Mans Unidas 2021




Mans Unidas-Campaña contra a fame é unha Organización Non Gobernamental e Desenvolvemento, católica, de voluntarios, cuxa misión é a loita contra a fame, a miseria, a desigualdade e a exclusión, e, sobre todo, contra as causas que as producen e as estruturas inxustas que as manteñen.

Porque sabemos que, na procura do ben común e a construción dun mundo máis xusto, necesitamos do apoio solidario de toda a sociedade, especialmente nestes tempos de pandemia que está a agravar unha crise ambiental, sanitaria e social sen precedentes.

Por todo isto, desde Mans Unidas

Denunciamos:

*  Que as cifras da fame e a pobreza empeoraron por mor da actual pandemia, e que as comunidades máis vulnerables non terán asegurado o acceso ás vacinas para enfrontala.
*  Que a crise sanitaria do coronavirus atopou á humanidade xa inmersa nunha alarmante crise ambiental, vinculada especialmente tanto co cambio climático como co uso abusivo dos recursos naturais, e que incide especialmente nas comunidades máis vulnerables do Sur.
*  Que os grandes principios, como o ben común, o respecto aos demais, a xustiza ou a solidariedade quedan relegados e, con eles, as vítimas da pobreza, a crise ambiental e as pandemias globais.


Demandamos:

* Programas globais que permitan garantir a toda persoa os seus dereitos básicos máis elementais, como a propia vida, a alimentación, a saúde, a auga e o saneamento, a vivenda ou a educación.
*  Un compromiso firme dos poderes políticos, económicos e sociais en non buscar a superación da crise económica causada polo coronavirus mediante a volta ao uso intensivo de combustibles fósiles, a sobreexplotación dos recursos non renovables ou a deforestación.
*  Unha revalorización de "a economía de coidados" -aínda exercida sobre todo por mulleres- para seguir defendendo a sustentabilidade da vida humana e do planeta.
*  A construción duns sistemas políticos e económicos coherentes coa dignidade humana, fundamentados no ben común, a defensa dos dereitos humanos e o coidado da casa común, que esixe a participación dunha cidadanía cohesionada e capacitada nos seus dereitos.
* Unha educación que xere unha "cultura da solidariedade", unha "civilización de amor", comprometida na loita contra a pobreza e a exclusión, desde a promoción das "condicións de vida digna" que marca o ben común. 


Queremos:

*  Manifestar a nosa convicción de que a principal achega de Mans Unidas é acompañar ás comunidades máis empobrecidas e vulnerables na súa loita por deseñar e implementar o seu "ben común", como marco para vivir os dereitos da dignidade humana, sendo axentes do seu propio desenvolvemento.
*  Expresar a nosa convicción de que a mellor vacina contra o coronavirus é o respecto de todos, homes e mulleres, e dos seus territorios, onde soñan con seguir cos seus estilos de vida, espiritualidade e cultura.
*  Proclamar que a solidariedade é unha esixencia da nosa dignidade humana compartida, que implica que cada ser humano, segundo as súas circunstancias, sexa responsable de todos os demais, asumindo as causas do outro como causas propias.
*  Compartir as aprendizaxes que nos transmiten os nosos socios locais e as comunidades ás que representan, na súa loita por lograr un desenvolvemento sustentable.
*  Comprometernos a cambiar os nosos estilos de vida para facelos máis solidarios e máis responsables co ben común e co coidado do noso planeta.


Mans Unidas leva 62 anos coa misión da loita contra a fame e a pobreza e as causas que as producen. Aínda que constatamos que se conseguiron avances, aínda queda moito por facer. E agora, máis que nunca, con esta pandemia que arrasa o planeta e que está a facer retroceder todos eses avances, temos que seguir acompañando aos nosos irmáns do Sur na defensa dunha vida digna para todos.

Só coa participación de todos é posible camiñar cara a un mundo onde os dereitos humanos deixen de ser unha declaración de intencións para converterse en xusta realidade. É o que nos demandan os nosos socios locais e as comunidades ás que representan.






Comentarios

Publicacións populares