FICHA E LECTIO: Domingo 5 do Tpo. Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Sementando saúde
(7. II.
2021)
Coma nos nosos tempos, tamén nos tempos de Xesús había
naturalmente, polo que se ve, gripe, febres e quizais tamén de cando en vez
algunha peste semellante a este na que nós estamos. A xente pobre e marxinada
seguramente sería entón, igual ca hoxe, máis indefensa ante enfermidades e
contaxios. Como sabemos, os irmáns Simón Pedro e Andrés por unha banda e
Santiago e Xoán pola outra eran da clase baixa. Simples pescadores ocasionais.
Os seus familiares serían tamén polo tanto xente humilde e sinxela, da mesma
clase social ca eles.
Simón, o primeiro papa (aínda que daquela non se
empregasen estas solemnes expresións), estaba casado -como tamén probablemente
os demais apóstolos- e a súa sogra estaba encamada, afectada pola febre. Era
lóxico que, aínda que a enfermidade da sogra de Simón Pedro posiblemente non
fose grave, quixese Xesús ter polo menos un pequeno detalle coa nai da muller
do quizais máis impulsivo e xeneroso dos seus discípulos. Marcos dinos que
Xesús a colleu da man e ergueuna da cama. Coa súa mirada e o seu sorriso
agarimosos Xesús sandaba xente.
Nos nosos tempos, e con toda razón, estase a pór de
relevo unha e outra vez a importancia de Xesús como sandador, como curador
misericordioso. Marcos dinos que, despois de sandar Xesús a sogra de Pedro, se
amoreou moita xente á porta da casiña onde vivía a enferma e alí curou moitos
enfermos. ¿Que quero dicir ou, mellor, que queren dicir importantes entendidos
actuais coa importancia que lle dan a Xesús como curador ou sandador? Non se
trata de que o seu oficio fose simplemente ese. Curaba, si, pero non o facía
con todos nin por todas partes. Seguía a haber xente enferma. O que pasa é que
Xesús vén indicarnos co seu comportamento a dirección, o camiño que deberiamos
seguir os seus discípulos. Xesús non se preocupou propiamente de darnos unha
moral especial, non vai establecer ritos ou cultos novos, non vai fundar
propiamente tampouco unha nova relixión. O que vai facer, si, e de maneira moi
insistente, é ser e mostrarse compasivo con todo o mundo, apoiar os humildes e
necesitados para que souberan sentir en si mesmos a dignidade de fillos de
Deus. E todo isto de maneira moi concreta e real.
Sendo e comportándose así, amósanos el ben claro como é o
seu Pai e noso Pai, levándonos así a el. Non é un simple filántropo, baseado en
consideracións puramente humanas. El sabe que o Reino que nos trae está
fondamente baseado na súa íntima experiencia de que Deus é Pai universal de
todos e que nos quere ben a todos. Por iso non deixa de entrar en contacto cada
día co seu Pai (e noso Pai) na oración, por moito que se ocupe tamén de dar e
ofrecer felicidade ós seus irmáns, ás xentes que convivían con el.
Marcos coméntanos que Xesús non se deixou levar do fervor
e da admiración da xente cara a el á vista das curacións realizadas, senón que
“se ergueu moi cedo, aínda de noite, e saíu para un lugar arredado onde se puxo
a orar”. El –tal como vemos- necesita falar e dialogar con seu pai, que é pai
noso tamén.
E a propósito, o P. Seixas, que tantas veces e tanta
xente animou na fe nesta igrexa ata hai arredor de 30 anos e que tiña ademais unha
actividade exterior moi intensa, comentaba por exemplo en relación coa
importancia da oración o seguinte: “A pregaria, a oración, é a cousa máis
necesaria pra vivir de acordo a esta dependencia de Deus, pra facer sempre a
vontade de Deus”. “O verbo pregar é o verbo que máis se debe conxugar na vida
cotiá”. “A primeira cousa máis importante na miña vida é falar con Deus. Falar
e escoitalo. Non hai cousas máis importante”.
O P. Seixas, como cristián exemplar, non facía senón
imitar o comportamento de Xesús, que ben fornecido do amor de seu Pai na
oración, volvía ós seus irmáns, as concretas persoas do seu tempo, para lles
ofrecer o amor, a alegría e a curación que veñen de Deus. A súa vida movíase
sempre, coma péndulo dun vello reloxo de parede, entre o diálogo filial co seu
Pai e o diálogo fraternal cos seus irmáns. El sabía ben que non se pode amar a
Deus sen amar os irmáns.
O P. Seixas comportábase de xeito semellante, Así, cando
tiña 25 anos escríbelle ó P. Xeral da Compañía de Xesús pedíndolle que o destine
a algunha leprosería para atender alí os leprosos. Como iso non se lle
concedeu, volveu pedir anos máis tarde unha e outra vez ós seus Superiores (tamén
ó seguinte Xeral da Compañía) que o mandase a misións con negros, se non a
África pola súa pouca saúde, polo menos a Haití. Tampouco o conseguiu. Menos
mal que algúns anos despois puido recibir unha oferta pra ir á República
Dominicana e, deixando o traballo que daquela exercía na Coruña, alá se foi
axiña e puido atender por fin tamén a súa querida xente de raza negra. A isto
se debeu tamén a súa gran simpatía coa colonia negra aquí en Vigo, cando volveu
enfermo de América e os seus superiores o destinaron a residir nesta nosa
cidade.
Os enfermos e necesitados que Xesús atendía e curaba, e
ós que Seixas intentou sempre achegarse, témolos sempre tamén entre nós. Xesús
convídanos, co seu exemplo, a comportármonos como el o fixo, para así irmos
construíndo un mundo que sexa verdadeiro Reino de Deus.
Paulo lémbranolo tamén hoxe na súa carta ós Corintios ó nos
falar de que o Evanxeo é para el “unha necesidade que ten enriba del”, que o
forza e convida a se facer, como el di, “escravo de todos”. “Cos débiles –dinos
nesa súa carta- fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos,
para salvar algúns custe o que custe. Todo o fago polo Evanxeo, para ter
algunha parte del”.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-b-marcos-129-39-3/
Comentarios
Publicar un comentario