DOMINGO 3 DE CORESMA B + FICHAS + ORACIONAL
LECTIO:
O CASAL DO PAI
Domingo III de
Coresma
(3 marzo 2024)
O misterio da personalidade de Xesús amósase en que
sempre ou case sempre é desconcertante. Se estamos acostumados a velo como cheo
de amor e agarimo coas persoas e coas cousas, a escena de hoxe co vergallo ou
látego na man parece que non casa ben con todo isto.
Mais dado que de Xesús con razón
temos que supoñer que estea ben ao tanto do que é e de como é seu Pai, teremos
en consecuencia que estar moi atentos cando nos fala sobre el. Como fillo especialísimo
que é do seu Pai, ese Fillo proclamado polo Pai unha e outra vez como o
“benquerido”, ten que estar ben informado de como é a casa de seu Pai Deus.
Polo que se nos di no evanxeo de hoxe,
nin seu Pai é un “negociante” nin a casa de seu Pai é tampouco unha
casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter nada que ver con
ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan baseándose nos propios
haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocios”,
bérralles Xesús aos asustados vendedores e cambistas. Na casa de seu Pai non se
está por méritos propios nin á busca de medras particulares. A casa de seu Pai
é simplemente a casa onde se vive agradecido a familiaridade con Deus, onde se
aprende fraternidade e igualdade entre todos.
Por iso, propiamente, a casa de Deus
non é casa ningunha, senón esa relación filial fonda que se
ten con el e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde esteamos ou
fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se practicaban
ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas etc. e que para iso se
precisaban persoas que se ocupasen tamén destes temas. Mais Xesús non quere que
estes materiais e estas actividades de tipo exterior rematen por afogar e
distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ás persoas máis
necesitadas. E nisto non fai el máis que continuar coa denuncia que xa antes
del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente
exteriores que se realizaban no templo. Cousa que por certo non deixa de estar
hoxe en día tamén na mente do actual papa Francisco cos seus intentos de
reforma da curia vaticana.
Naturalmente, todo isto era tamén nos tempos de
Xesús un asunto complicado e delicado, porque se xogaban aquí moitos intereses
das clases dirixentes, relixiosas e políticas. De feito, Xesús aludirá algunha
vez con suficiente claridade a este problema cando nunha determinada ocasión,
tal como sabemos por outras pasaxes dos Evanxeos, se parou a conversar
tranquilamente cunha muller afectada por problemas persoais e con dúbidas sobre
se a súa fe era a verdadeira ou non. Refírome a aquela fermosa escena na que
Xesús, cansado e sedento, lle pide de beber a unha muller samaritana que vai co
caldeiro a sacar auga do pozo.
Naquela conversa hai, sen dúbida,
fonduras moito meirandes cás do pozo. Ela séntese sorprendida polo feito de que
Xesús a atenda con tanta delicadeza e amor, xuntándose como se xuntaban nela
varios feitos dos que cada un deles semellaba ser razón suficiente para non
atendela como el de feito a atendería. Era xa en principio unha muller (e polo
tanto, culturalmente discriminada), ademais pobre e para máis inri non xudía,
pertencente xa que logo a unha relixión distinta da dos xudeus. Por iso, ao
longo da conversa, atreverase ela a manifestarlle a Xesús as súas dúbidas sobre
a súa propia fe, comentándolle en tal sentido: “Os nosos pais adoraron a Deus
neste monte [a samaritana refírese ao monte sagrado do seu pobo, o Garizim] e
vós [é dicir, os xudeus] dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar...”. É
unha consulta moi importante, porque aquí a muller estalle a preguntar en
realidade (aínda que ela non o saiba) onde ten el a súa casa. Porque, claro, o
templo do verdadeiro Deus, a verdadeira casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo,
é dicir a casa de Xesús. E este naturalmente terá que saber moito destas
cousas.
Cal é, pois, a
resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai vinte
séculos, segue a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o noso? A
resposta é esta: “Mira, muller, nin o teu templo nin o noso van ser dende agora
en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras do texto de Xoán: “Faime caso,
muller: chega a hora en que nin neste monte [é dicir, o dos samaritanos] nin no
de Xerusalén adoraredes o Pai ... Chega a hora –é xa agora– na que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e
verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non
pretende varrer para a súa casa xudía fronte á casa samaritana...
A respostade Xesús á Samaritana é
que a verdadeira casa de Deus é aquela onde hai espírito e verdade. É dicir,
onde queira que haxa sinceridade, boa conciencia, humildade, amor, xustiza,
rectitude de miras etc. alí está o Pai Deus. Polo tanto, el habita nunha casa
moito máis espazosa ca o templo de Xerusalén ou calquera sinagoga, mesquita,
igrexa etc.
Onde está, pois, a casa,
o templo de Deus? Desde logo non onde haxa egoísmos, particularismos
excluíntes, dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos incluso que en
realidade todos e cada un de nós somos os verdadeiros “templos” de Deus e que o
Espírito Santo habita en nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor
ao Pai e a todas as persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no
seu nome, alí está el no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son, pois,
os humildes, os sinxelos, os perseguidos, os tratados inxustamente pola
sociedade. Xesús identifícase, pois, con eles, como ben sabemos por moitas
pasaxes do Evanxeo. E se Xesús está alí con eles, entón o Pai Deus está alí
tamén con Xesús e con eles. Eles son a súa casa.
Onde está a casa, o
templo de Deus Pai? Agora pódenos servir tamén unha anécdota do xa outras veces
aludido P. Seixas ó el falar da súa estancia na República Dominicana antes de volver
a Galicia: “Eu procuraba -dinos el- facer actos un pouco rechamantes para
educar. Por exemplo, nas reunións de xente, cando viñan doutras partes,
abríalles a casa parroquial para que vivisen nela e ocupábana toda, pero había
un cuarto moi importante, o dedicado ao bispo, que era a habitación máis grande
e a mellor posta. Unha vez chamei o cociñeiro que tiña, de raza india, e
mandeille preparar o cuarto do bispo. E acórdome que entre a xente que viñera
había un da cidade veciña, Dajabón, que era moi negro, limpabotas de oficio,
collino e díxenlle, aquí tes a túa habitación: ao vela quedouse un pouco
abraiado e díxenlle: Mira, este é o
cuarto do bispo, que para nós é a representación de Cristo, pero ti representas
para min a Cristo máis ca o bispo, porque ti representas unha raza explotada e
oprimida, que é a raza de Cristo, así que ti estarás aquí con todo o dereito. E
na mesa tamén ocupou o lugar e usou os cubertos do bispo. O cociñeiro andaba
dicindo: non saio do meu asombro...”.
Cal é a casa do Pai
Deus? Quizais saibamos agora algo máis sobre o tema. Pidámoslle a Deus Pai, por
medio do seu fillo Xesús, que nos axude a dármonos conta de cal é a verdadeira
casa súa e que nos bote, aínda que sexa a vergallazos, dos falsos templos dos
nosos egoísmos e discriminacións.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-coresma-b-xoan-213-25-2/
FICHAS ANTERIORES:
Comentarios
Publicar un comentario