Mensaxe do Santo Padre Francisco para a Coresma 2021
TOMADO DE: https://press.vatican.va / TEXTO EN GALEGO DE: Carlos González Prieto
«Vede que subimos a Xerusalén...» ( Mt 20,18).
Queridos irmáns e irmás:
Cando Xesús anuncia aos seus discípulos a súa paixón, morte e resurrección, para cumprir coa vontade do Pai, revélalles o fondo sentido da súa misión e exhórtaos a asociarse a ela, para a salvación do mundo.
Percorrendo o camiño coresmal, que nos conducirá ás celebracións pascuais, lembremos a Aquel que «se abaixou a si mesmo, facéndose obediente ata a morte, e a morte de cruz» ( Flp 2,8). Neste tempo de conversión anovemos a nosa fe, saciemos nosa sede coa “auga viva” da esperanza e recibamos co corazón aberto o amor de Deus que nos converte en irmáns e irmás en Cristo. Na noite de Pascua renovaremos as promesas do noso Bautismo, para renacer como homes e mulleres novos, grazas á obra do Espírito Santo. Con todo, o itinerario da Coresma, do mesmo xeito que todo o camiño cristián, xa está baixo a luz da Resurrección, que anima os sentimentos, as actitudes e as decisións de quen desexa seguir a Cristo.
O xaxún, a oración e a esmola, tal como os presenta Xesús na súa predicación (cf. Mt 6,1-18), son as condicións e a expresión da nosa conversión. A vía da pobreza e da privación (o xaxún), a mirada e os xestos de amor cara ao home ferido (a esmola) e o diálogo filial co Pai (a oración) permítennos encarnar unha fe sincera, unha esperanza viva e unha caridade operante.
A fe chámanos a acoller a Verdade e a ser testemuñas, ante Deus e ante os nosos irmáns e irmás.
Neste tempo de Coresma, acoller e vivir a Verdade que se manifestou en Cristo significa ante todo deixarse alcanzar pola Palabra de Deus, que a Igrexa nos transmite de xeración en xeración. Esta Verdade non é unha construción do intelecto, destinada a poucas mentes elixidas, superiores ou ilustres, senón que é unha mensaxe que recibimos e podemos comprender grazas á intelixencia do corazón, aberto á grandeza de Deus que nos ama antes de que nós mesmos sexamos conscientes diso. Esta Verdade é Cristo mesmo que, asumindo plenamente a nosa humanidade, fíxose Camiño —esixente pero aberto a todos— que leva á plenitude da Vida.
O xaxún vivido como experiencia de privación, para quen o vive con sinxeleza de corazón leva a descubrir de novo o don de Deus e a comprender a nosa realidade de criaturas que, ao seu xeito, atopan nel o seu cumprimento. Facendo a experiencia dunha pobreza aceptada, quen xaxúa faise pobre cos pobres e “amorea” a riqueza do amor recibido e compartido. Así entendido e posto en práctica, o xaxún contribúe a amar a Deus e ao próximo en canto, como nos ensina santo Tomé de Aquino, o amor é un movemento que centra a atención no outro considerándoo como un consigo mesmo (cf. Carta enc. Fratelli tutti, 93).
A Coresma é un tempo para crer, é dicir, para recibir a Deus na nosa vida e permitirlle “poñer a súa morada” en nós (cf. Xn 14,23). Xaxuar significa liberar a nosa existencia de todo o que estorba, mesmo da saturación de informacións —verdadeiras ou falsas— e produtos de consumo, para abrir as portas do noso corazón a Aquel que vén a nós pobre de todo, pero «cheo de graza e de verdade» (Xn 1,14): o Fillo de Deus Salvador.
A esperanza como “auga viva” que nos permite continuar o noso camiño
A samaritana, a quen Xesús pide que lle dea de beber ao pé do pozo, non comprende cando El lle di que podería ofrecerlle unha «auga viva» (Xn 4,10). De primeiras, naturalmente, ela pensa na auga material, mentres que Xesús se refire ao Espírito Santo, aquel que El dará en abundancia no Misterio pascual e que infunde en nós a esperanza que non defrauda. Ao anunciar a súa paixón e morte Xesús xa anuncia a esperanza, cando di: «Ao terceiro día resucitará» (Mt 20,19). Xesús fálanos do futuro que a misericordia do Pai abriu de par a par. Esperar con El e grazas a El quere dicir crer que a historia non termina cos nosos erros, as nosas violencias e inxustizas, nin co pecado que crucifica ao Amor. Significa saciarnos do perdón do Pai no seu Corazón aberto.
No actual contexto de preocupación no que vivimos e no que todo parece fráxil e incerto, falar de esperanza podería parecer unha provocación. O tempo de Coresma está feito para esperar, para volver dirixir a mirada á paciencia de Deus, que segue coidando da súa Creación, mentres que nós a miúdo maltratámola (cf. Carta enc. Laudato si, 32-33;43-44). É esperanza na reconciliación, á que san Paulo nos exhorta con paixón: «Deixádevos reconciliar con Deus» (2 Co 5,20). Ao recibir o perdón, no Sacramento que está no corazón do noso proceso de conversión, tamén nós convertémonos en espalladores do perdón: ao acollelo nós, podemos ofrecelo, sendo capaces de vivir un diálogo atento e adoptando un comportamento que conforte a quen se atopa ferido. O perdón de Deus, tamén mediante as nosas palabras e xestos, permite vivir unha Pascua de fraternidade.
Na Coresma, esteamos máis atentos a «dicir palabras de alento, que reconfortan, que fortalecen, que consolan, que estimulan», en lugar de «palabras que humillan, que entristecen, que irritan, que desprezan» (Carta enc. Fratelli tutti [ FT], 223). Ás veces, para dar esperanza, é suficiente con ser «unha persoa amable, que deixa ao carón as súas ansiedades e urxencias para prestar atención, para regalar un sorriso, para dicir unha palabra que estimule, para posibilitar un espazo de escoita no medio de tanta indiferenza» ( ibíd., 224).
No recollemento e o silencio da oración, dásenos a esperanza como inspiración e luz interior, que ilumina os desafíos e as decisións da nosa misión: por isto é fundamental recollerse en oración (cf. Mt 6,6) e atopar, na intimidade, ao Pai da tenrura.
Vivir unha Coresma con esperanza significa sentir que, en Xesucristo, somos testemuñas do tempo novo, no que Deus “fai novas todas as cousas” (cf. Ap 21,1-6). Significa recibir a esperanza de Cristo que entrega a súa vida na cruz e que Deus resucita ao terceiro día, “dispostos sempre para dar explicación a todo o que nos pida unha razón da nosa esperanza” (cf. 1 P 3,15).
A caridade, vivida tras as pegadas de Cristo, mostrando atención e compaixón por cada persoa, é a expresión máis alta da nosa fe e a nosa esperanza.
A caridade alégrase de ver que o outro crece. Por este motivo, sofre cando o outro está angustiado: só, enfermo, sen fogar, desprezado, en situación de necesidade… A caridade é o impulso do corazón que nos fai saír de nós mesmos e que suscita o vínculo da cooperación e da comuñón.
«A partir do “amor social” é posible avantar cara a unha civilización do amor á que todos poidamos sentirnos convocados. A caridade, co seu dinamismo universal, pode construír un mundo novo, porque non é un sentimento estéril, senón a mellor maneira de lograr camiños eficaces de desenvolvemento para todos» ( FT, 183).
A caridade é don que dá sentido á nosa vida e grazas a este consideramos a quen se ve privado do necesario como un membro da nosa familia, amigo, irmán. O pouco que temos, se o compartimos con amor, non se acaba nunca, senón que se transforma nunha reserva de vida e de felicidade. Así sucedeu coa fariña e o aceite da viúva de Sarepta, que deu o pan ao profeta Elías (cf. 1 R 17,7-16); e cos pans que Xesús bendiciu, partiu e deu aos discípulos para que os distribuísen entre a xente (cf. Mc 6,30-44). Así sucede coa nosa esmola, xa sexa grande ou pequena, se a damos con gozo e sinxeleza.
Vivir unha Coresma de caridade quere dicir coidar a quen se atopa en condicións de sufrimento, abandono ou angustia por mor da pandemia de COVID-19. Nun contexto tan incerto sobre o futuro, lembremos a palabra que Deus dirixe ao seu Servo: «Non temas, que eu son o teu redentor» ( Is 43,1), ofrezamos coa nosa caridade unha palabra de confianza, para que o outro senta que Deus ámao como a un fillo.
«Só cunha ollada cuxo horizonte estea transformado pola caridade, que a leva a percibir a dignidade do outro, os pobres son descubertos e valorados na súa inmensa dignidade, respectados no seu estilo propio e na súa cultura e, por tanto, verdadeiramente integrados na sociedade» ( FT, 187).
Queridos irmáns e irmás: Cada etapa da vida é un tempo para crer, esperar e amar. Este chamado a vivir a Coresma como camiño de conversión e oración, e para compartir os nosos bens, axúdanos a reconsiderar, na nosa memoria comunitaria e persoal, a fe que vén de Cristo vivo, a esperanza animada polo sopro do Espírito e o amor, cuxa fonte inesgotable é o corazón misericordioso do Pai.
Que María, Nai do Salvador, fiel ao pé da cruz e no corazón da Igrexa, nos sosteña coa súa presenza solícita, e a bendición de Cristo resucitado acompáñenos no camiño cara á luz pascual.
Roma, San Xoán de Letrán, 11 de novembro de 2020, memoria de san Martiño de Tours.
Comentarios
Publicar un comentario