DOMINGO 5 DE CORESMA B + FICHAS + ORACIONAL

Oracional Galego en Spotify

 LECTURAS DO DÍA


LECTIO:


PATACA INMORTAL

Domingo V de Coresma (17 marzo 2024)

         Case xa na entrada da Semana Santa, seguimos a profundar no sentido e na práctica da conversión á que nos animaba a liturxia do Mércores de Cinza ao comezo da Coresma, cando se nos dicía: “Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir na boa, na alegre nova de Xesús.Porque é xustamente a grandeza da boa mensaxe de Xesús a que nos fornecerá forzas e bo ánimo para levarmos a nosa cruz, a de cada un, seguíndoo a el que vai diante nosa levando a súa, sempre meirande ca a nosa. Porque, por el e nel sabemos que trala cruz está a Resurrección e o Deus da felicidade plena.

         Cóntanos Xoán que había uns crentes de relixión xudía mais de orixe grega que querían ver Xesús. En certo modo, cando nós dicimos que nos gustaría sabelo todo ou telo todo, estamos a dicir tamén que nos gustaría ver Xesús, se é que o consideramos como a manifestación visíbel de Deus. Os filósofos gregos falaban moito sobre Deus, mais iso de que Deus se fixera un de nós e que nos concedía a resurrección non lles cabía na cabeza. Por iso despediron o apóstolo Paulo iso si de boas maneiras ou cortesmente cando lles empezou a falar deste tema. Estes crentes gregos que buscaban a maneira de veren a Deus en Xesús eran, polo tanto, gregos dunha caste diferente.

         Hai unha lenda que di algo así coma isto. Unha vez un rei convocou todos os magos, sabios e sacerdotes do seu reino. Ameazounos cos castigos máis terríbeis se non lle amosaban a Deus. Inquedos e desesperados, andaban de aquí para alá, sen saberen que facer. Mais velaquí que chega un pastor que lles di que el era capaz de lle dar unha solución ao problema. Correron presentarllo ao rei. O pastor levou entón o rei a unha terraza e sinaloulle o sol, dicíndolle ao mesmo tempo: "Mírao! ". No intre o rei baixou os ollos berrando: "Queres deixarme cego". Entón díxolle o pastor ao rei: "Señor, o sol é só unha cativa criatura do Creador, unha pequena muxica do seu esplendor... Como podes pensar en poñeres os teus ollos sobre el en persoa?".

         Os crentes de nación grega, sabedores de que Deus non podía caber na nosamente, sabían tamén, quizais polos propios apóstolos de Xesús,  que este dixera algunha vez que quen o vía a el vía tamén o Pai, é dicir, a Deus. Pois dáse a casualidade de que Xoán nos fala no evanxeo de hoxe do apóstolo Filipe como o primeiro do que botaron man os crentes gregos para que os presentase a Xesús e o visen. E foi xustamente a Filipe a quen se dirixiu unha vez Xesús dicíndolle: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”. Os crentes gregos saberían polo tanto que Xesús se presentaba como a verdadeira imaxe, viva e humana, do que é Deus, do que é Deus Pai. Deste xeito viña Xesús actuar cabería dicir á maneira desa lente escura, humana, coa que podemos observar unha eclipse solar sen que o sol nos estrague a vista.Mais aínda así, é dicir, aínda sabendo que por medio de Xesús podemos coñecer como é Deus e, en consecuencia, como debemos comportarnos nas nosas vidas, o tema non resulta doado. Non chega unha vida, por longa que sexa, para profundar no misterio de Xesús e da realidade toda da que formamos parte.

         No evanxeo de hoxe apela Xesús tamén á realidade natural para nos aprender como é el realmente. Hoxe en día hai persoas que xa desde a nenez, están pouco acostumadas a conviviren coa natureza. Non teñen experiencia do que ocorre cando se sementa e nace unha pataca ou do que lle pasa a un gran de millo ou de trigo des que se sementa, e así en relación con outras cousasda natureza. Coido que non é nada bo esta ausencia de contacto tranquilo e longo coa natureza. Entre outras razóns, porque a través da natureza se expresa tamén Deus, se é verdade que Deus é o autor dela. Quizais por iso a xente sinxela, en contacto continuado coa natureza, non poucas veces entende mellor a mensaxe de Xesús ca aqueles aos que lles dá noxo enzoufarse coa lama da terra.

         Sobre isto velaquí unha anécdota que lin algunha vez e que ten bastante que ver co que hoxe se nos di no evanxeo. Nun funeral, para presentar dun xeito algo plástico á xente a vida e a resurrección despois da morte, como se estaba no tempo da sementeira das patacas, ocorréuselle a un párroco falar da pataca, que se bota no rego da leira, que podrece e da que xustamente sairá a nova planta. Suponse que a xente entendeu a cousa. Mais de alí a poucos días, noutro funeral, antes de este empezar, un da familia do novo defunto entrou na sancristía e díxolle ao párroco: “Señor cura, eu víñalle pedir que, se fai o favor, non me lles fale das patacas...”.

         Ben. Pois aínda que poida parecer pouco fino e ata algo ofensivo iso de falar das patacas en relación cun defunto e coa resurrección, cómpre lembrar que Xesús empregou comparacións semellantes para nos falar destes temas fondos e importantes. Concretamente para falar da súa morte, da súa resurrección e tamén da nosa. Na pasaxe do evanxeo de Xoán de hoxe dísenos: Se o gran de trigo cae na terra mais non morre, quedará el só; mais se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna.

         Se aquí se nos fala da “morte” do gran de trigo, é lóxico que tamén se puidese empregar a comparanza coa pataca, se naquel tempo fose alí coñecido este saboroso tubérculo. Mais daquela e neste lado do Atlántico non se sabía aínda o que era unha pataca, pois –como sabedes as patacas só foron coñecidas entre nóstrelo descubrimento do continente americano.

         Cómpre, pois, ollarmos amodo e con calma cara á natureza. Seranos así máis doado albiscar o significado da vida, da morte e da resurrección de Xesús e, en consecuencia, o grandioso e inmortal sentido da nosa vida.

 

Manuel Cabada Castro

 



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-coresma-b-xoan-1220-33-2/


FICHAS ANTERIORES: 

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3









Comentarios

Publicacións populares