Domingo VI do Tpo. Ordinario - ciclo B
Primeira Lectura Lev 13, 1-2. 44-46
O leproso vivirá el só fóra do campamento
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:
— Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha de cor abrancazada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes.
Trátase dun home contaxiado de lepra, é impuro e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques, tapará cun veo a súa barba, e irá berrando: impuro, impuro.
Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 31, 1-2. 5. 11
R.: (7)Ti es o meu amparo, gárdasme dos perigos e cínguesme co gozo do rescate.
Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.
Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: “Voulle confesar a miña culpa ao Señor”,
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.
Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.
Segunda Lectura 1 Cor 10, 31-11, 1
Imitádeme a min como eu imito a Cristo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Irmáns:
Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que realicedes, facédeo todo para gloria de Deus.
Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.
Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 40-45
Desapareceulle a lepra e quedou limpo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, acercóuselle un leproso a Xesús, e rogoulle de xeonllos:
— Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, estremecido, estendeu a man, e tocouno, dicindo:
— Pois quero, queda limpo.
E no instante desapareceulle a lepra e quedou limpo. E despediuno e, poñéndose moi serio, mandoulle:
— Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés para que lles conste.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario