LECTURAS EN GALEGO DOMINGO 3 DE XULLO
DOMINGO XIV ORDINARIO CICLO A
Primeira Lectura Zac 9, 9-10
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Velaí vén o teu rei a ti coma pobre
Así fala o Señor:
Relouca, filla de Sión,
grita de ledicia, filla de Xerusalén.
Velaí chega o teu rei,
é xusto e protexido do Señor,
humilde e montado nun burro,
si, nun burriño fillo dunha burra.
Eu acabarei cos carros de Efraim
e cos cabalos de Xerusalén,
acabarase o arco de guerra
e El anunciará a paz ás nacións,
reinará desde un mar a outro mar,
desde o Éufrates aos confíns da terra.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (1): Meu Deus e meu rei, hei bendicir o teu nome por sempre.
Ou: Aleluia.
Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.
O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as xeracións.
O Señor sostén a todos os que caen
e endereita os que se dobran.
Segunda Lectura Rm 8, 9. 11-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Se coa forza do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes
Irmáns:
Vivide conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores, pero non da condición carnal, para vivirmos segundo ela.
Porque, se vivides segundo a condición carnal, habedes morrer; pero, se coa axuda do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 11, 25-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Son bo e humilde de corazón
Naquel tempo, tomou Xesús a palabra e exclamou:
‑ Eu bendígote, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llelas revelaches aos pequenos. Así é, Pai, porque iso foi do teu agrado.
Todas as cousas mas confiou meu Pai; e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai ninguén agás o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
ACHEGÁMONOS A TI
Achegámonos a ti, Xesús,
nós, cansos e oprimidos,
para que ti nos alivies.
No silencio e na humildade de nosa pregaria
traémosche tamén a voz e a presenza
de todos os cansos e oprimidos
para que ti, Xesús, os alivies.
Facemos grupo e comunidade
con todos os labregos e obreiros de Galicia
que anden derreados e desalentados.
Estendemos as nosas mans para facer roda
con tódolos angustiados e deprimidos
que só adiviñan tebras no seu adiante.
Abrimos o noso corazón para compartilo aquí
con todos os estranxeiros que nos acompañan
esmoleiros desconfiados do noso pan,
traballo e recoñecemento
Alongamos os nosos brazos
ata achegalos ata o Terceiro Mundo,
onde millóns e millóns de irmáns nosos
renegan de nós, de Deus, do presente e do futuro.
Achegámonos todos a ti, Xesús,
en ti queremos atopar alivio;
na túa bondade atoparemos acollida e acougo;
na simplicidade do teu corazón atoparemos luz e clarividencia:
o teu xugo será para nós escola de liberdade,
e o teu acougo relanzaranos cara á loita calmosa e continua.
Xesús, amigo sempre de cansos e oprimidos,
amigo de todos os seres,
ti que nos revelas o corazón de Deus,
a ti acudimos nós, cansos e oprimidos.
Unha bendición sen auga bendita que non busca votos, senón acoller co corazón e vivir coas actitudes o día a día da súa presenza
Pórtico
Acostumados a ver nas bendicións das cousas, non a decisión de facer presente a Deus na vida, senón o culto á imaxe da autoridade de “vez”, a palabra de Deus invítanos hoxe a cambiar esta falsa imaxe que temos do que significa querer ser bendicidos pola presenza de Deus na nosa vida. Aquel que é a nosa bendición preséntasenos de xeito modesto, sinxelo e sen facer apenas barullo, como sen que se note; pero si que está, e faino para converter a nosa vida nunha treboada de disposición e esforzo por levar sorriso de dignidade e xustiza alí onde a violencia, o abuso e a utilización das persoas para fins interesados acabaron impóndose. Si, a bendición da que Deus nos fala non sae nos xornais nin tampouco abre os programas de información, pero si que alenta e enche a nosa vida de valores, actitudes e opcións nas que a igualdade e a dignidade humanas son berce de presenza de Deus.
Perdón
- Porque cando pedimos a túa bendición non queremos crer que ela inunda e invita a cambiar actitudes e comportamentos, SEÑOR, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
- Porque non acabamos de crernos que morrer a nós mesmos non é unha morte física, senón un renunciar á soberbia, ao autoritarismo, á imposición e ao dominio dos demais, CRISTO, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
- Porque a mansedume e a humildade non son as actitudes que encamiñan a nosa vida, SEÑOR, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
Remuíño
- Cando falamos de Deus utilizamos habitualmente expresións que nos van mostrando unha imaxe del bastante afastada das realidades máis cotiás que os seres humanos temos. Así, dicimos que Deus é omnipotente, todopoderoso, eterno…, facéndonos unha imaxe de alguén que está moi por riba de nós e de canto nos preocupa. E esta imaxe desde a que tantas veces temos manifestado e asentado a fe, vai facendo que para moitas persoas Deus non só se afaste do que lles pasa, preocupa ou viven, senón que non signifique nada na súa vida, polo que a fe lles resulta indiferenza na medida na que non supón nada do que lles importa, aflixe ou preocupa. Porén, o profeta Zacarías busca presentarnos un xeito moito máis humano de comprender e vivir, de percibir a vida desde Deus. Fálanos da súa modestia, da súa sinxeleza, da súa humildade… Isto debe levarnos a que caiamos na conta de que temos que repensar a imaxe de Deus desde a que afirmamos crer e vivir valores e actitudes que o teñen a El como centro, forza e sentido. O que nos ha levar a que non busquemos a Deus nin nos pazos, as grandes catedrais, o diñeiro, o poder, as celebracións fastosas que, aínda que esteticamente lle poidan parecer fermosas a moitos, nada ou pouco teñen que ver co que nos pasa, o que sufrimos, canto nos preocupa ou nos fai estar desacougados. Volvamos entón os ollos á Palabra de Deus e deixémonos alimentar por ela, para ver si podemos descubrir, na media en que a lemos, coñecemos e rezamos, razóns para percibir a Deus como Aquel que quere e sabe estar con nós tanto cando somos capaces de rir e aledarnos, como cando as situacións da vida nos van pondo dificultades que temos que ir afrontando e superando. Só así entenderemos o que queremos dicir cando manifestamos que Deus é amor e amigo. Tomemos en serio, e apliquemos tamén, que Deus non é fasto, senón modestia.
- Así poderemos bendicilo coas nosas obras, dando morte a canto nos leva a por camiños de soberbia, superioridade, suficiencia ou desapego das persoas necesitadas de nós. Se o que queremos é vivir a vida sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos demais, ben de sentírmonos incapaces e medorentos .O Deus de Xesús é o Deus da vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan os corruptos, os delincuentes de salón e burocracia, os que aproveitándose da boa fe dos sinxelos e humildes fan negocios que simplemente os benefician a eles empobrecendo aos demais. O Deus no que cremos que nos reúne nesta celebración non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón o do amor .E o amor, como ben di Paulo, só se pode mostrar nas boas obras, que non son de ladrillo e miles de euros, senón do que facemos, non para nós e o noso proveito, senón por e para o ben dos demais.
- Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un corazón entregado á solidariedade e á causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos invita a ter poder, senón que nos mostra o camiño: a sinxeleza e a honestidade do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos.
Oración da comunidade
Queremos, Señor, que a túa bendición enchoupe a nosa vida para facer dela transparencia do teu amor e da túa xustiza, por iso dicimos:
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
- Que na Igrexa aprendamos a camiñar no recoñecemento da diferenza, a pluralidade e a discrepancia, sen intentar impoñer o que cada un pensa como se fose o único, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
· Polas nosas comunidades, para que sexan berce de persoas maduras, comprometidas coa súa realidade e que en vez de restar sexan quen de sumar, tanto no pobo, coma na familia e o traballo, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
- No día a día, moitas veces esquecemos que bendicirte non é ter boas palabras, senón estar convencidos de que a nosa vida ha ser o Evanxeo que mostre o importante que Ti es para nós, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
Señor: que non botemos en saco roto canto temos rezado xuntos na nosa oración da comunidade. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Grazas, Pai,
por todas as cousas pequenas
que compoñen a miña vida
e a vida dos meus veciños todos.
Grazas pola xente pequena,
pola xente pobre,
pola xente que parece de pouco proveito,
pola xente que vive pobremente,
sen ningunha chulería.
Grazas pola beleza agochada
en todas as cousas humildes,
en todos os corazóns humildes.
Grazas,Pai,
porque, sendo rico, faste pobre
para que todos nos poidamos enriquecer en ti
polo camiño do pobre.
Grazas porque segues escollendo o pequeno
para te faceres presente e activo,
coma cando escolliches á pobre María de Nazaré.
Grazas pola nova oportunidade que nos dás
de aprender dos pobres
a facer comunidade cristiá.
(Manolo Regal, Benqueridos amigos, 348)
Cantos
© ENTRADA: Camiñando pola vida
© LECTURAS: Benaventurados
© OFERTORIO: Acharte presente na vida
© COMUÑÓN: O amor é o meirande
Comentarios
Publicar un comentario