DOMINGO V DE CORESMA
Primeira Lectura Xer 31, 31-34
Establecerei unha nova alianza e non me lembrarei do pecado
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Velaquí os días—é o Señor quen fala—
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
—é o Señor quen fala—.
Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días—é o Señor quen fala—:
Hei meter a miña Lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
Xa ninguén terá que instruír o compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmá,
dicíndolle: “Respectade o Señor”;
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ao máis grande
—é o Señor quen fala—,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 50, 3-4. 12-13. 14-15
R.: (12a)Crea, oh Deus, en min un corazón puro.
Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinareilles o teu camiño aos pecadores,
e volverán a ti os descarreirados.
Segunda Lectura Heb 5, 7-9
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da eterna salvación
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade. Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
VERSÍCULO Xn 12, 26
Quen me serve que me siga, di o Señor;
e, onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor.
Evanxeo Xn 12, 20-33
Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, algúns dos gregos, que subían a adorar no día da Festa, achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
— Señor, queremos ver a Xesús.
Foi Filipe e díxollo a Andrés e Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
— Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo, se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só, pero se morre dará froito abondoso. Quen ama a súa vida pérdea, mais quen aborrece a súa vida neste mundo poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
Chegou entón unha voz do ceo:
— Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
Ao oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono. Outros dicían: “Faloulle un anxo”. Xesús interveu dicindo:
— Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo, agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
Dicía isto indicando de que morte había de morrer.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Ou ben as lecturas do ano A, núm.34
Comentarios
Publicar un comentario