LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Apóstolo Santiago (25/07/11)

Día 25 de xullo. Solemnidade

SANTIAGO, APÓSTOLO, PATRÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA


Primeira Lectura  Feit 4, 33.  5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei Herodes fixo decapitar a Santiago

            Naqueles días, os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e facían moitos sinais e prodixios entre o pobo.
            Levados á presenza do Sanedrín, o xefe dos sacerdotes interrogounos:
            - Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            E Pedro e os apóstolos responderon:
            - Cómpre obedecer a Deus antes que aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Ó sentiren isto rabiaban de carraxe e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a Santiago, o irmán de Xoán.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL   Sal 66, 2-3. 5. 7-8
R/.  (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós;
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

A terra deu o seu froito;
que nos bendiga Deus, o noso Deus;
que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.

Segunda Lectura          2 Cor 4, 7-15
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre levamos no noso corpo a paixón de Cristo

            Irmáns:
            Levamos ese tesouro en vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e non nosa.
            Aflíxennos por todas partes, pero non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados; perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
            Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.
            Pois a nós, que estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
            Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso falo", tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar convosco onda El.
            Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que dean grazas para gloria de Deus.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus

ALELUIA 
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Astro brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu corpo descansa na paz;
a túa gloria pervive entre nós.
Aleluia.


Evanxeo   Mt 20, 20-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu cáliz beberédelo

            Naquel tempo, a nai dos fillos do Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para pedirlle algo.
            El preguntoulle:
            ‑ Que queres?
            Ela respondeulle:
            ‑ Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
            Replicou Xesús:
            ‑ Non sabedes o que pedides. Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
            Respondéronlle:
            ‑ Podemos.
            Replicoulles Xesús:
            ‑ O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo; é para quen o meu Pai o ten preparado.
            Os outros dez, que estaban oíndo, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda el e díxolles:
            ‑ Sabedes que os xefes das nacións as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre vós; ao contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso criado; e quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo


AO APÓSTOLO SANTIAGO

Fillo da escura Xafa
que xa foras nacido
de Nazaré costenta
cabo do rudo eido montesío;
irmán de Andrés glorioso,
ben barbado e garrido,
que levas no dengue as garridas e brancas
conchas do peregrino.

Dime, dime de certo,
glorioso e caro amigo,
ande tes o teu leito famoso,
das nacións tan querido;
que, do duro combate, certo me acho rendido
ao caer por terra
quero xacer contigo.

E, pois es xeneroso,
eu sei que compasivo
dos pequenos a boa compaña
non desdeñas benigno;
quero xacer na terra,
quero xacer contigo,
como xacer adoitan
dous vagos peregrinos:
as mans sobre do peito,
tendo as altas estrelas
os rostros convertidos;
e que aqueles que miren
os seus campos xentís e nativos
que digan: “Certamente,
foron dous peregrinos!”
                                                              
Eduardo Pondal (1835 – 1917)



A presenza de Deus a través da loanza dun pobo, dunha terra e dunha fala: que te loen os pobos!


Pórtico

                Na celebración de hoxe queremos manifestar e compartir que a fe non se vive nin en abstracto nin tampouco como se fose un conxunto de oracións que se rezan dentro dos templos. A fe, experiencia persoal do seguimento de Xesús que se acolle para vivila e mostrala a través das nosas actitudes, a nosa maneira de tratar e servir aos demais ou do noso xeito de facer para levar desde nós canto poida facerlle ben ás persoas que vemos e sabemos necesitadas, invítanos hoxe a agradecer terse inculturado nunha terra, nunha fala e nunha cultura: a terra, cultura e fala de Galicia. A festa de Santiago, a nosa festa, quere ser expresión desta identificación entre fe e terra, non para pecharnos nela, senón para que desde ela descubramos a universalidade da fe en Xesucristo, que desde Galicia se abre á comuñón a tódolos demais pobos, culturas e linguas do mundo. Participemos buscando esta universalidade de comuñón de persoas e vidas.

Perdón

  • Porque son moitas as ocasións nas que sentimos vergoña á hora de rezar ou expresarnos na nosa lingua, SEÑOR, QUE VIVAMOS A FE DESDE O AMOR AO NOSO POBO.
  • Por non saber valorar que a lingua non pode ser nunca elemento de separación nin enfrontamento, senón de unión e comuñón coas persoas que con tanto esforzo souberon conservala e transmitila, CRISTO, QUE VIVAMOS A FE DESDE O AMOR AO NOSO POBO.
  • Para que non perdamos nunca a memoria de saber vivir e sentir a fe como unha experiencia de unión, solidariedade e preocupación por canto ocorre ao noso redor, SEÑOR, QUE VIVAMOS A FE DESE O AMOR AO NOSO POBO.

Remuíño

ö       A coherencia, saber levar á vida aquilo que dicimos e cremos, é un valor que está hoxe á baixa, en declive. A perda de valores, a xustificación do todo vale e é o mesmo, a lei do mínimo esforzo e, tamén hai que dicilo, os tristes espectáculos que persoas relevantes do amplo abano social: polític@s, relixiosas, artistas, economistas, empresari@s..., acaban por xustificar calquera tipo de comportamento con tal de sacar tallada, sen importar o que e o como dese xeito de actuar. É un problema grave e de non fácil solución, xa que estes exemplos van callando no imaxinario das persoas, e o que xurde non é a idea de superalos e non facer o mesmo ca eles, senón todo o contrario: de emulalos!. Triste reacción diante de actuacións inxustificables desde calquera punto de vista, e moito máis desde a visión de quen se chama cristiá e seguidor de Aquel que entregou a súa vida por non renunciar ao que eran principios e valores fundamentais do seu crer. Para Xesús e os seus apóstolos, a fidelidade a canto dicía poñer á persoa no centro de todo e a súa defensa estaban por riba de acordos e comenencias. Santiago foi un destes seguidores de Xesús que non renunciou nin á coherencia nin á fidelidade a canto aprendera del, por iso hoxe o honramos e tentamos ver como, aprendendo del, podemos sacar aspectos do seu actuar válidos tamén para nós hoxe.

ö       E como nos di Paulo na carta aos Corintios, tamén nós levamos no noso corpo (corporeidade: o que somos, o como somos e o para que somos) a experiencia de morte e resurrección de Xesús, o que nos fai semellantes a El desde o noso aquí, traballando por asentar a humanización da experiencia vital de toda persoa, e o noso mirar cara ao alá: plenitude do seu reinado, onde o celme de canto temos sido e vivido nos fará gozar, e para sempre, da presenza e plenitude de Deus. Isto supón converter a nosa vida nun continuo e constante irse facendo cada día, sen separar o que cremos do que vivimos, o que rezamos do que facemos, os valores que para nós son importantes das actitudes nas que se han mostrar eses valores. Estar convencidos e, polo tanto, esforzarnos en facer da nosa vida presenza de Xesús é unha tarefa apaixonante, inda que non doada, pero é o que lle dá sentido, aliciente e creatividade a todo o noso esforzo.

ö       Que mellor cáliz ca este!. Non é un cáliz físico, o do cura que celebra a Eucaristía, senón o converter a nosa vida nun cáliz e nunha patena; é dicir, vivencia entregada á causa dos irmáns e das irmás en fidelidade á vivencia entregada que Xesús viviu a prol dos demais. O que converte a nosa vida nunha misión permanente seguindo o mandado e envío de Xesús: “ide e  anunciade”. E só coa vida podemos anunciar. As palabras lévaas o vento, as modas pasan; só os feitos, que poñen de manifesto a honradez moral das persoas, son os que permanecen. E, coma Xesús, a honradez moral non busca recoñecemento, senón servizo de presenza de Deus, que co noso xeito de facer as cousas lle levamos aos demais. Que esta fidelidade a saibamos vivir no aquí e agora da nosa terra, da nosa Galicia, que hoxe celebra con ledicia e gozo a identificación coas súas raíces: lingua, cultura, xentes… e que quere poñelas na barca de Santiago a cuxo temón está o mellor dos capitáns: Xesús de Nazaré.

Oración da comunidade

                Na fidelidade á fe que compartimos e que vivimos desde a nosa terra, na nosa fala e coa nosa xente, dicimos agora xunt@s:

 QUE VIVAMOS A FE SERVINDO AO NOSO POBO.

  • Hoxe, día de Galicia e festa do Apóstolo Santiago, que saibamos servir á nosa terra e ás súas xentes, facendo presentes no noso actuar os valores que nos deixou Xesús de Nazaret, Oremos,
                                QUE VIVAMOS A FE SERVINDO AO NOSO POBO

  • Pola Igrexa, sobre todo hoxe pola Igrexa galega, para que nunca esqueza que a fe precisa ser inculturada desde unha fidelidade á lingua, aos costumes, ao xeito de sermos galeg@s, OREMOS.
                                      QUE VIVAMOS A FE SERVINDO AO NOSO POBO

  • Que a Igrexa estea sempre atenta a conservar, potenciar e valorar canto axude e sirva a vivir, celebrar e compartir a fe nas diferentes culturas e linguas, medios para achegarnos á experiencia de Deus, Oremos.

QUE VIVAMOS A FE SERVINDO AO NOSO POBO

  • Que nas nosas parroquias nos esforcemos por facer crecer a semente da fe que nos deixaron os nosos antepasados, e non teñamos nunca vergoña de rezar agradecendo e compartindo o gozo de sentírmonos crentes, Oremos.
                                      QUE VIVAMOS A FE SERVINDO AO NOSO POBO

Grazas, Señor, por darnos a posibilidade de compartir xuntos o gozo da fe.Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

Reflexión

Terra nai que o Pai nos deu,
santificada sexa El en ti, nai realeza
esplendorosa sexa a túa beleza.
Salve, Terra chea de graza!

O chan noso de cada día,
que Deus puxo ao teu dispor,
danos hoxe e sempre
a túa riqueza e a túa beleza,
os teus froitos e as túas flores.

Perdoa aos teus fillos
que destrúen o medio ambiente.
Bendice ao pobo que te ama,
que te coida e protexe.
Agora e sempre.
Así sexa. Amén.


Cantos

*    ENTRADA: Xurdirá
*    LECTURAS: Canta o sol, canta o mar
*    OFERTORIO: Na nosa terra
*    COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas




Comentarios

Publicacións populares