Mulleres líderes: diálogos en liña por un futuro igualitario

Comparto convosco o enlace que me enviaron onte sobre os desafíos das mulleres líderes:


Sábado 6 de marzo ás 12.30h

Analizamos no marco do 8M os desafíos das mulleres líderes con profesionais da arte, da tecnoloxía e da espiritualidade

A Cidade da Cultura de Galicia programa este sábado 6 de marzo tres diálogos en liña –retransmitidos a través da súa canle de Youtube– para analizar a participación da muller na adopción de decisións e en roles de liderado en distintos ámbitos, poñendo o acento en tres sectores profesionais onde tradicionalmente a presenza masculina ten sido maioritaria, como poden ser o da tecnoloxía, o comisariado de exposicións e a dirección de galerías de arte, ou a Igrexa. A actividade está enmarcada nos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebra o próximo 8 de marzo.

Estes encontros dixitais que se retransmitirán en streaming ás 12,30 horas do sábado, constarán de tres conversas de 15 minutos –conducidas pola antropóloga especialista en estudos feministas Guadalupe Jiménez-Esquinas– con tres mulleres de dilatada experiencia profesional. Así, contarase coa participación da doutora enxeñeira en Telecomunicación Edita de Lorenzo, vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e primeira muller á fronte dunha Escola de Enxeñaría de Galicia, concretamente da de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que dirixiu entre 2009 e 2017 e onde é profesora titular do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.

Desde o ámbito da cultura compartirá a súa experiencia Asunta Rodríguez, propietaria da galería compostelá Trinta, que dirixe desde hai 30 anos e coa que conta cunha extensa traxectoria en Arco, onde recibiu en 1995 o premio á mellor galería española. Por último, o encontro analizará tamén o papel da muller no ámbito da Igrexa a través da visión de Marisa Vidal Collazo, integrante desde hai máis de 20 anos da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, cunha extensa traxectoria de activismo no campo da teoloxía e o feminismo.

Todas elas partirán da súa experiencia vital para reflexionar sobre a situación pasada, presente e futura das mulleres na toma de decisións e a súa presenza en sectores e papeis cun liderado habitualmente masculino. Non en van, o lema escollido para a actividade vai na liña do de ONU Mulleres para o 8M deste ano –Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da covid-19–.

Convidadas de referencia: https://www.cidadedacultura.gal/


E o cartel das mobilizacións para o día 8 de marzo:

 


 

Comentarios

Publicacións populares