FICHA E LECTIO: Domingo 6 do Tpo. Ordinario B

FICHAS ANTERIORES:  FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Contactando cos marxinados

 (14. II. 2021)

            Marcos continúa a nos falar de Xesús como curador desde as súas entrañas bondadosas. Manifesta el así o agarimo co que Deus Pai nos quere a todos sen prevencións nin distincións. Pois sabemos ben xa que Xesús é a manifestación mesma do Deus-Pai invisíbel. Lembrémonos do dito de Xesús: “Quen me ve a min, ve o Pai”. Se ollamos, polo tanto, como actúa Xesús, estamos a ver tamén como é Deus e, en consecuencia, como nos debemos comportar nós.

            Para apreciarmos nalgunha medida o atrevemento de Xesús ó tocar e curar da gafura (laceira ou lepra) o enfermo que se achegou a el, hai que ter en conta o contexto cultural e relixioso do xudaísmo. A persoa afectada por esa enfermidade era visto como alguén que se comportara mal. A lepra era o seu sinal. Legalmente era un “impuro” e contaxiaba os demais. Por iso nin se podía achegar el a ninguén nin tampouco os demais se podían achegar a el. Do contrario, convertíanse tamén eles en pecadores, en “impuros”. Por iso os leprosos tiñan que vivir en sitios abandonados ou desérticos. A comida, que recibían de familiares, deixábana estes a unha certa distancia para evitar calquera perigo de quebrantar a lei converténdose eles mesmos en impuros e pecadores. Algo en certo modo semellante ós nosos comportamentos cos afectados pola actual pandemia mundial.

            Mais Xesús rompe aquí tamén coas normas sociais e relixiosas para anunciar que por enriba de calquera convención social somos todos irmáns, irmáns del e irmáns entre nós, en canto fillos dun mesmo Pai. Marcos cóntanos que Xesús se “estremeceu”, ou sexa, que se lle conmoveron as entrañas ante este seu irmán que a sociedade e a relixión, da que o mesmo Xesús participaba, excluíra ou marxinara de maneira tan drástica. Se Xesús fose, para entendérmonos, un “fundamentalista” da lei, tería que lle recriminar ó gafo que en vez de lle pedir que o curase debería el máis ben berrar, como mandaba a lei: “son impuro, son impuro”. Para que, ó oíren iso, tanto Xesús coma calquera outra persoa non se puxesen en perigo de se converter tamén eles en “impuros” e pecadores. Xesús, pola contra, lonxe de proceder así, “estende a súa man, –tal como nos conta Marcos– tócao” e cúrao.

            O mal xa estaba feito, podemos dicir. Porque, aínda que Xesús se pon “moi serio” (como se di no texto de Marcos) e lle insiste ó curado en que non diga nada, senón que se limite a comunicar ós sacerdotes que está san, el non é capaz de aturar a alegría que leva consigo sen comunicárllela a cantos atopa. Como consecuencia, Xesús non pode agora entrar nas vilas e ten que ficar “fóra” –como tamén nos refire Marcos- “nos arredores apartados”. É dicir, Xesús mesmo, o curador da gafura, xustamente por ter “tocado” un gafo, convértese el mesmo agora legalmente en “gafo”, en “pecador”, en excluído ou marxinado social. Aínda así ou quizais precisamente por iso, dinos Marcos que a xente “seguía acudindo a el de todas partes”. Como vedes, Xesús non foxe da xente socialmente mal vista, senón que se achega a ela. Quere a todos coma irmáns, porque son de verdade irmáns seus. E quen, se non é un “desnaturalizado”, non quere e cura, se é que el pode, a seu irmán?

            Falando de gafos ou leprosos, lembro un día máis neste contexto o Padre Seixas. Comentaba no último domingo que el, cando só tiña 25 anos, solicitara do Pai Xeral dos xesuítas que o destinase a traballar nalgunha institución de leprosos. Mais como non o conseguiu del, pediu traballar con outros excluídos sociais, os negros. Polo menos puido traballar con obreiros en diversos lugares do mundo, tamén aquí en Vigo. Sempre quixo, coma Xesús, achegarse ós marxinados, tocalos, para así lles ofrecer e dar alegría e sen renunciar tampouco, chegado o caso, a un chisco de humor. Por exemplo, comentaba un coñecedor de Seixas algúns episodios da súa estancia na República Dominicana así: “En certa ocasión acudiu a dar a Extrema Unción a un ancián de oitenta anos que estaba a morrer. Na habitación había tres mulleres: a esposa e as dúas concubinas. O Dereito parece que lle esixía botar as dúas concubinas, pero isto parecíalle ofensivo para elas; así que tomou dúas candeas, déullelas a cada unha e díxolles: ‘Xa que o axudastes a ben vivir, axudádeo a ben morrer”. “Quedoulle para sempre desa época de Santo Domingo un amor e un agarimo especial polos negros”.

            E agora algúns outros testemuños da súa estancia aquí en Vigo: “Logrou en Vigo empalmar fenomenalmente coa colonia negra, mozos negros procedentes do Zaire, o Congo, Guinea, etc. Fixo matrimonios entre eles, bautizos, etc. e saía comer con eles esas galdrumadas africanas das que volvía encantado. Tiña unha graza especial para empalmar coas xentes máis estrañas: vendedores de prensa ou de xeados, taxistas, etc., sempre xente humilde e marxinada. Foi sempre moi amante dos marxinados e das culturas marxinadas”. “Parábase con tódolos ‘morenos’ que atopaba en Vigo e procuraba buscarlles comida e traballo, parábase cos xitanos, axudou nas horas heroicas os obreiros de Citroën e do sector naval”.

            Como vedes, os gafos ou leprosos, cos que Seixas pediu desde un principio poder traballar foron de feito para el as persoas marxinadas. Coma Xesús, Seixas trataba a todos como irmáns seus, pero de maneira especial os máis excluídos dos bens destinados para todos.

            Neste sentido, como hoxe é o día da “Campaña contra a fame no mundo”, promovida por “Mans Unidas”, teñamos presentes na nosa mente tantos como, aínda nos tempos de hoxe, continúan a pasar fame e esforcémonos en traballar do modo máis eficaz que poidamos para que deixe dunha vez de existir o grave escándalo de que, mentres que no mundo morren millóns de nenos e persoas por enfermidades perfectamente curábeis, se destinen crecentes recursos a guerras e, en troques, se recorte a axuda alimentaria.

            Sexamos, pois, curadores da humanidade e non cómplices da inhumanidade.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/6-tempo-ordinario-b-marcos-140-45-3/



Comentarios

Publicacións populares