FICHA E LECTIO: Domingo 4 do Tpo. Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
Termos
autoridade
(31. I. 2021)
Sempre
me chamou moito a atención o que se nos di hoxe no Evanxeo de Marcos verbo de
Xesús: “Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten
autoridade, non coma os letrados”.
Non
fixen estudos de Dereito. Mais imaxino que algúns dos profesores desta
Facultade explicarán os temas das leis algo así como facían os letrados dos que
se nos fala no Novo Testamento. Xa sabemos que as leis que rexían o
comportamento dos xudeus do tempo de Xesús eran moitas, moi minuciosas e tamén
moi concretas e exteriores. Para iso o pobo precisaba de mestres da lei que
dunha maneira bastante impersoal e escasamente comprometida lle explicasen con
detención as cousas.
Mais
xa sabemos que, como tantas veces temos tamén oído, a letra mata, mentres que
só o espírito vivifica. O que importa, pois, é o espírito da lei, non a súa
letra.
Xesús
era chamado tamén “Mestre”. Estrañáballes porén poderosamente as cousas que
dicía e o seu modo de dicilas. Era algo así coma un volcán, semellante a eses
dos que algunha vez lin que dende o fondo do mar das illas Canarias abrollaban
ou abrollan cara á superficie, chegando a formar se cadra co tempo unha nova
illa por enriba do mar. Os volcáns emiten a súa palabra, a súa voz e os materiais
que lanzan á atmosfera dende a interioridade de si mesmos.
Quero
dicir. Xesús falaba desde a súa experiencia máis íntima. Falaba do que el vivía
e sabía. Desde a conciencia do seu saberse unido intimamente co Pai e con
tódolos seus irmáns do mundo. Os irmáns do seu tempo, os do noso tempo e os dos
tempos que veñan despois do noso. Era un falar comprometido, apaixonado,
fraternal, divinamente humano. Quen puidera estar alí presente para podelo
experimentar! Sobre todo, sería un falar libre e animoso, engaiolante. “Nunca
ninguén falou así!”, dicían uns. Outros non podían entender o que ocorría. E
comentaban: “Non é este o fillo do carpinteiro?”. Coma quen di: ¿Non é este o
fillo da panadeira veciña ou do albanel en paro?... Era un verdadeiro escándalo.
Mais por outra parte o que dicía tiña que ser verdade, porque se non ¿como
podía namorarse tanto o corazón do que el dicía? Tiña que ser verdade o que
dicía. Porque el, o profeta, ofrecía confianza e paz ós corazóns. El facía as
persoas verdadeiramente libres e felices.
Sen
dúbida, a xente non podía menos de dicir o que nos refire Marcos que
comentaban. “É unha nova doutrina, e con autoridade”. No curto texto de Marcos
dísenos dúas veces que el falaba e ensinaba con “autoridade”.
A
palabra “autoridade” adoita confundirnos moito. Cando se nos comunica que están
a chegar as autoridades, un pensa que vai vir o alcalde de Vigo, ou quizais o
Presidente da Xunta ou alguén máis importante aínda... Aínda que vivamos en
países chamados democráticos, as autoridades sempre nos producen un non sei que
de medo ou respecto, posiblemente atávico. Lembro be que cando se celebrou cara
a finais do ano 2010 (un par de meses despois de eu chegar a Vigo) o funeral
por Paco Fernandez del Riego, estaba eu alí entre os demais asistentes na
Colexiata. Asistiu tamén o Presidente da Xunta. Estaba eu próximo á porta de
entrada e por alí pasou el ó rematar o oficio. Como eu ollaba con certa curiosidade
cara a el, achegouse el a min, deume a man e díxome: “Hola, amigo!”. Non nos
coñeciamos de nada. Mais como el era nada menos que unha “autoridade”, tiven
que romper o xeo que provocaba en min a autoridade e saudalo.
Pois
ben, cando Marcos nos di que Xesús falaba con “autoridade” non era este tipo de
autoridade humana (civil, militar ou relixiosa) a que alí se estaba a experimentar.
Non. Á fin e o cabo, todos vós saberedes que a palabra “autoridade” provén, nas
linguas que proveñen do latín, da raíz latina “augere”, que significa
“aumentar”. De modo que un ten “autoridade” cando sabe e é capaz de aumentar,
de acadar aumentar os demais, de facelos medrar, de endereitar e encher as
velas da propia barca e así facela camiñar con suavidade e constancia polo mar.
Co vento, co espírito da fala de Xesús a xente notaba que as velas das súas
vidas se enchían e despregaban. En consecuencia, podían vivir e camiñar con
ilusión.
Sumos
Pontífices, bispos, cregos, frades, párrocos, xente normal e corrente como nós,
deberiamos aprender a ser xente de “autoridade”, é dicir, xente revestida
interna e externamente da autoridade de Xesús, que se algún diploma, insignia
ou currículo tiña era só o de el ser o noso irmán maior e fillo primoxénito do
noso común Pai Deus, aínda que para evitar malentendidos se autonomeara sinxelamente
nada máis que como “o fillo do home”.
Se
queremos, pois, ter algunha autoridade ante os demais ten que ser sempre aquela
que é fondamente democrática e humana e que, coma a del, fai medrar os demais
na fraternidade, na humanidade. Se Xesús é, pois, o Deus feito home, non nos
queda outro camiño para achegármonos a Deus que comportarnos coma el: facérmonos
plenamente humanos.
É
válida aquí tamén a sentencia lapidaria do poeta grego Píndaro: “Chega a ser o
que es”. No contexto no que estamos a falar: Cheguemos a ser o que somos, persoas
humanas, plenamente humanas. É só así como chegaremos a ser verdadeiramente
divinos. Foi isto o que nos veu dicir Xesús ó nos traer a mensaxe do Pai. El
foi ese fermento da humanidade que fixo “aumentar” ou medrar coa súa autoridade
as nosas vidas. Foi esta ademais unha das comparanzas das que el botou man
algunha vez: a súa mensaxe sería como aquela pequena cantidade de fermento que
fai levedar e inchar toda a masa de millo ou trigo que se vai converter en pan.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario