8 de marzo - Día da Muller Traballadora
Manifesto d e ITD para o Día Internacional da Muller de 2024
"As mulleres están máis golpeadas polo desemprego, a brecha salarial, a temporalidade, a parcialidade, e a súa participación na toma de decisións das empresas segue sendo inferior"[1].
As organizacións que formamos parte da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD), denunciamos a situación de desigualdade que continúan sufrindo as mulleres e hoxe máis que nunca reclamamos un traballo que supoña que mulleres e homes traballamos en igualdade, dignidade, liberdade e seguridade: "Por ti, por min, traballo decente".
Os coidados como piar invisible. O 8 de marzo é un recordatorio constante da loita incansable das mulleres pola igualdade, a xustiza e o recoñecemento en todos os ámbitos. Un aspecto fundamental é o papel nos coidados que tradicionalmente lles foi asignado ás mulleres e que segue sen valorarse nin recoñecerse. Cremos que é imperativo que reflexionemos sobre a necesidade de recoñecer e redistribuír equitativamente a carga dos coidados. Reclamamos políticas que apoien a conciliación laboral e medidas que fomenten a igualdade no fogar e no traballo.
Ben común. Cando as mulleres teñen igualdade de acceso e oportunidades no ámbito laboral, non só as beneficia a elas individualmente, senón que tamén contribúe ao ben común, é dicir, a que todas as persoas poidan vivir dignamente. Os estudos demostran que a diversidade no lugar de traballo non só é ética, senón tamén economicamente rendible. As empresas e organizacións con liderado diverso tenden a ser máis innovadoras e resilientes. Polo tanto, esiximos investir na igualdade como acto de xustiza social e estratexia intelixente para promover o ben [2]. A brecha salarial segue sendo un claro expoñente de desigualdade, situándose no 18,7%[3].
A importancia da Educación. Na educación tamén existe a brecha de xénero. As mulleres adoitan estar vinculadas a estudos académicos ou formación relacionada cos coidados, como son a enfermaría, o apoio doméstico, a limpeza, a educación... Ademais, as mulleres que se atopan en ámbitos lóxico-matemáticos como son enxeñarías, etc., en moitas ocasións teñen que demostrar que son persoas válidas e que merecen estar aí. Por isto, reclamamos que se fomenten as capacidades de cada persoa, o acceso igualitario a unha educación de calidade, desde a educación primaria ata a formación profesional e universitaria, sen importar o xénero, como paso crítico para romper os ciclos de pobreza e desigualdade.
Para lograr avances significativos, é esencial que os gobernos, as empresas e a sociedade colaboren na posta a punto de políticas e prácticas que promovan a igualdade. Só entón poderemos alcanzar un futuro onde cada muller, sen importar a súa orixe ou circunstancias, teña a oportunidade de desenvolverse plenamente e contribuír ao ben común.
O papel da muller na Igrexa. ITD súmase á reivindicación dun grupo cada vez máis numeroso de mulleres cristiás, que desde o movemento "Revolta de Mulleres na Igrexa" veñen esixindo cambios profundos: «Nós non é que sexamos mulleres que se foron da Igrexa, non, non. Somos mulleres cun compromiso activo dentro dela, pero reivindicamos ter voz e voto nas estruturas da Igrexa e incrementar a participación na toma de decisións»[4].
—
[1] Observatorio de Igualdad y Empleo (OIE)
[2] Diversidad y Liderazgo: Un binomio clave que hay que reforzar
[3] OIE – Observatorio Igualdad y empleo
[4] Pepa Torres, teóloga. Celebración del 8 de marzo en 2023, vía El Confidencial
—
En redes sociales: #8MIgualdadyDignidad (Facebook, X, Instagram)
Comentarios
Publicar un comentario