FICHA E LECTIO. Domingo 5 de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
As patacas son mestras
(21 marzo 2021)
O
tempo corre e estamos xa case na entrada da Semana Santa, pois o próximo
domingo é xa Domingo de Ramos.
Entre
tanto, seguimos a profundar no sentido e na práctica da conversión á que nos
animaba a liturxia do Mércores de Cinza, cando se nos dicía: “Convértete e cre
no Evanxeo”, é dicir na boa, na alegre nova de Xesús.
Porque
é xustamente a grandeza da boa mensaxe de Xesús a que nos fornecerá forzas e bo
ánimo para levarmos a nosa cruz, a de cada un, seguíndoo a el que vai diante
nosa levando a súa, sempre meirande cá nosa. Porque, por el e nel sabemos que
trala cruz está sempre a Resurrección e o Deus da felicidade plena, é dicir,
non rebaixada nin desvirtuada.
Cóntanos
hoxe Xoán que había uns crentes de relixión xudía mais de orixe grega que
querían ver Xesús. En certo modo, cando pola nosa parte dicimos que nos
gustaría sabelo todo ou telo todo, estamos a dicir tamén que nos gustaría ver
Xesús, se é que o consideramos como a manifestación visíbel de Deus. Os filósofos
gregos falaban moito sobre Deus, mais iso de que Deus se fixera un de nós e que
nos prometera a resurrección non lles cabía na cabeza. Por iso despediron, como
sabemos, o apóstolo Paulo -iso si de boas maneiras ou cortesmente- ó el lles
empezar a falar do tema. Estes crentes gregos que buscaban a maneira de veren a
Deus na súa manifestación en Xesús eran, polo tanto, gregos dunha caste algo diferente.
Hai
unha lenda que di algo así coma isto. Unha vez un rei convocou tódolos magos,
sabios e sacerdotes do seu reino. Ameazounos cos castigos máis terríbeis se non
lle amosaban a Deus. Inquedos e desesperados, andaban de aquí para alá, sen
saberen que facer. Mais velaquí que chega un pastor que lles di que el era
capaz de lle dar unha solución ó problema. Correron presentarllo ó rei. O
pastor levou entón o rei a unha terraza e sinaloulle o sol, dicíndolle ó tempo:
Óllao! No mesmo intre de o facer, o rei baixou os ollos berrando: Queres
deixarme cego. Entón díxolle o pastor ó rei: Señor, o sol é só unha cativa
criatura do Creador, unha pequena muxica do seu esplendor... Como podes pensar
en poñeres os teus ollos sobre el en persoa?
Os crentes de nación grega, bos sabedores de que
Deus non cabía no interior das nosas mentes, sabían tamén, e quizais polos propios
apóstolos de Xesús, que este dixera
algunha vez que quen o vía a el vía tamén o Pai, é dicir, a Deus mesmo. Pois
dáse a casualidade de que Xoán nos fala (no evanxeo de hoxe) do apóstolo Filipe
como o primeiro do que botaron man os crentes gregos para que os presentase a
Xesús. E seguramente lembrades que foi xustamente Filipe aquel ó que se dirixiu
unha vez Xesús dicíndolle: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”. Os crentes
gregos saberían polo tanto que Xesús se presentaba como a verdadeira imaxe, viva
e humana, do que é Deus, do que é Deus Pai. Deste xeito viña Xesús actuar
-cabería dicir- á maneira desa lente escura, humana, coa que podemos observar
unha eclipse solar sen que o sol nos estrague a vista.
Mais
aínda así, é dicir, aínda sabendo que por medio de Xesús podemos coñecer como é
Deus e, en consecuencia, como debemos comportarnos nas nosas vidas, o tema non
resulta doado. Non chega toda unha vida, por longa que sexa, para profundar na
grandeza e no misterio de Xesús e da realidade toda da que formamos parte.
No
evanxeo deste domingo apela Xesús tamén á realidade natural para nos aprender
como é el realmente. Hoxe en día, moitas persoas, xa desde a nenez, están pouco
acostumadas a conviviren coa natureza. Non teñen experiencia directa e repetida
do que ocorre cando se sementa e nace unha pataca, ou do que lle pasa a un gran
de millo ou de trigo des que se sementa, e así en relación con moitas máis
cousas da natureza... Teño anécdotas moi curiosas sobre este descoñecemento que
vos farían pensar e tamén rir.
Coido
que non é nada bo esta ausencia de contacto tranquilo e longo coa natureza.
Entre outras razóns, porque a través da natureza se expresa tamén Deus, se é
verdade que é el o autor dela. Quizais por iso a xente sinxela, en contacto
continuado coa natureza, non poucas veces entende mellor a mensaxe de Xesús ca
aqueles ós que lles dá noxo enzoufarse coa lama da terra.
Sobre
isto velaquí unha anécdota que lin algunha vez e que ten bastante que ver co
que hoxe se nos di no evanxeo. Nun funeral, para o párroco presentar ós
asistentes dun xeito algo plástico a vida e a resurrección despois da morte, ocorréuselle,
dado que era o tempo da sementeira das patacas, falarlles da pataca, que se
bota no rego, que podrece e que xustamente desa podremia xurdirá a nova planta.
Suponse que a xente entendeu a cousa. Mais de alí a poucos días, noutro
funeral, antes de el empezar, un da familia do novo defunto entrou na
sancristía e díxolle ó párroco: “Señor cura, eu víñalle pedir que, se fai o
favor, non me lles fale das patacas...”.
Ben.
Pois aínda que poida parecer pouco fino e ata algo ofensivo iso de falar das
patacas en relación cun defunto e coa resurrección, cómpre lembrar que Xesús
empregou comparacións semellantes pra falarnos destes temas fondos e importantes.
Concretamente pra el falar da súa morte, da súa resurrección e tamén da nosa.
Na pasaxe do evanxeo de Xoán de hoxe dísenos, por exemplo: Se o gran de trigo cae na terra mais non morre, quedará el só; mais se
morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a
súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna.
Se
aquí se nos fala da “morte” do gran de trigo, é lóxico que tamén se puidese
empregar a comparanza coa pataca, se naquel tempo fose alí coñecido este saboroso
tubérculo. Mais naquel tempo e no lado de acá do Atlántico non se sabía aínda o
que era unha pataca, pois –como sabedes- as patacas só foron coñecidas fóra de
América despois do descubrimento deste continente bastantes séculos despois.
Cómpre,
pois, ollarmos amodo e con calma cara á natureza. Seranos así máis doado
albiscar o significado da vida, da morte e da resurrección de Xesús e, en
consecuencia, o grandioso e inmortal sentido da nosa vida.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario