DOMINGO DE RAMOS
FICHAS ANTERIORES: Ficha 1
LECTIO:
LECTURAS:
DOMINGO DE RAMOS
NA PAIXÓN DO SEÑOR
PROCESIÓN DAS PALMAS
Evanxeo Mc 11, 1-10
Bendito o que vén no nome do Señor
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Cando se achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:
— Ide á aldea que tendes aí por frontee, ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda. Soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: “Precísao o Señor, pero deseguida o mandará de volta”.
Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
— Que facedes aí desatando o burriño?
Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño para que lle servisen de alfombras e outros ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor!Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
AD LIBITUM Xn 12, 12-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel tempo, a xente que viñera á festa, ao oír que Xesús viña a Xerusalén, apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
Hosanna!, bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!
Xesús atopou un burriño e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
Ao comezo, os seus discípulos non comprenderon estas cousas, pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
MISA
A misa deste domingo ten tres lecturas, e é moi recomendable que se lean as tres, a non ser que algún motivo pastoral aconselle o contrario.
Dada a importancia da lectura da historia da paixón do Señor, o sacerdote, tendo en conta a índole peculiar de cada asemblea en concreto, poderá ler, se é necesario, unha soa das dúas lecturas que preceden o Evanxeo, ou ben ler unicamente a historia da paixón, incluso na forma máis breve.
Estas normas só teñen aplicación nas misas celebradas coa participación do pobo.
Primeira Lectura Is 50, 4-7
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido (Terceiro Canto do Servo do Señor)
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecinlles o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R.: (2a) Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?
Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
“Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama”.
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.
Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.
Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.
Segunda Lectura Flp 2, 6-11
Humillouse a si mesmo, por iso Deus o exaltou
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns:
Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus,
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte,
e a morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
VERSÍCULO Flp 2, 8-9
Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.
Evanxeo
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MARCOS Mc 14, 1-15, 47(longa)
Andaban buscando como coller a Xesús a traizón, para matalo
C.: Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como coller a Xesús a traizón, para matalo. Pero dicían:
S.: Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente.
C.: Estando Xesús en Betania, na casa do Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco e unxiulle a cabeza. Algúns dos convidados comentaban indignados:
S.: Pero a que vén este estrago de perfume? Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos aos pobres.
C.: E alporizábanse contra ela. Pero Xesús dixo:
— Deixádea, por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. Os pobres téndelos sempre entre vós e podédelos axudar cando queirades, pero a min non me ides ter sempre. Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro.
Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.
Prometéronlle cartos a Xudas Iscariote
C.: Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes para lles entregar a Xesús. Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo.
Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?
C.: No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
S.: Onde queres que vaiamos preparar, para comer a Cea Pascual?
C.: El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
— Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo e, onde entre, dicídelle ao dono da casa: “O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?”. El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
C.: Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
Un de vós vaime entregar, un dos que está comendo comigo
C.: Á tardiña foi el cos Doce. Estando na mesa comendo, díxolles Xesús:
— Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo.
C.: Eles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un:
S.: Non serei eu?
C.: Pero el dixo:
— Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min. O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ai daquel que traizoa o Fillo do Home! Máis lle valería non nacer.
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue da Alianza
C.: Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendición, partiuno e déullelo, dicindo:
— Tomade, isto é o meu corpo.
C.: Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
— Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade, xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.
Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres
C.: Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.
Díxolles Xesús:
— Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito,ferirei o pastor e espallaranse as ovellas. Pero, cando resucite, irei diante de vós a Galilea.
C.: Replicoulle Pedro:
S.: Aínda que tropecen todos, eu non caerei.
C.: Xesús respondeulle:
— Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres.
C.: Pedro insistiu aínda:
S.: Aínda que teña que morrer contigo, endexamais te negarei.
C.: E o mesmo dicían os outros.
Empezou a sentir arrepío e angustia
C.: Chegaron a un eido chamado Xetsemaní, e díxolles Xesús aos seus discípulos:
— Sentade aquí, mentres eu vou orar.
C.: E levou consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e empezou a sentir arrepío e angustia. E díxolles:
— A miña alma está en agonía ata a morte, quedade aquí e vixiade.
C.: E así que avanzou un pouco, botouse no chan e pregaba para que, se fose posible, pasase del aquela hora, e dicía:
— Abba, Pai! Ti pódelo todo. Arreda de min este cáliz; pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
C.: Ao volver onda eles, atopounos durmidos, e díxolle a Pedro:
— Simón, dormes? Non puideches vixiar tan sequera unha hora? Vixiade e pregadepara que non entredes en tentación. O espírito está certamente disposto, pero a carne é débil.
C.: E arredouse de novo, e pregaba repetindo as mesmas palabras.
Volveu outra vez e atopounos durmidos, pois caíanlles os ollos de sono e non sabían que lle dicir. E volveu por terceira vez, e díxolles:
— Conque durmides e descansades? Abonda xa, chegou a hora; velaquí que o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores. Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar.
Prendédeoe levádeo con tino
C.: Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dun grupo de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns. O traidor déralles un contrasinal:
S.: Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo e levádeo con tino.
C.: E así que chegou, acercouse e díxolle:
S.: Mestre!
C.: E bicouno. Eles botáronselle enriba e prendérono. Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu un criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle unha orella.
Xesús reprendeunos dicindo:
— Víndesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras.
C.: E todos fuxiron abandonándoo. Só o seguiu un mozo envolto nunha saba. Detivérono. Pero el desenleouse da saba e fuxiu espido.
Es ti o Mesías, o Fillo de Deus bendito?
C.: Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. Pedro seguiuno de lonxe ata o pazo do Sumo Sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume.
Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar un testemuño contra Xesús, para o poderen condenar á morte, pero non o atopaban. Moitos testemuñaban en falso contra el, pero os seus testemuños non resultaban conformes. Entón erguéronse algúns e daban falso testemuño contra el, dicindo:
S.: Nós oímoslle dicir: “Eu destruirei este templo feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes”.
C.: Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño.
Adiantouse entón o sumo sacerdote ata o medio, e interrogou a Xesús:
S.: Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?
C.: Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o sumo sacerdote:
S.: Es ti o Mesías, o Fillo de Deus bendito?
C.: Xesús contestoulle:
— Eu son, e habedes ver o Fillo do Home estar sentado á dereita do Todopoderoso e vir entre as nubes do ceo.
C.: Daquela o sumo sacerdote, rachando os seus vestidos, exclamou:
S.: Que necesidade temos xa de testemuñas? Oístes a blasfemia. Que vos parece?
C.: E todos sentenciaron que el merecía a morte.
E empezaron algúns a cuspir nel, a taparlle a cara e a darlle labazadas e dicirlle:
S.: Profetiza!
C.: E os criados tamén mallaban nel.
Non coñezo ese home de quen falades
C.: Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote.
Ao que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle:
S.: Ti tamén andabas con Xesús de Nazaré.
C.: El negouno, dicindo:
S.: Non sei nada, nin comprendo de que me falas.
C.: E, saíndo para fóra, cantou o galo. A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir aos presentes:
S.: Este évos un deles.
C.: E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle:
S.: Si, ti es un deles, que es galileo.
C.: El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo:
S.: Eu non coñezo ese home de quen falades.
C.: E, decontado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: “Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres”e, saíndo para fóra, rompeu a chorar.
Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
C.: De mañanciña, os sumos sacerdotes cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
Pilato preguntoulle:
S.: Es ti o rei dos xudeus?
C.: Respondeulle:
— Ti o dis.
C.: E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón, Pilato volveu preguntarlle:
S.: Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
C.: Pero Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
Pola festa de Pascua, tiña o costume de soltarlles o preso que eles lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume concederlles. Pilato respondeulles:
S.: Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
C.: Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos sacerdotes encirraron a xente para que pedisen que lles soltase a Barrabás.
Pilato respondeulles:
S.: E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
C.: Eles volveron berrar:
S.: Crucifícao!
C.: Pilato replicoulles:
S.: E logo, que mal fixo el?
C.: Pero eles berraban aínda máis forte:
S.: Crucifícao!
C.: Pilato, para compracer o pobo, soltoulles a Barrabás, mentres que a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños
C.: Os soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
S.: Salve, rei dos xudeus!
C.: E dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra para o crucificar.
Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono
C.: Pasaba por alí Simón de Cirene —o pai de Alexandro e de Rufo—, que volvía da leira,e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira.
Alí dábanlle viño con mirra, pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortespara saber o que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: “O rei dos xudeus”.
Con el crucificaron tamén dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!
C.: Os que pasaban por alí burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
S.: Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
C.: Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
S.: Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
C.: Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Xesús, dando un grito resoante, expirou
C.: Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E, ás tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
— Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
C.: Que quere dicir:
— Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?.
C.: Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
S.: Oíde! Está chamando por Elías.
C.: Un foi correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espetouna nunha cana e deulle de beber, dicindo:
S.: Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
C.: Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.
(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)
C.: O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
O centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito, dixo:
S.: Verdadeiramente este home era Fillo de Deus!
C.: Había tamén mulleres que miraban desde lonxe. Entre elas estaban María Madalena e María, a nai de Santiago o menor e de Xosé, e mais Salomé, que o seguiran e o serviran cando el estaba en Galilea, e moitas outras, que subiran con el a Xerusalén.
Xosé fixo rodar unha lousa contra a entrada do sepulcro
C.: E cando estaba xa a caer a tarde, como era o día da Preparación, ou sexa, a véspera do Sábado, veu Xosé de Arimatea, un venerable membro do Consello, que tamén esperaba o Reino de Deus, e con moito valor presentouse ante Pilato e pediu o corpo de Xesús. Pilato estrañouse de que xa estivese morto, conque mandou vir o centurión para preguntarlle se xa morrera e, informado polo centurión, entregoulle o corpo a Xosé. Este comprou unha saba e, despois de o descolgar, envolveuno na saba e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa contra a entrada do sepulcro.
María Madalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou máis breve:15, 1-39
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MARCOS
Queredes que eu vos solte o rei dos xudeus?
C.: De mañanciña, os sumos sacerdotes, cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
Pilato preguntoulle:
S.: Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
— Ti o dis.
C.: E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón Pilato volveu preguntarlle:
S.: Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
C.: Pero Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
Pola festa de Pascua, tiña o costume de soltar o preso que eles lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume concederlles. Pilato respondeulles:
S.: Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
C.: Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos sacerdotes encirraron a xente para que pedisen que soltase a Barrabás.
Pilato respondeulles:
S.: E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
C.: Eles volveron berrar:
S.: Crucifícao!
C.: Pilato replicoulles:
S.: E logo, que mal fixo el?
C.: Pero eles berraban aínda máis forte:
S.: Crucifícao!
C.: Pilato, para compracer o pobo, soltou a Barrabás, mentres que a Xesús, despois de o mandar azoutar, o entregou para que o crucificasen.
Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños
C.: Os soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
S.: Salve, rei dos xudeus!
C.: E dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E, despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra, para o crucificaren.
Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono
C.: Pasaba por alí Simón de Cirene —o pai de Alexandro e de Rufo—, que volvía da leira, e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra, pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortespara saber o que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: “O rei dos xudeus”. Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!
C.: Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas e dicindo:
S.: Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz e sálvate!
C.: Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
S.: Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora para que vexamos e creamos!
C.: Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Xesús, dando un grito resoante, expirou. (...)
C.: Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E, ás tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
— Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
C.: Que quere dicir:
—”Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”
C.: Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
S.: Oíde! Está chamando por Elías.
C.: Un foi correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espetouna nunha cana e deulle de beber, dicindo:
S.: Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
C.: Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.
(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)
C.: O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
O centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito, dixo:
S.: Verdadeiramente, este home era Fillo de Deus!
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario