáns:
O Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre; pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se no se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 13, 24-43 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEU
Deixade que as dúas medren ata a seitura
Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
E contoulles outra parábola:
‑ O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas ponlas.
Díxolles outra parábola:
‑ O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
Entón, deixando a xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
‑ Explícanos a parábola do xoio na leira.
El respondeu:
‑ O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
_________________________________________________
Ou: 24-30 (máis breve):
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEU
Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
PRÉSTANOS A TÚA ANSIA, SEÑOR
Préstanos a túa ansia, noso Pai,
para nos erguer cada mañá
a sementar a boa semente
da fraternidade na parroquia.
Préstanos as túas mans coidadoras,
para coidar esa semente
e facela produtiva e real
- pan, amor e xustiza en igualdade -
en favor dos que máis precisamos dela.
Préstanos os teus ollos
para ver con alegría agradecida
os froitos de ben que nós
e os demais xa producimos.
Préstanos o teu corazón amplo, sólido e paciente
para non desesperar pola presenza do mal
en nós mesmos e nos demais.
Préstanos a túa infinita tolerancia,
ti que coñeces o corazón da xente e da historia,
para saber agardar e agardar
con paciencia activa e serena.
Préstanos a túa confianza libre e amante
en cada un de nós e nos nosos veciños,
que nos permita soñar desde a verdade
no triunfo do teu Espírito valente.
Préstanos o todo, nosos Pai noso,
todo, agás o teu xuízo,
queda con el para o día derradeiro,
que mellor está nas túas mans de Pai
ca non nas nosas.
de bo trigo os nosos canastros
Pórtico
Todos lembramos que ata non hai moito os canastros dos nosos eidos enchíanse de millo, patacas ou calquera outro froito. O canastro tiña entón unha función de axudar a secar este froito recollido e gardalo para ilo utilizando ao longo do inverno. Hoxe, cando moitos dos nosos campos están a ermo, os canastros acaban sendo patrimonio a conservar, si, pero baleiros. Xa non teñen trigo, patacas ou cebolas que secar. Están para contemplar, pero xa non cumpren coa súa misión. Algo parecido pódenos pasar tamén a nós: a forza de deixarnos ir, de acostumarnos ao cómodo e fácil, acabemos facendo da vida algo baleiro e sen sentido. Simple costume e rutina á hora de facer as cousas, tomar decisións ou defender valores e principios que noutro tempo nos serviron e axudaron a crecer. Que nos esforcemos por non deixar a ermo a construción da nosa vida, para que as malas herbas non acaben facendo estragos con ela.
Perdón
● Porque moitas veces esquecemos que tratamos con persoas e non con monicreques que podemos manipular ao noso antollo, SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
● Por non poñer o esforzo necesario á hora de separar o xoio do trigo nas nosas vidas, o que nos leva a deixar medrar a herba mala do egoísmo, a prepotencia e a soberbia, CRISTO, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
● Porque moitas veces xulgamos aos demais pola súa forma de ser, de pensar ou de actuar, sendo desconfiados e créndonos na verdade absoluta, SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
Remuíño
● Non ser capaz de acadar a perfección, non acertar en moitas das decisións que tomamos, coller camiños equivocados na vida… son algunhas das maneiras de poñer de manifesto que os seres humanos estamos cheos de limitacións. Sabelo e aceptalo é signo de madurez e responsabilidade; non telo en conta e pensar que un o pode todo e nada hai que impida levar a cabo o que un pensa ou se lle ocorre, non é máis que un xeito de expresar que nos falta fondura humana e capacidade de empatía para cos demais. Porque quen non é consciente da propia limitación, dificilmente vai ser capaz de ver, e moito menos de entender, e non digamos nada de axudar, a quen se ve incapaz de realizar calquera tarefa. Sabernos pequenos e necesitados dos demais, afasta de nós a tentación da autosuficiencia, e polo tanto da soberbia, á vez que nos pon no camiño que nos mostra Xesús de Nazaré. E iso irá dándonos azos para afondar na nosa madureza moral e persoal, humana podemos dicir. Tamén nos capacita para aprender a buscar medios, axudas e colaboracións máis alá de nós que nos axuden a superar as deficiencias que temos. Nunha palabra: fainos sentir humanos, afastando de nós a tentación prometeica de querer ser pequenos deuses. De aí que o libro da Sabedoría nos invite a profundar nesta idea: só quen sabe que necesita arrepentirse é capaz de abranguer os retos que se propoña. Que lección máis maxistral, e que pouco caso lle prestamos!
● Para non sentírmonos solos neste esforzo por deixar atrás a tentación da soberbia e da autosuficiencia, Paulo lémbralles aos romanos, e tamén vale para nós hoxe, que nunca estaremos ao pairo. Deus, que é Pai cheo de agarimo e preocupación polos seus fill@s, fainos o mellor dos legados–doazóns: O Espírito Santo, que do mesmo xeito que unha nai, sabe estar, agarimar, alentar, acompañar os moitos camiños que ao longo da vida imos percorrendo. Unha vez máis, e non deberamos cansar de repetilo e asumilo, non estamos solos. O Deus cuxa fe profesamos non nos deixa nin nos cambia por outr@s, senón que nos acolle e nos invita a agocharnos ao seu carón. Que mellor guía que o Espírito para superar desalentos e tentacións de abandono!
● E cando nos sabemos acompañados e temos afastado de nós a tentación do derrotismo, podemos distinguir o xoio do trigo. Aínda que moitas veces aparecen xuntos, non son o mesmo. Cómpre separalos para que non fagan mal. Deus quérenos coma trigo, para iso fixo a súa semente, e ao longo da vida vainos dando moitas oportunidades. Unha e outra vez, sen cansar. Pero nós moitas veces somos testáns e non queremos recoñecer as nosas limitacións, o que leva a que deixemos que a mala herba creza e cando esta ten moita altura, xa non é posible separala do trigo, senón que se confunde. Que temos feito coa nosa vida? Que camiños temos collido? Por que dedicamos tempo, moito, a cousas que sabemos que non son de proveito, namentres que a afondar nas consecuencias do seguimento de Xesús, porque nos esixen e requiren tempo, facendo que cuestionemos moitas das nosas maneiras de actuar, rexeitámolo e dicimos que nos cansan e aburren? Por que non somos capaces de descubrir que a fe necesariamente implica e esixe unha dimensión social e entón non pode quedarse en prácticas de piedade ou celebracións dentro das paredes do templo? A fidelidade ao Evanxeo podemos atopala no traballo por conseguir unhas relacións laborais máis xustas para cos traballadores, na reivindicación para que cambien leis que son inxustas e só benefician a uns poucos, na loita cotiá por facer que o noso mundo rural non morra e sexa abandonado por todos, no esforzo por ser a voz de tantos maiores aos que se lles trata como mercancía cando hai que pedirlle o voto, pero aos que se esquece cando non se lles ofrecen posibilidades de dar sentido creativo e liberador ao seu tempo… Tantas e tantas son as razóns polas que desde o Evanxeo estamos chamados non deixar que a herba mala acabe afogando o trigo, que non podemos deixar pasar máis tempo. Actuemos xa !
● Claro que temos razóns para indignarnos e comprometernos en cambiar cando vemos que se nos está a enganar! Xesús non foi clasista, por que o imos ser nós? Acaso nós, os cristiáns, non temos tamén razóns para indignarnos e protestar ao ver como nos enganan, como os de sempre son os que mandan e toman decisións, namentres os pobres e explotados van sendo silenciados e esquecidos. É desde aquí desde onde hoxe o Evanxeo nos invita a reflexionar sobre o noso mundo, unha reflexión que non se queda na indignación, senón que esixe e chama ao compromiso, e este non pode chegar senón pola acción.
Oración da Comunidade
Porque queremos ser herba boa e camiñar construíndo comunidades xustas e solidarias, compartimos xuntos a nosa oración e dicimos:
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS
● Para que na Igrexa nunca deamos amparo ás herbas malas que enrarecen a vida da comunidade e a fidelidade á mensaxe de Xesús, Oremos.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS
● Para que non deixemos que no medio das nosas comunidades creza a herba mala da desunión, a envexa, a soberbia e o desprezo, Oremos.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS
● Para que na nosa vida persoal non deamos entrada a canto mata a frescura dunha fe que nos chama a construírnos desde a paz, a xustiza, o respecto de uns polos outros e a igualdade, Oremos.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS
Axúdanos, Señor, a afastar de nós e das nosas comunidades as herbas malas que contaminan a nosa fe e confunden as actitudes que nos propós como tarefa para facer das nosas casas, parroquias e países ámbitos de sinceridade e amor fraterno. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Ti es, Xesús, a primeira semente do reino de Deus.
Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.
O reino de Deus vén contigo.
Se che damos fe,
nós tamén seremos reino de Deus.
E medraremos.
E teremos sitio para todas as persoas que veñan.
E fermentaremos.
E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.
Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,
con toda seguridade.
E medrará nos nosos compañeiros.
E sementaremos, tod@s xunt@s,
contigo,
unha semente,
unha semente co teu nome no campo do mundo.
E será a terra,
por nós,
un pouco máis que antes, Reino de Deus.
CANTOS
● ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
● LECTURAS: Loade, amigos do Señor
● OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
● COMUÑÓN: Acharte presente na vida
Comentarios
Publicar un comentario