FICHA E LECTIO - Domingo IV de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Nicodemo,
príncipe das bolboretas
(14.III.2021)
Nestes
días, nos que estamos case a experimentar o abrente da primavera, algunhas
bolboretas empezan xa a curiosear de noite cara a nós, batendo as súas ás nos
cristais das ventás. Este recorrente fenómeno faime lembrar o Nicodemo do
evanxeo de hoxe: esa relevante personalidade do tempo de Xesús que viñera de
noite tratar con el de importantes asuntos relixiosos que lle preocupaban.
Dalgunha
maneira hai un certo parecido entre a muller samaritana do anterior domingo e
Nicodemo. A samaritana, en diálogo a soas con Xesús, preguntáballe cal era o
verdadeiro templo no que había que adorar a Deus Pai. Xesús contestáballe
dicindo que agora non fan falla xa “templos”, porque Deus Pai quere só
adoradores que o adoren “en espírito e verdade” e que, se se pretende continuar
a falar aínda de “templos”, os verdadeiros templos son en realidade Xesús
mesmo, no que habita o Pai, e todos aqueles cos que el se identificou: pobres, doentes,
marxinados etc.
Como
vedes, Xesús cambia desde a súa mesma raíz a nosa relación con Deus. Na súa
revelación a nós, Deus convértese en Pai, en “papá”. El quérenos como
verdadeiro pai e vén salvarnos e darnos vida. Non van facer xa falla, polo
tanto, nin sacrificios rituais nin suntuosos templos de pedra tallada. A imaxe
dun Deus distante, tirano e xuíz imperturbábel, queda superada e desvirtuada
coa súa mensaxe, coa súa Boa Nova. Por iso lle comunica a Nicodemo que ten que
“nacer de novo”, para con ese novo comezo poder chegar a experimentar de
verdade o significado de sermos fillos
de Deus.
Que
fan os pais cos seus fillos? Darlles vida. E se deles dependese, daríanlles
unha vida que endexamais deixase de selo. É dicir, unha vida “eterna”. Os pais
están aí, non para se converteren en xuíces ou condenadores dos seus fillos,
senón para seren garantes do amor e do benestar que os fillos desexan.
Pois
ben, esta é a imaxe de Deus Pai que Xesús lle presenta a Nicodemo no diálogo
nocturno con el. Nicodemo era un alto cargo da relixión xudía, mais non podía
negar que a persoa e a mensaxe de Xesús o cuestionaban moito. Xesús dille que
ten que facer un cambio na visión das cousas, unha transformación na súa vida e
tamén no modo de pensar e de vivir relixiosamente. Mais tiña medo, por ser el
quen era, de se presentar ante Xesús á luz do día. Por iso, coma as bolboretas
nocturnas, vén onda el á noite.
Nicodemo,
mergullado na escuridade e nas dúbidas que o turban, non ve máis solución ca
presentarse directamente e a soas ante Xesús. Se as bolboretas voan cara á luz,
soas e de noite, Nicodemo fai outro tanto. Xesús dixera en diversas ocasións
que el era “a luz do mundo”. Xoán, o autor do texto deste domingo, fala noutras
ocasións de que Xesús se consideraba a si mesmo como “luz”: “Eu son a luz do
mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida” (Xoán
8, 12). Tamén no evanxeo de Lucas se alude varias veces a Xesús como “luz”. Por
exemplo, cando nos anuncia: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os
que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as
nacións” (Lc 2, 32), etc.
É
moi duro vivir entre dúbidas e escuridades, que provocan golpes e caídas ó non
se saber cara a onde se vai. Podemos supoñer que Nicodemo sairía moi
reconfortado da súa conversa nocturna. Porque Xesús vai liberalo de medos, de
angustias e de dúbidas relixiosas. A mensaxe que recibe Nicodemo é unha mensaxe
de amor e de vida. A Nicodemo comunicóuselle como é Deus, como é ese Deus co
que o seu interlocutor está en íntima relación filial.
Esta
comunicación nocturna e privada ó solitario Nicodemo é tamén unha comunicación
a todos nós. E esta nova sobre Deus Pai non pode ser máis grandiosa e portadora
de felicidade. Velaquí o que Xesús lle comunica a Nicodemo: “De tal xeito amou
Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel
non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para
que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo”.
Xesús
vén, pois, comunicarnos que Deus, é dicir, o seu Pai benquerido, é tan
bondadoso e misericordioso connosco que non tivo reparo ningún en darnos o seu
propio Fillo para que nel, convertido para sempre en irmán noso, teñamos plena
garantía de vida e salvación. Que máis podemos querer ou esperar? Deste xeito e
grazas a el estamos todos libres de xuízo e de condena con só crermos nel e
comportármonos conforme a esa fe.
Ademais,
Nicodemo, como xudeu importante e instruído que era, sabía moi ben cal era o
significado da serpe de bronce que no deserto Moisés erguera na punta dun pau
para que os que a ollaran recobrasen a saúde. A serpe era un símbolo de saúde e
de vida, dado que a serpe coa muda da súa pel semellaba conservarse sempre
viva. Por iso aínda hoxe é a serpe o símbolo distintivo da botica e da
profesión médica, é dicir, dos que procuran curar e conservar a vida dos
afectados pola enfermidade e o perigo da morte. Neste sentido diralle Xesús a
Nicodemo, facendo referencia á súa próxima crucifixión: "Como Moisés ergueu
a serpe no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que
cre nel teña vida eterna" (Xoán 3, 14). Cúmprense así desde a cruz as
palabras de Xesús das que dá testemuño tamén Xoán: “Cando me ergan da terra,
atraerei a todos cara a min” (Xoán 123, 31). Converterase así el en luz no
medio das tebras, luz que atrae cara a ela esas inquedas bolboretas que somos
todos nós.
A
mensaxe de Xesús é, pois, anuncio de vida, de “vida eterna”. E a “vida eterna”
en Xoán, segundo ós expertos bíblicos, non se refire só á vida de despois de
morrermos, senón tamén e de maneira importante á vida presente e actual. Os
cristiáns deberiamos intentar desterrar das nosas vidas o medo e as angustias
relacionadas coa nosa morte. Pois, pola graza de Deus, o noso destino é e será
sempre vivir.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario