VENRES SANTO B

 



Venres Santo


Monición

En silencio, así comezamos a celebración. Seguiremos a Xesús nos pasos da súa paixón e da súa morte. Faremos presente o seu sacrificio da Cruz e marcharemos coa certeza da morte e a esperanza da Resurrección.

Ideas para a homilía

·         Pensar en todos os crucificados do mundo. Canta xente morre cada día inxustamente. Morren pola cobiza, polo egoísmo, pola inxustiza.

·         Pensar na xente que morre por defender un ideal, unha fe, un mundo mellor para os seus. Arriscan a vida convencidos de que o mal que eles sufran será mal que non terán que sufrir os que veñan detrás.

·         Por que esta morte, a morte de Xesús, é especial para nós? Porque esta morte ten semente de vida.

·         Promesa de que o mal non sempre vai gañar. Promesa neste mundo e promesa maior de que nós e toda a creación camiñamos cara a plenitude de Deus en Xesús.


Adoración da Cruz

(Pódese acompañar coa lectura, ou canto, dos Cantos do Servo de Isaías)


Primeiro Canto do Servo (Isaías 42, 1-7)

Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

Así fala, Deus, o Señor,

o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus produtos,

o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela, e espírito ós que camiñan por ela:

Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles abras os ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,

da prisión ós que viven na escuridade.

 

Segundo Canto do Servo (Isaías 49, 1-6)


Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.

O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.

Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,

converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,

e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".

Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,

pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.

Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza".

Pois agora ‑fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser oseu servo,

para facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El‑:

"é moi fácil para ti ser o meu servo,

restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os protexidos de Israel,

pois convértote en luz das nacións,

e serás a miña salvación ata o confín da terra".

 

Terceiro canto do servo (Isaías 50, 4-9a)


O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,

para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.

El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.

O Señor Iavé abriu o meu oído,

e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.

Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

Pero o Señor axudarame,

por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,

pois sei que non me avergonzarei.

O que defende a miña causa está cerca.

¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?

Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.

O Señor Iavé axudarame: quen será o que me declare culpable?


Ángel Domínguez Cerdeira

(grazas por compartir connosco)

Comentarios

Publicacións populares