FICHA E LECTIO: Domingo 1 de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4
LECTIO:
Convertérmonos
á alegría
(21.
II. 2021)
Hai
catro días, o mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma. É ben sabido
que o nome “Coresma” ten que ver cos “corenta” días de xaxún que, segundo os
textos do Novo Testamento, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por
Xoán o Bautista. Os entendidos dinnos que o dos “corenta” non hai que entendelo
literalmente. É só un número simbólico de “plenitude”, que vén significar neste
caso algo así como dicir: “Xesús foi tentado sempre”. Como tamén sempre somos tentados todos nós. O relato de
Marcos sobre as tentacións de Xesús é moi parco, se o comparamos cos de Lucas
ou Mateo. Marcos conténtase con despachar con catro frases (exactamente trinta
palabras en grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros,
moitos máis detalles. Por estes outros evanxelistas sabemos que Xesús foi
tentado polo prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese
modo, segundo lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e
fraternidade que Deus Pai quería e quere para todos nós.
En
calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular
entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa
intensa relación de amor, fraternidade e contacto con cantos se achegaban a el,
para lles comunicar a “boa nova” do Pai.
O
tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade
consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no “deserto”, como refire
Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu
Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para
bastantes do seu tempo (como tamén ocorre no noso tempo) o seu principal desexo
e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza (“vivía entre as
feras”, dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo. Poida
que a máis dunha persoa (eu non me exclúo de todo) a pandemia lle puido axudar
tamén a iso. Polo demais, a palabra “corentena” que hoxe, debido ó coronavirus,
se nos fixo máis familiar (aínda que temida) ten que ver tamén naturalmente con
“coresma” e cos “corenta” días.
Xesús
viviu de feito toda a súa vida en
constante “corentena”, en fondo retiro interior e agarimoso co seu pai Deus. E se
polas multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer,
tempo tiña aínda de noite para el vivir esta indescritíbel e amorosa relación
con el.
Por
iso o tempo de Coresma é unha chamada da Igrexa a todos para que saibamos tamén
nós, como Xesús, atopar tempo para dialogarmos amorosamente, a través dos
acontecementos e das persoas que nos rodean, co Deus Pai que nos quere.
A
expresión que utiliza Marcos ó nos dicir que o Espírito “encamiñou” Xesús ó
deserto é -tamén segundo os entendidos- unha expresión forte: algo así coma se
o Espírito o “empuxase” ou “forzase”. Unha expresión, xa que logo, “enérxica e
vehemente”. Boa falta nos faría a nós deixarnos levar por un espírito así de
“forte” para que el nos levase por onde quere.
Mais
así como Xesús non consideraba o “deserto” como o seu lugar natural, como o seu
hábitat –nisto certamente diferenciábase moito de Xoán Bautista-, así tamén, no
noso caso, a nosa soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias
coresmais non deberían ter outro sentido senón o de convertérmonos en
instrumentos vivos e operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste
xeito con tódolos seus fillos e fillas, irmás e irmáns nosos. Dinos Marcos que
foi despois de Xesús superar as tentacións e de os poderosos deste mundo térenlle
pechado a boca a Xoán Bautista encadeándoo no cárcere cando el empezou a
anunciar o Reino de Deus, a Boa Nova.
Non
son eu, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma coma un tempo
tristeiro, un tempo de non podermos xa pasalo ben coma no Entroido, cando se
pode quizais ver algún día na mesa lacón con grelos, para empezar, e despois
filloas, orellas ou ricas lambetadas. Dígoo non por isto, senón porque tamén na
Igrexa houbo dende hai xa algún tempo cambios na secular liturxia coresmal. Por
exemplo, o normal agora é que non se diga xa en ningures no Mércores da Cinza a
fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes a cinza na cabeza dicíndonos:
“Lémbrate de que es po e en po te has converter”. A mensaxe é agora moito máis
alegre e, desde logo, moito máis cristiá: “Convértete e cre no Evanxeo”; é
dicir, convértete á boa, á alegre noticia. Cal é esa boa nova? Pois nada máis e
nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, a de que Deus está
connosco, de que Deus nos quere coma fillos del que somos e de que calquera
persoa que estea ó meu lado (ou lonxe de min) é irmán meu... Xa sabemos que foi
por fin un papa (o papa Francisco) o que se atreveu a poñer a “alegría” como
centro do evanxeo, da boa e alegre nova.
Por
iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de
“Entroido”, e non a de “Carnaval”, porque “Entroido” ten que ver coa “entrada”
na Coresma. Non hai polo tanto un “corte” ou separación entre o Entroido e a
Coresma. O Entroido non é máis cá porta aberta, alegre e festeira, cara á
alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo da Coresma
vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, “Convértete e cre no
evanxeo”, é dicir, cre na “alegre nova” de Xesús.
Claro
que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír
nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder dispoñer dos
bens que eles precisan e que a outros lles sobran. Porque a mensaxe coresmal
“Convértete e cre no Evanxeo” leva consigo tomar conciencia viva e práctica de
que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús, ninguén debería ter
motivo para me acusar de que non me comporto con el coma un irmán.
Esta
é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar.
Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe, “enerxicamente” como a Xesús, ó
“deserto” ou á “corentena” da nosa conversión a Deus Pai e á visión de tódalas
persoas como auténticas irmás nosas. Como vedes, neste sentido non tódalas
“corentenas” son necesariamente malas...
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/1-coresma-b-marcos-112-15/
Comentarios
Publicar un comentario