Domingo II de Coresma - ciclo B
Primeira Lectura Xén22, 1-2. 9a. 10-13. 15-18
Sacrificio do noso patriarca Abrahán
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
— Abrahán!
El respondeu:
— Aquí estou.
Deus mandoulle:
— Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei.
Chegados ao lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
— Abrahán! Abrahán!
El respondeu:
— Aquí estou.
O anxo dixo:
— Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes.
Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceunoen sacrificio, no posto do seu fillo.
O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
— Xúroche por min mesmo—palabra do Señor— que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos, todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me ter ti obedecido.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 115, 10 e 15. 16-17. 18-19
R.: (Sal 114, 9) Camiñarei na presenza do Señor, na terra da vida.
Eu tiña fe mesmo cando dicía:
“Que desventurado son!”.
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva;
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificios de loanza
invocando o teu nome, Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo,
nos adros da casa do Señor,
no medio de ti, Xerusalén,
Segunda Lectura Rm 8, 31b-34
Deus non escatimou a entrega do seu propio Fillo
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Irmáns:
Se Deus está connosco, quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
Quen acusará os escolleitos de Deus?Non é Deus o perdoador? Quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
VERSÍCULO
Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
“Este é o meu Fillo benquerido, escoitádeo”.
Evanxeo Mc 9, 2-10
Este é o meu Fillo benquerido
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e subiu con eles sós a un monte alto.
Alí transfigurouse diante deles; e os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.
E aparecéuselles Elías e mais Moisés, que estaban a falar con Xesús.
Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
— Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.
E formouse unha nube que os cubriue,desde a nube, deixouse oír unha voz:
— Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.
Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.
Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de “resucitar de entre os mortos”.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario