DOMINGO III DE CORESMA + ORACIONAL


Primeira Lectura   Ex 20, 1-17

A Lei foi dada por medio de Moisés(Xn 1, 17)

LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO


            Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:

            — Eu son o Señor, teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.

            Non terás xunto comigo outros deuses.

            Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra.

            Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor, teu Deus, son un Deus celoso.

            No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos.

            Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións.

            Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo o que pronuncia en van o seu nome.

            Pensa no día do sábadopara o faceres día santo.

            Traballarás seis días na semana, e neles farás a túa tarefa.

            Pero o día sétimo é sábado, dedicado ao Señor, teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades.

            Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou.

            Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.

            Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.

            Non matarás.

            Non cometerás adulterio.

            Non roubarás.

            Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.

            Non cobizarás a casa do teu próximo; nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu.


      Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


______________________________________________________________________


Ou mais breve: 20, 1-3. 7-8. 12-17


LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO


            Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:

            — Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.

            Non terás xunto comigo outros deuses.

            Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo o que pronuncia en van o seu nome.

            Pensa no día do sábado para o faceres día santo.

            Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.

            Non matarás.

            Non cometerás adulterio.

            Non roubarás.

            Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.

            Non cobizarás a casa do teu próximo; nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu.


  Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus

 


SALMO RESPONSORIAL   Sal 18, 8. 9. 10. 11

R.: (Xn 6, 68c)Señor, ti tes palabras de vida eterna.


A Lei do Señor é perfecta,

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme,

fai sabio o inxenuo.


Os mandatos do Señor son rectos,

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo,

ilumina os ollos.


A vontade do Señor é pura,

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras,

enteiramente xustas.


Son máis cobizables ca o ouro

máis ca o metal precioso;

son máis doces ca o mel,

máis ca o zume da antera.



Segunda Lectura   1 Cor 1, 22-25

Predicamos a Cristo crucificado, escándalo para os homes, pero sabedoría para os chamados por Deus

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:

            Os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría, pero nós predicamos un Cristo crucificado, e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagánsunha loucura.

            Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus.

            Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.


   Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus



VERSÍCULO           Xn 3, 16


De tal xeito amou Deus o mundo,

que lle deu o seu Fillo Unixénito;

quen cre nel ten vida eterna.

 

Evanxeo   Xn 2, 13-25

Destruíde este templo e en tres días heino restablecer

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados. Vai el e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén. Guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores e aos que vendían as pombas díxolles:

            — Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: “O celo da túa casa devórame”.

            Pero replicáronlle os xudeus:

            — Que sinal nos mostras para faceres estes feitos?

            Respondeulles Xesús:

            — Derrubade este templo e erguereino en tres días.

            Retrucáronlle os xudeus:

            — Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?

            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

            Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, ao veren os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.

            Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.


      Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo



Ou ben as lecturas do ano A,núm. 28


 Nas túas mans

                                                            

Comentarios

Publicacións populares