LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 15 Tpo.Ordinario (10/07/11)

DOMINGO  XV  ORDINARIO   -  CICLO A



Primeira Lectura     Is 55, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A chuvia fai xerminar a terra

            Así fala o Señor:
            Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.

Palabra do Señor                  
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 64, 10abcd. 10e-11. 12-13. 14

R/.  (Lc 8, 8):  A semente caeu en boa terra e deu froito.

Ti coidas e regas a terra,
enchóupala de bens;
as canles de Deus van cheas de auga.

Ti fas agromar a seara,
regas os sucos, achanzas os terróns,
amolécela coas chuvias,
e bendís as súas sementes.

Ti coroas a anada cos teus favores,
as túas pegadas zumegan abundancia.
Destilan os pastos do deserto
e vístense de xúbilo os outeiros.

Cóbrense de rabaños os campos
e enmantélanse de espigas os vales,
cheos de ecos e de cantos.


Segunda Lectura     Rm 8, 18-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus


            Irmáns:
            Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós.
            Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ao fracaso: non por propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
            Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores coma de parto.
            Máis aínda, nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA  
Se no se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A semente é a palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 1-23 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O sementador saíu a sementar

            Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
            ‑ O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
            Quen teña oídos, que escoite!
            E achegándose os discípulos dixéronlle:
            ‑ Por que lles falas en parábolas?
            El respondeulles:
            ‑ Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
            Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes.
            Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure.
            Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oí-lo que vos oídes, e non o oíron.
            Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e arrepáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño.
            O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona.
            O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito.
            Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo
____________________________________________________


Ou: 1-9 (máis breve):

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
            ‑ O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
            Quen teña oídos, que escoite!

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


QUERO SER TERRA BOA

Que non sexa camiño duro, Señor,
para a túa semente,
que tantos no teu canto e nome
poñen diario na miña vida.
Dáme un corazón mol, brando e doído,
onde atope eco o clamor pola irmandade.

Que non sexa terra moi pedregosa, Señor,
para a túa semente;
que teña o don do aguante fiel
para manter con tenacidade
o que fora primeiro recibido do ledicia.
Dáme un corazón con boas raíces
chantadas na fondura de ti e dos irmáns.

Que non sexa tampouco silveira, Señor,
para a túa semente;
que nada morra en min
afogado pola ansiedade ou a prepotencia;
que os cartos e as comodidades
non me priven da ilusión
pola comunidade, polo pobo.
Dáme un corazón limpo e forte,
ledo, libre e namorado de ti
e das cousas da irmandade.

Que sexa boa terra, Señor,
para a túa semente.
Onde naza e dea froitos
o bo espírito dos pobres e soñadores.
Dáme un corazón ben traballado
nos teus coidades e nos coidados dos amigos e veciños.



UNHA SEMENTE QUE CHEGA A TOD@S E QUE PIDE SER ACOLLIDA
PÓRTICO
Estamos en época de recoller froitos: patacas, cebolas, tomates, pementos… Atrás quedaron os días de ter medo a que non viñeran arriba, o tempo de sulfatar e de quitar herbas, pulgóns, da xunquilla que todo o invadía. Só con coidados, dedicación, ilusión e esperanza fomos quen de ir día a día ata chegar a este momento.
Ben, pois hoxe a palabra fálanos de que como testemuñas do Reino temos que sementar con ilusión, coidala coa nosa vida e ir pouco a pouco quitando as malas herbas da rutina, do desleixo, da negatividade. Oxalá descubramos nesta celebración que Xesús deixou unha semente en nós e que espera que sexamos quen de plantala con ilusión e con xenerosidade.

O PERDÓN
      Porque en demasiadas ocasións deixamos que prendan as malas herbas no noso corazón, facéndonos egoístas, apáticos e interesados, SEÑOR, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.
      Porque moitas veces as nosas precipitacións e as nosas présas non deixan que a túa Palabra enchoupe a nosa vida de amor, perdón e coherencia, CRISTO, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.
      Por non ter prestado a atención debida á Palabra que proclamamos nas celebracións, o que nos impide poñela en relación coa nosa vida, SEÑOR, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.

REMUÍÑO
Unha vida sen ilusións, proxectos, horizontes... é unha vida chamada a esmorecer, a perder o seu sentido, a resecar. Deus non quere vidas así, por iso vaille dando á nosa vida, a todas as vidas, a auga que fai que teña sentido dicir: paga a pena ter nado. E nesta tarefa tod@s nós estamos implicad@s, xa que tod@s nós somos mediacións a través das cales Deus vai falando e vainos mostrando camiños de traballo compartido que, desde o amor, imos facendo en comuñón con outras moitas persoas. Esta é a mellor resposta para ter unha vida chea.
Claro que haberá momentos de dor, de fracaso ou mesmo de dúbida; pero na visión cristiá non hai espazo para o pesimismo ou o derrotismo. Estes malos momentos, que poñen de manifesto a nosa limitación, temos que ilos pasando agarrándonos da man daquel que nos crea libres e que non quere manipularnos coma monicreques, senón que respecta a nosa liberdade e as nosas decisións.
E desde esta liberdade, que nos descobre que a fe ten que ser acollida sen coaccións e que nos chama a actuar por convicción, reflectimos na nosa vida o evanxeo de hoxe, a parábola do sementador, que vimos de escoitar, e que nos presenta a salvación-liberación coma unha obra de colaboración das persoas con Deus na que o primeiro paso parte de Deus e a liberdade humana queda intacta. A Palabra de Deus nunca actúa automaticamente, senón coma un don que se nos ofrece e que nós podemos aceptar ou rexeitar.
Porque o sementador sae sementar ao chou, non escolle o terreo, bota a semente por todo o campo, e esta semente cae en catro terreos diferentes, que adoitan darse mesturados e mesmo poden coexistir na mesma persoa:


a) Á BEIRA DO CAMIÑO: Parte da semente caeu á beira do camiño, eses pequenos camiños que atravesan os campos, os camiñantes pisárona e os paxaros, sempre atentos, comérona. Perdeuse. Este terreo representa cando a Palabra queda á marxe da nosa vida, cando non a compromete. Non a rexeitamos abertamente, pero tampouco a integramos. Adaptámonos externamente á mensaxe que escoitamos, pero non a asimilamos porque non nos parece algo válido para a vida. Son os cristiáns sociolóxicos, que se bautizan e mesmo cumpren cos ritos establecidos; pero para os que interiormente a fe non importa nada, non cuestiona nada, non move nada. Escoitamos sen entender, por ser terreo duro, empedrado e tripado pola rutina e polo costume. Todo o escoitamos como xa sabido. A semente cae, pero rebota.

b) EN TERREO PEDREGOSO: O que se sementa aquí, tamén se perde. Ao ter pouca terra, sen raíces profundas, o sol sécaa. Son aquelas persoas que aceptan a palabra sen afondala e, cando chegan as dificultades, déixano todo.

c) ENTRE SILVEIRAS: A terra era fecunda e profunda, nela a semente podía ter xerminado. Porén, tamén secou. Aquí estarían representadas as persoas que teñen moito que deixar para poder ser cristiáns: as riquezas, o poder, a posición social.... Por iso afogan a semente, porque teñen medo ás complicacións que lles podería ocasionar. Pretenden enganarse compaxinando os valores de Deus cos que representan os cartos. Adoitan ter boa reputación e ocupar postos preferentes na Igrexa.

d) EN TERRA BOA: O resto da semente caeu en terra boa e deu froito, aínda que desigual. Escoitaron e entenderon, puxeron en práctica e van dando froito... ao seu tempo, co seu ritmo. Neste grupo están as persoas que entenden que, aínda que recibiran o evanxeo con corazón sincero, as situacións externas poden cambiar e mesmo facelas entrar en crise. Entenden que cada etapa da vida ten as súas dificultades, que non son seres xa feitos, senón en constante crecemento, que as situacións son sempre diferentes, que cada día trae as súas inquedanzas e dúbidas e que diariamente deben reformularse o que onte parecía seguro...
Acollamos este agasallo e preparemos a terra para que a semente poida ir medrando ata dar froito.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nun mundo que adoece de falta de esperanza e ao que lle sobran palabras baleiras, ás veces resúltanos complicado responder á túa chamada, por iso dicímosche xunt@s:
QUE NON AFOGUEMOS A TÚA SEMENTE

        Por toda a Igrexa, chamada a anunciar unha Boa Nova de liberación e salvación, para que anunciemos sempre unha fe viva, salvífica e transformadora de persoas e sociedades, OREMOS.
QUE NON AFOGUEMOS A TÚA SEMENTE
        Polas nosas comunidades, para que sexan o bo terreo no que a semente dará froito acompañando a quen está so, alentando a quen está triste, escoitando a quen se sente desesperanzado, visitando a quen está enfermo, OREMOS.
QUE NON AFOGUEMOS A TÚA SEMENTE
        Por tod@s nós, para que tomemos en serio a urxencia de ser testemuñas vivas de Xesús, de xeito que a familia, o pobo, as amizades e o traballo, se vexan iluminados pola forza da Palabra que escoitamos nas celebracións, OREMOS.
QUE NON AFOGUEMOS A TÚA SEMENTE

Grazas, Señor, por chamarnos non a empreñar do aire, senón a aterrar no aquí e no agora para que deamos froitos de xustiza, solidariedade, diálogo e renovación. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sementes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
arrólovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: perdédevos!
Non teñades medo a treboadas nin a secas,
a pisadas ou a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.
Fecundádevos, rebentade,
non quededes enterradas.
Florecede, dade froito.
Deixádevos arrolar polo vento.
Sodes sementes do meu Reino!


CANTOS
        ENTRADA: Non vou so
        LECTURAS: Bendito Ti, Señor Resucitado
        OFERTORIO: Sementar, sementarei
        COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Publicacións populares