POR SI NON ERA DABONDO
Visto como andan as cousas co galego, quedei literalmente coa boca aberta cando escoitei as noticias pola radio,... que máis nos pode pasar? Entendo o sentimento fatalista de Rosalía, - vendéronlle os bois, vendéronlle as vacas...e roubáronlle o Códex Calixtinus-. Pobre Galicia.
PODE SER O ROUBO DO SÉCULO
(O Correo Galego)
Pode ser o roubo do século. Un dos libros máis importantes do mundo acaba de desaparecer do Arquivo da Catedral. O Códice Calixtino, un documento histórico de incalculable valor, foi roubado na basílica compostelá. A Policía de toda España está xa advertida e busca desesperadamente ao autor ou autores deste roubo de alcance internacional.
A súa falta descubriuse o martes ao oito e media da tarde. Nese momento, responsables do Arquivo da Catedral informaron o deán, José María Díaz, de que o Códice Calixtino non estaba no seu sitio habitual. Nese primeiro momento de desconcerto todos puxéronse inmediatamente a rebuscar no resto de instancias, para ver se estaba noutro lugar. Ao redor das 22.00 horas, cando quedou confirmado que o valiosísimo texto non aparecía en ningún lugar, avisaron á Policía, que inmediatamente se acudiu na Catedral.
Os axentes da Sección Científica estiveron a tomar todo tipo de mostras e datos no lugar do roubo, buscando pegadas, revisando os discos duros das gravacións das cámaras de seguridade e rexistrando todo o lugar até as doce da noite. Miráronse detidamente as entradas e saídas de persoas, co dicir cámaras, e onte pola mañá novamente os especialistas da Policía Nacional regresaron á Catedral e pasaron varias horas analizando mil e uns datos sobre o terreo.
A conmoción era tremenda entre o restringidísimo círculo de persoas que coñecían a noticia. De feito, onte pola mañá o propio deán reuniuse co Cabildo da Catedral e informoulles persoalmente do roubo, e fíxoo tamén co arcebispo, monseñor Julián Barrio.
Os especialistas cren que o autor ou autores do roubo son persoas que, evidentemente, saben o que vale esta xoia bibliográfica coñecida en todo o mundo. Saben o valor que pode ter no mercado negro. Sospéitase, por tanto, que debería tratarse dunha banda organizada que mesmo podería actuar por encargo dalgún coleccionista caprichoso e sen ningún tipo de escrúpulos.
En todo caso, a preocupación no Cabildo e no Arcebispado é tremenda, como pode imaxinarse, e todos eles están desconcertados e afundidos pola perda do Códice Calixtino.
Seguridade no arquivo
A primeira pregunta que xorde tras coñecerse o roubo fai referencia ás medidas de seguridade que tiña un libro desta importancia. Fontes do Cabildo apuntan que o roubo puido producirse o domingo pola tarde. A realidade é que nos últimos anos, desde que José María Díaz é deán da Catedral, melloráronse sensiblemente estes sistemas de seguridade. De feito, considerábanse idóneos para protexer un documento deste tipo. Con todo, é certo que non están ao nivel do que un pode atoparse nun gran banco ou nunha xoiaría de alta seguridade. O orixinal atopábase no Arquivo da Catedral, nunha cámara blindada, mentres que existe ademais unha réplica exacta, coa que traballan todos os especialistas acreditados para tal fin, que tamén poden ver os visitantes do Museo da Catedral.
Na zona do Arquivo onde estaba gardado existe un sistema de alarmas e contraincendios, instalado todo iso na etapa do actual deán. Pero a realidade é que non rexistra todos os movementos nas distintas estancias. Ademais, hai cinco cámaras de seguridade situadas noutras tantas esquinas, pero ningunha delas, lamentablemente, enfocaban ao propio Códice Calixtino. As investigacións estendéronse xa por toda España.
Comentarios
Publicar un comentario